sábado, 11 de febrero de 2012
VERDADE E URXENCIA
Existe una técnica terapéutica que consiste en convencer ao cliente para que actúe “como si”. Un actúa coma se fose un educado e ledo cabaleiro e pouco a pouco vaino sendo. Coa política, ocorre algo similar. Rajoy, por exemplo, a forza de actuar coma se fose o representante na terra da verdade durante os anos de oposición, acabou por crelo e agora parécelle que gobernar consiste en dicir a verdade. Verdade? Que verdade? Pero aínda que estivese na posesión da mesma, quen lle dixo que doce millóns de votantes o elixiron para que lles diga verdades? Non o votarían máis ben para o que el dicía saber, é dicir, aplicar o truco que nos devolvería á creación de emprego e á riqueza? Non tiña el a receita do pasado (“ya lo hicimos una vez y lo volveremos a hacer”) segundo a cal o conto da leiteira (baixar impostos, recadar máis, apoiar aos emprendedores, dar confianza, sobre todo confianza, e utilizar o sentido común) devolvería nun santiamén o país á senda do progreso e da creación de emprego? Seino, nin tempo tivo de se afacer ao mando, non se lle poden pedir milagres, non sería razoable avaliar a quen aínda non puido tomar as primeiras medidas e moito menos ver os efectos que se derivan. Pero sendo isto innegable, sorprende que se agarre o novo presidente ó gastado método de dicir a verdade. A verdade ( se é que a iso podemos chamar verdade) xa nola veñen dicindo os analistas de bancos, caixas, organismos internacionais dende hai tempo: seguiremos creando paro, entrando en recesión e sen perspectiva de mellora nos próximos dous anos. E dentro de dous anos, veremos. Para que repita o mesmo non creo que os españois elixiran ao novo presidente. Sería, quero crer, para que rompa os prognósticos, para que quebre os anuncios pesimistas e para que o determinismo non sexa a lei que goberna o noso país. Dicir que nos próximos anos seguiremos creando paro pero desta imos saír é conversación de barra de bar. Tamén podería engadir que malo será, nunca choveu que non escampara ou, con moita máis sabedoría, mentres o mundo sexa mundo, aquí estaremos, e xa se irá vendo. Apreciacións todas de grande sentido común, non o nego, pero de ningún efecto práctico. A min paréceme que o novo presidente agárrase á verdade porque, de momento, conta co comodín de ter unha herdanza velenosa. Supoño que a súa intención será prolongar os beneficios da herdanza ata ben entrada esta lexislatura, para, se os deuses nos son propicios, arrincar cerca das próximas eleccións cos beneficios de tanto pasarnos polo nariz a verdade dura e crúa. El verá. Pero ás veces rebozarse tanto na verdade farta moito antes do calculado. Fundamentar unha acción de goberno sobre enganos e verdades pode resultar un auténtico martirio. De igual xeito, tamén durante a oposición, a urxencia foi outro dos argumentos utilizados polo actual presidente do goberno. Non se podía perder un minuto, nin un triste minuto, cumpría que alguén gobernase, tomase as rendas, actuase con determinación para dar confianza. Era tanta a urxencia que nos cribaron disparando constantemente coa necesidade de eleccións anticipadas para non seguir perdendo un tempo precioso. Agora, xa con posibilidades de tomar decisións, parece que a urxencia non era tanta. Si, había urxencia para meterse onde se meten de inmediato todos os gobernos no seu estreo: en educación e co aborto. Aí son dilixentes e intrépidos todos os gobernos. Moito lles gusta fedellar na educación. É case un desexo con morbo: que ben, goberno, teño maioría absoluta, deben pensar tan axiña como toman posesión , pois aló imos, confundamos, enredemos e experimentemos outro chisquiño cos programas e métodos educativos, cos profesores e cos pais. E co aborto, outro tanto. Sábese que unha parcela moi elevada do electorado vive con paixón estas decisións e convén satisfacer e manter a tensión social que estes asuntos leva asociada. Conténtase a determinados sectores con poder e mantense o clima de discusión e sectarismo necesarios para que a distracción non decaia. Con iso non hai cautela nin flexibilidade. No que toca ao económico, sen embargo, cómpre máis sosego. Aí aplícanse medidas que formaban parte oculta da verdade (xa se sabe que detrás da verdade sempre está o misterio) de maneira temporal e, como non podía ser doutro xeito, apoiándose no comodín da herdanza. E os presupostos poden esperar a que pasen as eleccións autonómicas, non é tanta a urxencia. Porque atrasemos a aprobación dos presupostos, non pasa nada, parece que agora nin aos mercados nin aos factores de confianza lles afecta o máis mínimo un par de meses. Xa ven, afaste na oposición a ser apóstolo da verdade e continúas predicando con fervor aínda que o que prognostiques sexan penas e miserias; convences á opinión pública de que a urxencia pode salvar ao país ao borde do precipicio e lánzaste cos ollos pechos a transformar, desta vez definitivamente, a educación.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.