O TRÍO familiar sentou á mesa que elixiu o máis pequeno de todos, un neno espelido e seguro, de aínda non dez anos. Os pais, non creo que chegaran aos corenta, vestían roupa cómoda para os tempos de calor. Sen que o camareiro os atendese, a nai, si, ela foi a primeira, sacou de móbil avanzado do bolso e púxose e escribir nel abundantes textos. Cando chegou o camareiro descargou a decisión nos homes, ela, ao seu, continuaba escribindo a boa velocidade no seu trebello electrónico. Como se producisen dúbidas entre os varóns á hora de algunha elección, a muller dignouse erguer a mirada do teléfono para lles aceptar a proposta que primeiro escoitou. O que eles quixeran. En canto o camareiro desapareceu coa comanda, pai e fillo demostraron que tamén eles posuían e manexaban con destreza semellante aparato ao da nai.
Chegaron as cigalas e os tres, sen apenas dicirse palabra, continuaban concentrados nos seus respectivos xoguetes intelixentes. O fillo comentoulle algo ao pai ensinándolle a pantalla do seu alongado e aparentemente caro móbil. Despois dunha risa condescendente, o pai rematou a operación pendente no seu e pechou o aparato. Inmediatamente esixiu que o fillo puxese fin ao enredo. Comemos?, preguntou con ganas. A nai, rindo, algo lle debían contar con gracia desde algún lugar, comentoulle ao marido as novas que do móbil chegaban. O fillo, espremendo o tempo, resistiu co xogo ata que a nai puxo orde: que, e para hoxe? Os tres depenicaron nos bichos en silencio. Mentres se come non se fala. Hábiles, acabaron de seguida. O neno non se contivo, en canto no quixo máis regresou ao aparato que gardaba no bolso do pantalón. Áxil no servizo, o camareiro retirou os pratos usados e de contado serviu a pescada con allada que elixiran para os tres. Como o rapaz seguía entretido co móbil, a nai avisouno e axiña se puxo a comer con bos modais. Os tres deron conta do peixe con velocidade, se cadra porque lles urxía regresar aos seus móbiles. Si, os tres, non sabería dicir quen se lanzou o primeiro, acabada a pescada volveron aos móbiles e así seguían, concentrados, con breves sorrisos, algunha que outra exclamación, pero case sempre en silencio, á espera de que lles servisen a sobremesa (supoño que filloas con crema ou xeado con chocolate, as especialidades da casa). O certo é que, cando marchei, os tres continuaban moi comunicados
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.