jueves, 21 de julio de 2016

QUEN BLOQUEA É RAJOY

POLO que poida pasar, Rajoy e os seus opinantes defensores xa están preparando a terceira elección, esa que sería unha broma de mal gusto, pero á que convén antes de nada buscarlle un responsable. Por suposto, Rajoy nada tería que ver, quen bloquean son os demais, especialmente o PSOE. Idéntica táctica utilizou nas pasadas eleccións con evidente éxito, por iso persiste convencido de que así alcanzaría a maioría absoluta. O causante das segundas eleccións, convencéronos, foi o PSOE por enredar intentando acordos imposibles. Logrou un pacto escrito con Ciudadanos, pero iso eran ganas de perder tempo. Os que o ganaban eran Rajoy e Iglesias, un encastelado na súa cómoda posición, e o segundo cegado pola ilusión infantil de pensar que chegaría a presidente pisando ao PSOE.
Diante de tal alternativa a vitoria estaba cantada: Rajoy ganou, preferiuse o mal coñecido que a loucura por coñecer dos precipitados maximalistas de Unidos Podemos. Cal é a actuación do ganador diante da renovada e medrada oportunidade? Buscar diante de nada bloqueadores, malos que non lle queren deixar gobernar por rancor, falta de amor ao país, intereses partidistas. Por iso antes de dedicarse con tesón a conseguir colaboradores, ocúpase en preparar o camiño por se hai fracaso: a culpa non será miña, que teño 137 deputados e quero o ben do país, a culpa é clara do PSOE que me ten rancor e prefire que se funda o país.
A táctica parece intelixente, pero pode agochar sorpresas. Se na vez pasada repartiron por igual Podemos e PP a causa da repetición de eleccións, por máis que convenceran a moitos de que non foi así, se cadra nesta, que o único culpable sería Rajoy, o asunto pode ser máis delicado. El é quen ten que buscar socios, a el correspóndelle negociar. 137 deputados son moitos e a moita distancia do segundo, pero faltan tamén moitos para 176. Gobernar con 137 é unha temeridade. Non lograr nin un só amigo é un fracaso para calquera político . Pensa que se non consegue socios na investidura será capaz de logralos na lexislatura? Cre, acaso, que só se pode gobernar con maiorías absolutas? En tantos anos de experiencia e raposería política non dá conseguido negociar cun arco parlamentario tan amplo?
Nas eleccións pasadas triunfou o inmobilismo de agardar a que o cidadán preferise, aínda tapando o nariz, o mal coñecido diante duns precipitados ambiciosos que deixaron pasar o sol pola porta entrando en indiscutible declive. Pero nas próximas, se as houbese, puidera ser que o medo causado polos inestables e ambiciosos profesores se tranformase en pánico diante dun gobernante que chapotea na pestilente corrupción do seu partido, incapaz de buscar un triste socio e pedindo a maioría absoluta para desbloquear a broma pesada.
O frenesí da vitoria daríalle máis arrogancia para incementar as desigualdades e para continuar debilitando os servizos públicos, o que reanimaría ao moribundo Podemos, que se cadra daquela si contaría cos desesperados suficientes para que o medo vencese ao pánico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.