lunes, 5 de agosto de 2013

A RIBADUMIA ME VOY


NON teño forza de vontade ningunha. Fixera o propósito de non escribir unha triste liña durante o verán sobre políticos e agora mesmo teño a tecla disposta a romper a promesa. Está claro que non conto coa fibra de Rajoy, ese político de vimbio, amparado no silencio abundante –e na escasa pero efectiva contundencia–, que somete o tempo ao seu dominio e supera canta dificultade se lle vai presentando. A oposición pedirá o que queira pero el comeza as vacacións enchido de ledicia polos afagos do seu portavoz parlamentario, os aplausos entusiastas dos seareiros na bancada e a mirada embobada da súa tenaz vicepresidenta, Soraya la fiel, nunca coma Bárcenas lle causará tamaño desgusto, con ela non se equivocará. Pero ao que ía: se realmente o tempo, o seu gran aliado, logra que esquezamos e perdoemos un escándalo tan grande, admito xa desde agora que o presidente é un estratego de marca maior e que a oposición non vale nin un céntimo de euro.
Co tempo que se lle leva dando voltas a este escándalo, co claro que o ten a opinión pública, co previsible que era a actuación de Rajoy na súa tardía comparecencia, como non foron capaces os opoñentes de acurralalo sen saída? Pois non o lograron. Precipitáronse en esixir responsabilidades sen obrigalo a confesar ou caer en contradición, apresuráronse a esixir dimisión sen antes sometelo ás preguntas imprescindibles, obcecáronse dándolle munición para agarrarse ao único argumento que lle quedaba: vostedes parten dun xuízo previo sen escoitar a miña explicación. El non a dou nin a daría aínda que o torturasen, pero é certo que os atacantes –todos– non utilizaron a táctica adecuada nin souberon levalo ao terreo que nunca aceptaría. El conseguiu situar o problema onde lle convén: na responsabilidade de goberno, en que os demais son peores e nada lle poden esixir e en esperar a ver se a xustiza lle dá ou lle quita a razón, convencido, seguro que con fundamento, de que por aí non corre perigo. Co que, pasará o verán, comezará a liga, caerá algunha faragulla de emprego posto que os bancos, unha vez que os salvamos, inician o regreso ao nivel de ganancias mínimo imprescindible para non intimidar ao goberno máis chulo, as peripecias xudiciais deixarán en nada as "minucias" do trapalleiro Bárcenas e se cadra todo queda en auga de bacallau. Ou non. Pero, de momento, Rajoy vén a Ribadumia máis contento ca un cuco.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.