domingo, 16 de noviembre de 2014

MAS ZAPATEA A RAJOY

Andaba faltón nos tempos de opositor (político, non a rexistrador) o agora presidente Rajoy. Para conseguir o apoio maioritario dos votantes, ademais de prometer o que incumpriu, dedicouse a desprestixiar a Zapatero con fereza. En político que presume de sentido común, soaban estridentes os insultos case ad hominen cos que axudou a derribar a xa minada figura do expresidente. Inepto e ignorante non foron os únicos cualificativos que con saña lle dedicou ata facer correr unha verdade na que crer: el era (Zapatero), con moito, o peor presidente da democracia. Xa escribín noutra ocasión que ande con tino Rajoy, poden caerlle as soberbias e competir con el por idéntico título. Entre leoneses anda o xogo. 
O mérito máis achegado que temos do seu fracaso é a xestión da desfeita catalá. Disimule como queira e prediquen canto lles dea a voz desde Madrid con que todo foi unha chapuza ilegal e sen valor xurídico, o indiscutible está á vista de que non se empeñe en pechar os ollos: Mas, a Generalitat, as elites e o poder político asociado cos moitos cidadáns independentistas que se formaron, alentaron, encirraron, enganaron, avivaron e mimaron dende dentro e fóra de Cataluña, demostraron máis astucia, mellor retranca política e fervorosa fe capaz de pasarlle por diante do nariz ao Estado que saltan por riba das súas normas e leis sen que ninguén lles tusa. En Cataluña manda a Generalitat, os grupos civís mobilizadores da consulta, os independentistas e as elites económicas e culturais decididas a separarse do Estado. Dende logo non manda o presidente Rajoy, nin o TC, nin as Fiscalía, nin ningunha outra institución, non quero nin nomear garda civil, policía ou exército porque entón xa entrariamos no peor fin dos posibles desta mala película. 
A impresión que deu Rajoy durante a partida na que Mas desafiaba e el calaba era que gardaba algún as na manga, que deixaba que o político catalanista se enchese de fachenda, de bravatas e simplezas, para chafalo dun golpe seco. Para min que a maioría dos seus votantes confiaban en que con esa espera que parecía raposa apatía algo agochaba para frear dun golpe ben dado as súas provocacións. Pero non había nada. Só as ladaíñas repetidas día tras día de lei e orde: un responsable político debe cumprir a lei, confío en que a cumpra. Amarrado a ese salvavidas recorreu en última instancia á axuda do TC, pero non entendeu que o xogo do contrincante xa estaba fóra dese campo. Había meses, anos, que os políticos cataláns viñan experimentando pequenos ensaios coa insurrección comprobando que nada pasaba, que ninguén se atrevía, que calquera presidente, fose do PSOE ou do PP, enmudecía cando se parapetaban na vontade do pobo, na democracia, no dereito a decidir. Mentres Rajoy pensaba que estaba nun campo de herba, con árbitro e claros regulamentos, Mas e os seus xa había anos que ensaiaran con éxito que eles podían xogar outro partido, noutro campo, cuns fundamentos etéreos e falaces que, unha vez aceptados por un bo número de cidadáns, non habería maneira de parar. E aquí chegamos. Máis de dous millóns de cidadáns, ledos e eufóricos, levan en andas a un presidente que os ilusionou coa terra prometida da independencia, unha teleoloxía de potencia imparable á que xa ninguén dará calmado.
 Vendeuse erroneamente que a decisión unánime do TC suspendendo a consulta remataba co problema. Quérese vender agora que con este simulacro de consulta, no que “só” votaron dous millóns significa pouco ou nada á beira dos cerca de seis que poderían votar. Falso. O entusiasmo, a fe e o desexo de independencia que callou nun grupo de cidadáns é o suficientemente amplo e activo como para que os desafíos medren sen límite, máxime contando co alento dos dous partidos maioritarios nas institucións, insuflando propaganda e recursos a esgalla porque Ara és l’hora. A falta de reflexos de Rajoy e o seu goberno (así como a incompetencia de Zapatero, tamén a comenencia de González e Aznar) permitiron o paso penúltimo antes de que unhas eleccións plebiscitarias reciban a bendición dos votantes para que declaren a independencia. 
Rajoy saca peito diante dos seus seareiros afirmando que mentres el sexa presidente non se romperá a soberanía nacional. Pode ser certo. É moi probable que mentres el sexa presidente non se chegue a materializar o que está cantado, pero non será polos méritos da súa capacidade negociadora, nin polas súa xestión internacional (unha palabra de Merkel e estaría salvado), nin pola firmeza das súas decisións desmontando as falacias e falcatruadas dunha Generalitat en clara e manifesta insurrección, senón, simplemente, porque os votantes non queiran que volva a ser presidente. Porque, insisto, o debate entre se o peor foi Zapatero ou será el está aberto. Tanto que, antes das eleccións, puidese ser que lle gane ao socialista coa mesma claridade coa que Mas o zapateou. Ou non o escoitaron desafiando ás institucións democráticas en plan Gary Cooper: aquí o responsable (o chulo, quería dicir) son eu. E isto non porque desenfunde máis áxil ca ninguén, senón porque se sente ben protexido coma para seguir desafiando ata o éxito final.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.