domingo, 5 de febrero de 2012
BOTÍN SEN CULPA
A primeira condición, a imprescindible, para facerse cun grande botín é carecer de culpa. Ningún saqueador, pirata ou malandrín pode andar pola vida con pretensións de saquear, arramplar ou espir ao inimigo ou incauto co martelo da culpa petando na súa conciencia. Antes de calquera falcatruada, debe rezar o manual do depredador, libérate de toda culpa. Non es ti a causa de que o outro se deixe dominar, non está en ti a cobiza por enganar ao inxenuo, non é que ti abuses do débil, é que o covarde, o incauto e o inxenuo non saben nin poden realizar o que ti realizas, por iso nada debe paralizarte nin anicarte animicamente: estás no certo, actúas con razón, nada debe alodar a grandeza da túa obra. Se vences, é porque es máis forte, e o mundo necesita fortaleza; se ganas, é porque sabes, e o mundo necesita dos sabios; se non fraqueas, é porque este mundo está feito para os fortes, ti es forte. Admitir erros pode ser unha estratexia ou necesidade temporal dos que están chamados a conquistar grandes botíns, pero a verdadeira esencia do triunfador radica en se ir desprendendo de toda costra de culpa. Se para algo existe a razón é para limpar os restos de pesar e temor. A servizo de que ha de estar a intelixencia se non é da tranquilidade de conciencia por pisar sen miga de remordemento onde cómpre pisar? A razón serve para xustificar e limpar toda acción que puidese inicialmente parecer inmoral. Amasada a fortuna, conquistado o poder, sometido o inimigo, a poucos lles preocupan os métodos utilizados. O antigo terrorista convértese da noite para mañá en grande e digno home de Estado; o inconfundible contrabandista renace socialmente como mecenas de grandes movementos artísticos; o usureiro máis miserable pasa nun santiamén de rateiro a xeneroso benfeitor. O caso é non frearse por remorsos inútiles, preocuparse por culpas herdadas de influenzas xudeu cristiáns. Os camiños para alcanzar grandes logros van sempre pola liña sen culpa, porque se algo ha caracterizar ao vencedor e ao triunfador é a sabedoría para se desprender de toda culpa. Porque a culpa está nos outros. Eles son os débiles, os ignorantes, os frouxos, os covardes, os incapaces. Sorte teñen por permitirlles seguir apañando as faragullas que caen da mesa do gañador. Abondo fan os amos do mundo permitindo que tanta nugalla conte con dereitos e privilexios aos que, se non fosen tan xenerosos, deberían liquidar nun abrir e pechar de ollos. Os outros son os culpables. De todo. De elixir a políticos ineptos, de non ser solventes para solicitar un crédito, de aceptar créditos de maneira temeraria cando llos meten polos ollos, de non producir con afouteza competitiva, de ser lacazáns, de vivir por enriba das súas posibilidades. Os outros son culpables de pretender vivir con certas comodidades e praceres, instalándose no benestar coma se estender a saúde, a educación e as posibilidades de medrar en función das capacidades e do esforzo fose algo ao alcance de maiorías. O outros, parece mentira que aínda non se saiba a estas alturas da historia, son culpables por anestesiarse con catro contos ideolóxicos cos que algúns pícaros intentan achegarse ao mundo dos auténticos triunfadores. Por iso, porque os outros son os únicos culpables, os botíns sempre paran en exércitos, triunfadores, amos e dominadores do mundo sen miga de culpa. E por iso entre triunfadores se poden encirrar con arremedos de culpa, simulacros fáciles para despistar aos auténticos culpables. Non, a culpa e dos banqueiros din os políticos na cima do fracaso. Que va, home, repóñense os banqueiros, a culpa xa se sabe que é dos políticos, non saben levar “os temas”, eles son os culpables. Pero entre uns e outros, perfectamente dependentes, sintonizados na liña de soster o poder e o control, utilizan esas leves ameazas como estratexia para ganar tempo, para irse repoñendo e volver á posición de inicio. Para que nada se mova. Pois o crédito non flúe, xa se sabe, porque non hai solicitantes solventes, os cartos nunca teñen a culpa de nada, que culpa han ter eles se son neutros e carecen de vida propia. E os políticos, unha vez no poder, e, sobre todo para chegar a el, fieis servidores, deben soportar algún lapote despistado de quen os financia. Pero no fondo, políticos e donos dos cartos, saben e aceptan sen rechío que a esencia do botín está en non ter culpa. A culpa que a padezan os que perden, os vencidos, os insolventes, os débiles. Son sempre os verdadeiros culpables. Por iso pagan.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.