Ás miñas amigas gústalles
a rabiar o ministro grego de economía Varoufakis. Disque é a expresión sublime
da masculinidade, do heroe, da potencia homérica, do clasicismo exento de
enfeites baleiros e chocos. Atráelles ese rostro labrado con algo máis de
dozura que as esculturas de Leiro, pero con idéntica fortaleza, tamén ese
cranio rotundo, e ese corpo consistente e esvelto. Tamén, claro, aprecian que
fala un inglés non aprendido hai tres días, que se ve afeito a ambientes onde
as guerras intelectuais son coma un xogo e que se desenvolve con gracia
informal onde outros só saben ir co uniforme de executivo encorchetado. Saber
cabalgar con destreza unha moto de grande cilindrada tampouco repele. Que a súa
política sexa máis ou menos realista e que con el Greza saia da triste
situación económica que vive é asunto sobre o que se cadra non se dan posto de
acordo nin as miñas amigas nin moitos outros, máis ben se desconfía da súa
eficacia, pero sobre o anteriormente enunciado, o acordo é unánime e parece que
un político así era hora que chegase, e non podía vir de outro lugar que non
fose de onde se contaron as fazañas de Ulises.
A
min tamén me gusta Varoufakis. Por todo o dito e porque encarreira a proba do
nove para saber se realmente do mundo universitario á política as aplicacións
son posibles. Do mundo universitario que non coincide co pensamento máis
habitual, claro, porque dos que van a favor da corrente xa contamos con
experiencias de sobra de que si é posible, máis aínda: que case se produce un
efecto vasos comunicantes sen poder distinguir entre o que vai da universidade
ás finanzas ou no sentido contrario. Co flamante ministro grego estaremos en
condicións de comprobar se aínda quedan azos para confiar en que a política se
impoña aos intereses dun xeito de entender a economía, a riqueza e o progreso.
A
lei que impera dende finais do século pasado, coas vantaxes e inconvenientes da
globalización, obriga a que os políticos anden a tombos intentando cadrar os
intereses dos cidadáns sen se ver aniquilados polo peso dos poderes económicos.
Un xogo perverso no que a pretensión de contentar á maioría dos seus votantes
choca case de fronte co interese aberto dos enramados económicos que os poden
asfixiar e guindar fóra da circulación en menos que canta un galo. Por iso a
desconfianza do cidadán cara os seus elixidos. Por iso a desesperanza do
político ao solicitar unha miga de autonomía que logo ha intentar encaixar coas
presións, esixencias e chantaxes dos que realmente saben cara onde e como
queren que discorran os destinos da economía. A diverxencia móstrase a cada
paso máis evidente: medrar, ir ben a economía non sempre coincide con que lle
vaia ben á maioría dos cidadáns. O exemplo máis evidente témolo neste
melloramento incipiente do que o goberno se quere valer para convencernos de
que apostamos ben e deberemos seguir facéndoo se non aceptamos que todo escache
e se esfarele nos comezos da melloría. Crecemento e creación de emprego son
variables que se utilizan para demostrar que a mellora non ofrece dúbida. Non
se desprezan datos así. Por suposto que non. Pero é síntoma realista de
melloría?
Os
defensores de que non se coñece outra maneira para progresar, insisten en que
grazas a que as grandes empresas recuperan ganancias acabaremos todos por
recibir algún froito desas ganancias. Ningunha fórmula demostrou ser mellor:
ganan os grandes, algo ganarán os débiles, na medida e proporción que se poida,
pero algo chegará a eles. Non medran os grandes, fundímonos todos. Este é o
camiño, non convén saír fóra del. Outros, con visión distinta, consideran
errada esta entrampada estratexia que só leva á desigualdade e á incongruencia
insostible. Arranxos con tendencia á precariedade no emprego, salarios paupérrimos,
condicións de sometemento con difícil rebelión, exclusión e diferencias entre
maiorías resistentes e elites privilexiadas e dirixentes. Entre os defensores de que unha
economía distinta é posible poderiamos situar a Varoufakis. Medios de todo o
mundo veñen cantando os seus fracasos antes aínda de que se produzan. Coma se
os arúspices máis tétricos ditasen o seu canto triste, os grandes medios
encárganse de nos adiantar os fracasos, traizóns e desastres que levará a Greza
o intrépido heroe que xoga a fazañas ilusas abusando da confianza dos crédulos
perdedores. Os desesperados depositan a confianza nun atrevido ilustrado que
enreda con teorías de xogos á conta da súa desgraza. Outros, sen embargo,
agardan con esperanza que un propósito político asentado na prioridade de
desfacer a desigualdade demostre unha nova capacidade de acción económica. Que
sexa posible ou non é curiosidade que se impón á voz dominante do fracaso
cantado. E no caso de que este se confirme, o que procede é unha análise
rigorosa das súas causas, porque se cadra non toda a culpa debe recaer sobre o
atractivo Varoufakis.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.