domingo, 30 de noviembre de 2014

ARRIBA E ABAIXO

Entretidos como estamos en chorar a duquesas, descifrar se o pícaro pode arrastrar na súa fábula a algún imbécil fachendoso ou se o político viaxa detrás da amada a cargo do erario público, esquecemos o fundamental: que somos máis pobres, que o soldos da maioría descenden, que os traballos se achegan cada vez máis á explotación e que en desigualdade poucos nos ganan. Feitos eternos e universais pero que co pasar dos séculos se foron suavizando na medida en que se ganaron dereitos que en principio parecían soños. O sufraxio universal, deixar de traballar coma bestas e gozar de vacacións, aceptar os dereitos humanos coma un desexo incontestable ou a loita das mulleres polo recoñecemento do dereito á igualdade foron inicialmente soños que paulatinamente entraron no camiño da realidade. Por iso, a pesar de todo, a historia da humanidade é un camiño de mellora, por máis que perduren mesturados cos avances tecnolóxicos actitudes e condutas propias de séculos ben atrasados, tal e como escribía non hai moito Juan Goytisolo, flamante premio Cervantes. 
Miramos aparvados a Grecia e Roma, á ágora, á democracia, esquecendo que gran parte da poboación nin era cidadán, só escravo, sen dereito nin dignidade; enredamos por moda de lecer a nos disfrazar de comendadores, rei ou clérigo medieval, pasando ao faiado a pirámide feudal que convertía á maioría en gleba; recoñecemos a gran transformación que seguiu á industrialización, pensando que os nenos farrapentos eran só asunto lacrimoso das novelas de Dickens; enchemos páxinas e informes coa obsesión de medrar para ser máis ricos e así mellorar todos, sen reparar en que medrar por medrar, aceptando a desigualdade, non é avanzar senón retroceder. Parece coma se as grandes liñas de debate andaran arredor de dous polos difíciles de harmonizar. Aqueles que defenden a importancia do crecemento como motor da riqueza, única situación que logo pode permitir un aceptable reparto, ou os que centran toda a súa artillería en combater a desigualdade. Os primeiros ven nos obsesionados pola desigualdade inxenuos voluntariosos, ilusos moitas veces, incapaces de entender con realismo que non por máis soñar se consegue mellor repartir. Os segundos atacan aos primeiros ao consideralos cínicos cegados pola súa propia cobiza que só lles permite ver a parte da realidade que lles produce beneficios inmediatos. Uns e outros xeran grupos políticos que pretenden aplicar estas ideas nai de fondo, confluíndo case sempre á hora da práctica en idénticos erros. Nese conflito, na vixilancia de uns aos outros, na creación de instrumentos legais que controlen os deslices dos dous debería estar a mellor democracia posible. O malo é cando na lea lexítima das dúas tendencia se xoga sucio, se esquece a finalidade última e os fins xustifican os medios, sempre estes contaminando a aqueles, co que todos, desenganados e frustrados, lamentamos o difícil e custoso que é unha boa xestión do interese común. Discútese se o concepto de esquerdas e dereitas segue a ter sentido. Antes insistían máis os de dereitas en manter que tal diferenciación era un anacronismo, pero hoxe tamén ideólogos e políticos provenientes da esquerda se inclinan por non ver clara a diferenciación. Parece admitido que en política é ben certo o dito de que se pode ir dereito con liñas tortas e cada quen acepta métodos ou estratexias do contrario salvados na xustificación de que ao final todos pretendemos idéntico fin. Por que ha ser entón máis eficaz a esquerda que a dereita para lograr riqueza, progreso e igualdade de dereitos? Quen di que subir impostos é de dereitas ou de esquerdas? En que se basea a liña divisoria entre unha política fiscal de dereitas e unha de esquerdas? Por que os defensores do aborto han ser de esquerdas e os defensores da vida dos nasciturus de dereitas? E velaí nos teñen nesta confusión contrastada pola experiencia da actuación dos grupos gobernantes neste país nos últimos anos. Os dous corruptos. Os dous con aplicacións de políticas económicas similares (non idénticas). Os dous cedendo a presións confesadas e ocultas. Os dous sumidos nun descrédito alarmante que lles fan desangrarse a chorros na perda de votos. 
Mentres, agarrándose a soños simples pero eternos e universais, un grupo de ilustrados desherdados tratan de ilusionar aos cansos e defraudados. Certo que ofrecen máis incógnitas que certezas (para certezas xa tivemos os trinta e cinco anos dos dous partidos que gobernaron, sobre todo a certeza de que estamos retrocedendo en dereitos e igualdade), máis desexo que plans concretos. Pero non esquezamos que todo dereito conquistado comezou sendo un soño e que non saberemos se hai dereitas ou esquerdas, pero é innegable que existe arriba e abaixo. O dilema está servido: realismo baixo o control dos de arriba ou soños inseguros alimentados polos de abaixo, sabendo, claro, que arriba e abaixo son realidades dinámicas e non maniqueas.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.