sábado, 23 de julio de 2016

QUE SE METAN NA CAMA


Dixoo Rita: Estou desexando meterme na cama. Xa  llo creo. Despois de vida tan axitada, nada mellor que durmir ben, lástima que estes día por Valencia debe de facer un sol do demo e calquera pega o sono de noite. Pero polo demais, de acordo, senadora: á cama. É que o desta exalcaldesa merece descanso. Acórdame que hai xa máis de quince anos, estando paseando por unha rúa de Valencia, un canfruata deses que ata parecen ledos de optar por tal vida, corría pola beirarrúa chamando polo seu can con cariño: “Vamos, Rita Barberá, vamos; ven, anda, ben, Rita  Barberá, así, bonita, así...”. Vese que o descolocado social sentía o peso da súa alcaldesa incluso no seu  illamento que supón intentar botarse porta de fóra do sistema.
            O malo é que sexa ela a que teña que pedir cama. A lentitude de algúns partidos tomando decisións cantadas é estraña. Medo? Non creo. Ao final todos calan coma petos, sempre hai intereses superiores aos que servir. Pero o lóxico sería que casos coma o da senadora Baberá estivese resolto sen necesidade de que ela ses sinta esgotada. Hai momentos nos que alguén debe decidir por un: Láguese, senadora, non volva por aquí; xa fixo vostede bastante pola súa cidade, pola comunidade, polo país: descanse. Alguén debería terllo dito antes de premiala con tal aforamento, pero ningén se atreve. Parece coma se estas figuras sagradas, amamantadas nos anos de servizo ao partido, adquirisen uns dereitos intocables capaces de inmobilizar ata ao máis atrevidos, que non é o caso.
            Tampouco se trata de lle desexar mal. Non é que pretenda que se meta na cama e non se erga. Iso resulta pésimo para a vellez. Sabe un cando se mete na cama, pero como encame, igual non se dá erguido. Que se erga, que dea uns paseos pola cidade, que visite ás amizades. Pero meterse na cama e deixar a política, si. Iso hai tempo que debería facelo non por propia vontade, senón porque os directivos dos seu partido llo esixixen: ninguén pode dedicarse tanto tempo e con tanto empeño a unha causa tan nobre.
            No fondo é unha noticia que non produce ningún optimismo, pero consola. Como consola que a señora Villalobos, esposa do sociólogo de cabeceira de Rajoy, deixe a Mesa do Congreso. Que falta fai que cambien algunha caras. É un detalle menor, seino, pero que a señora Villalobos, co  que leva chovido dende aquela xestión louca das vacas , era xa hora de que dese un paso para atrás e desaparecse dos postos onde as cámaras de tv ponden axexar se atende aos discursos do seu xefe de filas ou enreda con xogos electrónicos. E meteríaa na cama tamén. Non sei se xuntas. Aí non me quero meter porque xa entramos no íntimo e cada quen goberna os seus impulsos, desexos e caprichos como quere, pero dende logo Rita e Celia na cama xuntas darían moito que falar. E a de cousas que  unha e outra se poderían contar... Iso sí era un bo pograma para a televisión de Vasile. Vintecatro horas as cáramas enriba delas, as dúas na cama, dalle que dalle ao palique, lembrando fazañas, éxitos, ataques e defenestracións dunha vida política.
            Non crean que me conformo con sucesos tan mínimos. Moito máis me gustaría se esas dúas señoras ( e moitos señores) non estivesen nin no senado nin no congreso, pero, dado que o partido parece que quere conservalas e protexelas e premialas polos labores realizados, alomenos que se nos metan na cama e non aparezan polos seus lugares de traballo. Sabemos que teñen pouco que facer, que sen elas as leis sairán adiante de igual maneira, e para premer botóns á hora de votos imprescindibles deberían artellar algún modo de que estas vellas glorias poidan votar dende a cama. Non por internet, non. Iso é moi moderno. Algo máis antigo: unha campaíña ou similar , que, ao tocala, dese orde a un segundo, para             que unha criada ou doncela, se achegase ao congreso co voto das encamadas. Unha maneira de crear postos de traballo. A que dedica vostede, señora, señor? Eu son encargado de ir votar polas encamadas nos días de voto imprescindible. Un traballo tan horrado coma moitos.

            En fin, que me aleda que Rita e Celia se metan na cama e, sen desexarlles mal ningún, a ver se non volvesen nin a senado nin congreso. Hai persoas que xa deron todo, xa se sacrificaron o suficiente polo ben común, agora merecen un descanso regulado, bos alimentos, tranquilidade e moita cama. E, por suposto, que non lles siga pagando soldos maníficos o Estado. Iso, claro está, deixando de lado asuntos desagradables coma denuncias e posibles problemas xudiciais que parece pereseguen á señora Barberá. Esas cousas son de moi mal gusto e non se falan diante de señoras que xa teñen unha idade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.