martes, 13 de agosto de 2013

XOGUETES PARA CARTOS FRESCOS

Algo vén avisando desde hai anos de que este xornal que agora teñen nas mans (os que o teñan, moitos lerano directamente nunha táboa electrónica ou nun computador) ten que sufrir unha revolucionaria transformación. Nada seguirá igual por máis que empresarios e traballadores se afanen con valor por resistir. Vender periódicos con idénticas fórmulas anteriores á propagación de internet é impensable. Como evolucionará, que novos métodos atoparán os emprendedores ariscados, que consecuencias se derivarán desta transformación descoñézoo, pero todo indica que moito antes do que algúns queren crer, ni os xornais, nin os libros, nin a música poderán continuar co antigo estilo de negocio. Non digo que noticias, libros ou música acaben sendo gratis, e os xornalistas e creadores desaparezan ou pasen á categoría de profesionais altruístas sen remuneración polo seu esforzo; nin moito menos que o negocio da información e relacionado coa cultura estea chamado ao esquecemento. Renacerá e florecerá pero con outro modelo, que nin os máis arriscados e visionarios acaban de ter claro. O multimillonario Bezos, flamante comprador do Washintong Post, díxoo claro despois de investir unha cantidade para el mínima na prestixiosa cabeceira do periodismo mundial: haberá que experimentar, probar a longo prazo. Ninguén sabe as intencións do novo propietario, pero todos sospeitamos que debaixo da súa operación de compra non se agocha o capricho dun novo rico, nin a concesión á nostalxia dun potentado. Se o triunfador do oeste, coñecedor da técnica máis avanzada en negocio por internet, arrisca, por insignificante que para el sexan eses millóns, unha cantidade así nun vello negocio das palabras, nun dos máis prestixiosos, por perdas que arrastrase nos últimos anos, é porque entre o mundo vello e o novo algunha conexión próspera se ha de producir. A operación resulta paradigmática. Un rei dos cartos novos, dos capaces de ganar cantidades astronómicas debido á audacia da súa idea de vender palabras en aparatos electrónicos (Kindle), aproveita as horas baixas dun grande da información do pasado para renovala (esperemos que non para afundila definitivamente) en algo que, axeonllándose diante do poder dixital, non renuncie á esencia da información e resulte rendible. Tarefa non fácil non só pola escuridade do modelo de negocio futuro, senón porque en certos aspectos parecería que nos atopamos diante dun paradoxo: o dono da nube, do control de grandes datos, de informacións reservadas aos gobernos, de unha cantidade esaxerada de datos da vida dos cidadáns, tería que ser ao mesmo tempo o impulsor dunha empresa que debe desentrañar, investigar, descubrir, irritar, derribar presidentes, criticar e defender aos cidadáns. Como poden casar os intereses de Amazon, fundamento dos movementos de Bezos, co espírito do xornal que foi capaz de tombar a un presidente dos EE.UU.? Modificaranse definitivamente as leis básicas do xornalismo? Produciranse choques insostibles entre os equipos de información do seu novo medio de información coa base de datos almacenada en favor dos seus imparables beneficios vendendo por medio de Amazon? De calquera maneira que o futuro se vaia despexando, o que parece innegable é o que escribía Emily Bell: “Se tiene la impresión de que las compuertas que permiten trasladar a los periódicos desde un pasado dorado, a través de un presente insostenible, hasta un futuro desconocido se abren entre chirridos”. Esa brecha cultural que se amosa entre as vellas e críticas palabras de papel e o vertixinoso brillo da técnica dixital haberá que saltala e selala máis cedo que tarde. Os novos e ricos representantes da última tendencia dan a entender, así o parece demostrar a operación de Bezos, que non se desentenden do noutro tempo dourado negocio e sal da democracia. Se cadra é certo que os xornais tal e como os coñecemos só quedarán, como nalgunha ocasión manifestou o propio Bezos, como artigo de luxo nas recepcións de señoriais hoteis; que os libros, co ulido das súas follas, a felicidade que proporciona abrilo e pechado, e marcar a páxina, retroceder, ver o subliñado, acabarán como obxectos únicos, escasos, para sibaritas, porque será nas táboas electrónicas ou nos teléfonos intelixentes onde a diario, por norma, por facilidade e imposición dos tempos acabemos todos bebendo das noticias ou das reflexións do último ensaio ou remoendo a beleza fonda da esencia dun poema ou emocionándonos coas aventuras do protagonista da historia que máis nos intriga. Non direi que non. Pero afeitos os ollos e a sensibilidade ao dixital, reorganizado o negocio e reinventada a nova maneira de vender noticias e historias, algo ha permanecer inalterable: o espírito crítico da información, a pelexa diaria, mordendo se é preciso, detrás da verdade que esfarele tampas, corrupción e falsidade. Porque neses alicerces agarraban os vellos medios e han agarrar os novos, se non queremos que se convertan en xoguetes para ricos con carto fresco.




PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.