domingo, 26 de febrero de 2012

SOÑAR DE NOITE POR DURMIR DE DÍA

Haberá soños que merecen explicación, outros o único que nos traen é desconcerto e angustia. Isto foi o que me aconteceu co que tiven a noite pasada. Espertei cerca da mañá tan desconcertado como impresionado. O lembrado resúmese así: durante horas, nunha asemblea do estilo das últimas do BNG, nun centro de congresos deseñado por un arquitecto dos que non agochan a seu ego, todos os compromisarios, eufóricos e case fanáticos, pelexaban por me elixir como Secretario Xeral da UGT. Si, da UGT, non se daba pé a ningún engano: nin outro sindicato da competencia, nin un partido político, nin unha asociación de consumidores, nin unha organización pola defensa dos carballos ou dos ríos de augas claras. Tiña que ser á forza e era elixido Secretario Xeral da UGT, coa aprobación maioritaria dos asemblearios, por máis que eu me negase argumentando que xamais na miña vida fixera nada para merecer tal cargo de responsabilidade e, moito menos, contase con capacidade algunha para defender tal función. Eu rebelábame e intentaba micro na man demostrar que todos cometían o erro máis clamoroso da historia do sindicato, pero tantos os do metal coma os da construción, os da rama da alimentación e os do vestido, os da naval, os do ocio, todos a unha esixían que debía aceptar e comezar canto antes a exercer o meu novo cometido. Espertei, como non lles estrañará, desexando escapar da moderna sala de congresos, agarrándome ben ás sabas para certificar que todo quedaba nun soño. Non sei que traza interpretativa lle daría Freud , empeñado como andaba sempre con lle buscar as cóxegas sexuais a todo canto se nos desbordaba durante o durmir, pero, por máis que quixen lembrar algo da miña lectura xuvenil de “La interpretación de los sueños”, escaso significado sexual puiden atopar en tan sorprendente soño. Escuso dicirlles que toda unha noite pelexando para que non te elixan secretario de algo para o que non serves nin non queres ser é un labor que cansa, pero moito máis esgota non ter traballo, así que tampouco crean que lles conto isto con ganas de lamentos ou de darlles mágoa. Excluída a interpretación sexual, maliciei se o desborde do magma inconsciente cara o lado sindical tería algo que ver co desprestixio preventivo co que veñen sometendo aos sindicatos dende distintos ámbitos do poder comunicativo. Certo que a teima non xurdiu nos últimos días, pero agravouse. Parece coma se, anulado o poder da oposición polo grave pecado da era Zapatero, probablemente con penitencia de oito anos como mínimo, e segada a crítica aínda máis á esquerda polo iluso da súa mensaxe arredado do realismo tecnócrata, só restase pegar o último golpe de gadaña sobre a inutilidade, corruptela e burocratización dos sindicatos, para raspar toda posibilidade de contestación. O presidente do goberno adiantouno con intelixencia preventiva: van quedar sos, completamente illados, ninguén os apoiará, porque todos, podería deducirse da súa insinuación, mesmo os máis zarandeados, asumiran con resignación que non queda outra: aceptar e calar. Nesta píldora reiteradamente receitada contra a depresión que nos posúe, vénse concentrando o veleno máis pezoñoso da crise: digan o que digan algúns inconscientes economistas, o que prediquen vellos sindicalistas fóra da realidade, o que de maneira intermitente e mal organizada denuncien indignados, mocetes manexados ou grupos claramente contra o sistema, aquí só queda un camiño: o de apertar o cinto e baixar os pantalóns. Calar sen rechío e aceptar o que de maneira evidente se sabe que incrementa as penalidades sobre os máis prexudicados. Non quero con isto tapar a boca crítica de ninguén. Que os sindicatos do actual século necesiten un xiro, que se producisen certos abusos en canto a liberados indolentes, que o financiamento mereza unha revisión a fondo e que o sistema de afiliación e funcionamento interno precisen dunha corrección profunda, non é motivo para que día tras día, dende os medios e partidos da vía única, se desprestixien ata o punto de convertelos en tan inútiles como empobrecedores do Estado. Como continuemos con esta poda cega de todo canto supoña criticar as sabias medidas dos gobernos que actúan ao ditado das necesidades do beneficio polo beneficio, a ver como remata respirando a frustración social. Se repartir non é eficaz, rebaixar impostos aos poderosos non cubica, acabar cos paraísos fiscais só se lles ocorre a cabezas ilusas, reducir as diferenzas entre clases é unha utopía e os sindicatos son reliquias de dezanove completamente illadas, alborotadores de charanga e pandeireta, xa me dirán que nos espera... Tal e como nos estamos durmindo de día, así non me estraña que pola noite un soñe o que soña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.