jueves, 21 de julio de 2016

FACER FILLOS POLO TREBELLO


Para os que xa tocan os 90 anos e se criaron no mundo rural, ir ás mozas esixía unha regras e comportamentos que, para os que non teñan unha idade ou gosten da antropoloxía, pareceranlle incribles. A primeira e intocable condición era a de respecto absoluto polas mozas da propia aldea. A endogamia esixía buscar moza fóra. Un talabarte podía enredar cunha moza veciña, pero se realmente quería sentar cabeza e buscar muller para formar familia, habería de cruzar ríos, camiñar pola noite no medio do monte e aterse ás normas establecidas. Por iso hai tantos contos de lobos. Os mozos volvían noite pecha por camposas e soutos, acompañados das ganas de ser homes e do medo aos ruídos do bosque, aos oubeos do lobo, a algo que se movía sen saber onde e apuxaba no corazón e nas pernas para chegar canto antes á casa. Moitos vían o lobo ou a Santa Compaña só co medo que lles facía caer os pantalóns, os traxectos para atallar esixían cruzar á beira do camposanto, enchouparse en regos, outros víase realmente cara a a cara co lobo pasaban apuros a pesar da navalla que sempre ía no bolso, algúns con sorte, cando había coincidencia, regresaban na compaña dun veciño que volvese por idéntico camiño. Aínda así, cando a noite moi negra e zoaba o vento ou chovía a canadas, os dous vían e contaban idénticas historias, a máis das veces causadas polo medo.
Meus pais mocearon así. Non se podía tódolos días, só tres marcados á semana e os ritos de achegamento requerían paciencia e ganas de conquistar á moza. Porque nos primeiros intentos non se pasaba nin da porta. Como as portas soían se de dobre folla, el na parte de fóra e ela dentro, separados por folla de baixo, falaban e peterreaban co enxeño que mellor sabían. A arte no cortexo reducía o tempo de espera antes de que te admitese a famila dela no corredor. Onde tampouco había oportunidades excesivas, pero alomenos sentaban nun banco e compartían ulidos e brúos das vacas (as cortes ocupaban unha ala da pranta baixa) e o pasar constante de outros membros da familia, daquela era numerosas e xa fosen vellos, nenos ou os mesmos pais da pretendida interrumpían a cada instante a mínima intimidade. Claro que nesas interrupcións máis ou menos voluntarias tamén se demostraba o saber estar do noivo: se era agradable cos nenos, se formal e cabal cos xefes de familia, comprensivo e atento cos máis vellos. Toda unha serie de exercicios ben programados para que a familia calibrase se, por fin, se lle daba a oportunidade de entrar á cociña. Participar na cea dos da casa, ver enredar e chorar aos nenos, escoitar as conversar peneiradas dos adultos, aprender os costumes de relación eran os pasos definitivos para chegar a falar de casamento. Se todo ía ben, entrábase en negociacións e acababa o cilco de conquista en festa rachada, aínda que a economía non dese para moito máis que para que uha perna tapase á outra. Logo, viñan os fillos.

Este ritual sorprenderalle a quen agora por internet e o móbil establece relacións relampo coa finalidade que pretenda. Temos un grave problema de natalidade, pero por falta de oportunidades para o coñecemento e apareamento non é. Coma en tódalas familias, na miña tamén se impuxo o móbil. Estabamos case todos compañando a meus pais que desfrutan dos 90 coa cabeza esperta e o corpo resistindo. Nun momento, aínda sen ser dos que máis utilizamos eses hábitos, coincidiu que todos estabamos cos nosos móbiles a voltas, menos eles, claro, que non lles leva idea. Uns contestaban correos, outros buscaban noticias, outros respondian aos mensaxes do WhatsApp e un falaba polo baixo por Tango cunha rapaza  nun curruncho. Miña nai, como non oe ben, falaba e seguía co seu discurso. As respostas que recibía non eran precisamente educadas: si, non, ben, claro, poida que si... Ela, que non perdeu nin miga de agudeza, deuse conta que falaba para as paredes e calou. Ao pouco, demostrando paciencia e comprensión, dixo: A verdade é que con eses trebellos aínda vos divertides todos... Si, algo entreteñen, dixen eu apagando no móbil. Pero meu pai, que atendía a un lado e a outro, talvez intrigado polo que falaría o neto cunha muller polo aparato, sentenciou: Dende logo, se isto segue así, maldito como aínda ha chegar o día no que os fillos se fagan por estes trebellos. Todos foron apagando os seus aparatos e riron con el. Ao final, non houbo acordo: uns dicían que iso  nunca sería posible, outros, visto o que está ocorrendo, non descartaban nada. O que si quedou claro é que mentres os salarios sexan de 900 € non haberá mozos que, moceando pola antiga ou utilizando o trebello, queiran facer fillos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.