domingo, 10 de julio de 2016

UNIDOS PERDEMOS

O grupo político de Podemos ten no seu haber dous méritos que ninguén lle poderá negar: remover e revolucionar a dinámica cómoda e corrupta dos partidos instalados na aternancia de goberno e alcanzar unha representación parlamentaria en só dous anos de 71 deputados. Dito isto,  o partido ou como queira que se chame, perdeu a oportunidade de tocar poder coa velocidade do raio e pasoulle o sol pola porta. Hai oportunidades que se non se aproveitan non se repiten. Podemos malgastou a súa e agora tócalle aprender, sufrir, retroceder, coñecer límites, talvez, polo menos mentres non se aclare, curtirse durante varias lexislaturas para ter a tiro de pedra a oportunidade de gobernar. Ou se cadra non volver a tela nunca máis.
            Tres son a causas polas que Podemos padeceu un freazo en seco. A velocidade excesiva coa que se conduciron sendo conscientes de que agora era o momento, as malas compañías das que tanto dependen e a inconsistencia ditada pola luz que os cegou ao se ver tan cerca de gobernar. A velocidade arrastraunos polo cavorco do engano ao conter dentro de si o frenesí do éxito e a trampa do fracaso. O seu dinamismo propagandístico, a súa facilidade no manexo das redes sociais, a habilidade para conectar con sectores heteroxéneos da poboación acercounos á meta de maneira que nin eles puideron soñar. Pero esa mesma velocidade delatounos na súa ambición rabiosa, nas súas contradicións e na impaciencia que os precipitou na desconfianza e no medo do votante. Con ser os seus fundadores sociólogos e estudosos da política, erraron ao non calcular que en España a desesperación, con ser dura a crise, aínda non é tanta coma para que o cidadán opte por un cambio tan difuso e inseguro así como así, a cegas. Porque no seu devenir programático acabaron por solicitar que se confiase neles só por aludir a un sorriso e unha ilusión baleiras. Instalados no convencemento de que era o momento – e érao-, descoidaron demasiados frontes polos que lles atacaron sen piedade e non souberon dar resposta. Moito votante acabou crendo que eran pura ambición, desexo de poder polo poder, ganas de control e derribo do construído só polo pracer de iniciar unha aventura incerta propia de políticos de departamento de facultade vivos e pícaros, pero verdes e coa cabeza aínda moi chea de paxaros, como demostrou o infantilismo de cegarse coa repetición de eleccións para confirmar a Rajoy no goberno.
            A segunda trampa que os freou está relacionada coas compañías. As do pasado e as presentes. As do pasado por instalarse no comodín de insistir en que a eles o que lles importaban eran os desafiuzamentos, os nenos mal alimentados e as familias sen luz de aquí,  sen necesidade de ir a Grecia ou Venezuela. Pero equivocáronse. Venezuela e Grecia foron dúas referencias fundacionais que o elector non puido esquecer e necesitaba acalaracións. Saber se acabarían lanzando faroles estilo Syriza para logo meter o rabo entre as pernas e entender que clase de asesoramento lles prestaron aos venezolanos, porque , con independencia dos apoios económicos, calquera cunha mínima curiosidade intelectual querería saber os motivos de tanta admiración e fervor por Chávez e as liñas esenciais nas que o asesoraron. Pero é que, a maiores, enfervorizados por tocar poder, idearon unha estratexia de alianzas perigosas cosidas con alfinetes. Entendo que os votos cataláns, valencianos, vascos e galegos son moitos, pero a unidade programática non resistirá o primeiro tirón. Romperá coma tela vella e mil veces lavada. Mareas e compromisos racharán antes do que pensan. E a aposta con Esquerda Unida animada pola tranferencia da frustración de Anguita? Auga de borrala. Amizades de pura comenencia que non callarán nin aportarán nada: é tanta a confusión de intereses e programas que só despistan ao electorado.

            Por último, como consecuencia das dúas anteriores, tanta velocidade e amizades perigosas, obrigaron a unha inestabilidade programática que desconcertou a electores dunha banda e doutra. Pasou por ser un partido en busca de transversalidade,  comunista, socialdemócrata, irmán da caridade, controlador do poder xudicial, agresivo, amable, en fin, cantilenas trantando de lle quentar o oído a quen o escoitaba. Unha confusión, un rebumbio, unha unidade da diversidade na ilusión por gobernar, un refugallo de intereses rancorosos, ilusionados, perdidos, fundados, despistados. Un tótum revolútum que arrincou ilusionando a desencantados, inxenuos, convencidos da necesidade dun cambio, ambiciosos que se unen ao probable ganador. Pero á fin, unha máquina que pretendía unir para ganar, só logrou a unidade para caer no camiño da perdición. Porque, ou moito me equivoco, ou este freazo traerá consecuencias graves. A oposición non une, e os españois, de momento, comprobado está, prefiren que os engane alguén de lei e orde, o malo coñecido, antes que un cambio tan poliédrico, inestable e veloz que o atemoriza. Sí, o electorado tivo medo, o que deberían  analizar os dirixentes de Podemos, se realmente fosen críticos, é por que causaron tanto medo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.