domingo, 26 de mayo de 2013

O BO CORTE DO TRAXE DE AZNAR

Por tres cousas como mínimo debería un home coma min sentir insá envexa de Aznar: polo seu forte e firmemente moldeado cabelo, polo bo corte do traxe e polo esculpido que ten o corpo. Só o envexo por dúas: polo pelo e polo corte do traxe; o de ter o corpo tan cultivado non me parece que lle acabe beneficiando, a certas idades mellor unha miga máis de graxa. Seguro que lles parecerán aspectos en exceso frívolos para as opinión encontradas e acendidas que o expresidente levantou, pero a min antóllanseme o realmente importante da súa comparecencia. Explícome. Se o que pretendía era defenderse ante o que se está a descubrir, tiña mil maneiras máis elegantes para facelo. O que pasa é que, por máis que os traxes sempre os leva perfectos e o peiteado inmaculado, Aznar nunca se caracterizou pola sutiliza nin a elegancia. Os seus modais quedan perfectamente retratados no seu sorriso cando pretende mostrar unha miga de ironía ou simpatía: parece un aceno entre histriónico e falso que mete medo. O seu estilo comunicativo achégase sempre aos extremos: ou acende aos que senten rabia contra o rival ou causa un rexeite brusco. Non é político que cative nin atraia especialmente por nada, simplemente se está con el por estar contra o inimigo común, porque iso si: conduce ben o odio cara o odiado, pero, de non ser así, non se traga. Sendo de tales maneiras o atlético político, compréndese que armase a que armou só para deixar patente que el é diferente, que está por riba do ben o do mal, do partido, mesmo do presidente do goberno. Un acto de deslealdade e prepotencia só entendibles en persoas que chegan a crer en si mesmos non polo que son, senón polo que aparentan ser, por actuar coma se... (coma se procedesen de clase superior, coma se fosen intelixentes en grao supremo, coma se con razón vivisen por riba do vulgo mediocre, coma se estivesen chamados a grandes fazañas, coma se gobernasen coma Deus) de xeito que nun momento dado confunden nunha identidade escabrosa aquelo que estaba baleiro co que se encheu de fachenda. E de tal maneira o baleiro e o finximento se acomodan nunha unidade de acción que, na maioría dos casos, causan temor e desconfianza sobre quen os observa, converténdose unicamente en soportables e aproveitables se alimentan con fines proxectivos os odios e complexos de cada observador. Por iso o paradoxo de que estes comunicadores por un lado tan nefastos canalicen tan ben o castigo e a vinganza contra alguén. De non ser así, resulta pouco entendible que político que se diga con sentido de Estado, amante dun partido e minimamente leal con quen el mesmo elixiu para continuador da súa obra, se despache con formas tan displicentes, agresivas e máis propias dun novo rico que regresa ao barrio ensinando reloxo, xoias no pulso e coche do trinque. Sabendo como calquera sabe o momento polo que atravesa o país, a dificultade suprema coa que ha loitar cada hora o actual presidente, non parece impropio do presidente de honor do mesmo partido meter o dedo no ollo a todo o que non sexa el? Caer no bombardeo interno ao estilo de Jiménez Losantos ou Pedro J. Ramírez paréceme anicarse en exceso xa por lavar a súa imaxe ou por pretender regresar – que o dubido- á primeira plana da actividade política. Por mala que sexa a oposición, existe. Que lle deixe ese traballo a quen lle corresponda. Non anda o país para enredos tan perigosos como dinamitar desde dentro do propio partido que o sustenta ao presidente do goberno. Unha frivolidade só propia dun ego atuado de fachenda compensatoria de inferioridade. Quen realmente goza de autoridade intelectual e moral non precisa cuspila contra os da casa para que se saiba que aínda hai diferenzas. Por iso, diante de artimaña tan pouco elegante, o que máis lle envexo ao discurso retorto do expresidente é a aparencia: o traxe e o peiteado. Para non caer nas súas patadas na canela, no xogo de contacto ao borde da expulsión, mellor quedarnos nos aspectos máis intranscendentes. Porque se dúas consideración atinadas fixo – que cómpre unha urxente e radical reforma fiscal para non deixar desaparecer as clases medias, outro cantar sería o como, e que o PSOE, de non conseguir un discurso nacional, corre o risco de esfiañarse en partidiños rexionais- o contexto no que o envolveu todo non deixa de obrigarnos a que máis nos fixemos no traxe, no nó da gravata e no peiteado ca noutras consideracións. Certo que moitos tamén envexarán o seu músculo curtido, a pel limpa de graxa e a súa táboa de chocolate que máis intuímos por fotos xa vistas que pola pose amosada na entrevista, pero a min iso xa me parece outro exceso na mesma liña do personaxe. Outro coma se fose un mozo, un deportista de elite, un home de ferro, un invencible guerreiro que por responsabilidade, conciencia e sentido do deber estar disposto a todo polo seu partido e polo seu país. Por favor... Se algo de todo isto o movese, demostraría unha elegancia, respecto e lealdade similares ao corte do traxe que loce. Cando, pola contra, un se despacha con tanta soberbia, distancia e carencia de empatía cara os correlixionarios, mellor quedarnos no traxe e esquecer a quen viste.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.