Non podo ser imparcial.
Despois de vintecinco anos formando parte do claustro do IES Luís Seoane, estou
moi contento porque o xurado decidise concederlle a este instituto periférico o
premio Cidade de Pontevedra. Aínda así – sendo parcial-, intentarei xustificar
por que me parece merecido o premio
e valente a decisión do xurado.
No
curso académico de 1988 inciou a súa actividade o instituto no barrio de Monte
Porreiro. Arrincando coma un desdobramento do Instiuto Politécnico, despois de
tres anos de acomodo, axiña buscou a súa identidade. Consciente da súa
inserción nun barrio cun baixo nivel socioeconómico, alto índice de paro e unha
ampla comunidade xitana, o claustro soubo de contado adaptar os seus plans de
actuación a este condicionante esencial. Durante o período no que o claustro
funcionou baixo a dirección de Xosé Luís Veiga , o instituto asentou as bases
do que é hoxe: un centro educativo de elite nun barrio da periferia. Por
suposto, os continuadores nos equipos directivos (Xosé Pinal, Raimundo Naveira
e Carlos García) dinamizaron o claustro para manter e mellorar estes cimentos,
pero foi na última década do século pasado na que se asentaron con solidez as
liñas polas que había guiarse a acción educativa.
A
primeria, xa insinuada, o firme compromiso co contexto sociocultural. Antes de
que o trebón de leis nos invadise con distintas xergas sobre a atención á
necesidade específica de apoio educativo, o clautro inciou accións de
colaboración coas familias, apoios dentro e fóra da aula e organización de
programas de recuperación nas materias esenciais. Iniciativas pioneiras e
arriscadas que se adiantáronse a moitos decretos. A acollida, detección de
dificultades, colaboración coas familias e centro de procedencia, tenacidade no
combate contra o absentismo, dedicación dos titores e seguimento personalizado
dos alumnos, formaron sempre parte do ADN do Luís Seoane .
A
segunda, a innovación. Pero con filtro, crítica e sen papanatismo. Nunca cegado
pola submisión ideolóxica, senón bebendo do escaso zume sauable de cada
reforma. Na súa rama profesional atinou dende o comezo co todo programa de
conexión con Europa, incorporouse á velocidade de internet ao fenómeno do
século, soubo conectar Monte Porreiro con Alemania, Francia e Polonia. Os nosos
administrativos experimentaron dende o primeiro instante o que era o progama
Erasmus , en que consiste un viveiro de empresa na aula ou un traballo por proxectos realistas e en
contacto coa empresa. Foi pioneiro tamén en entender que a ESO sería realidade
e implantouna de maneira experimental. Enganchouse dende o inicio aos novos
bacharelatos configurando unha triple
oferta educativa sólida, porque se na área administrativa é referencia na
comarca e na dura tarefa de educar un colectivo da ESO multicultural e con evidentes
carencias demostrou tenacidade irrompible, no mantemento do bacharelato non
permitiu que os máis brillantes alumnos do barrio perdesen a oportunidade de
acceder a estudos universitarios.
E por
último, unha apertura eficaz. Non de escaparate. Xa na súa presentación
arquitectónica, con esa entrada tan ampla e luminosa na que se atopan unha
belísima biblioteca ao fronte da cal traballa un equipo magnífico e unha salón
de actos testigo de tanta actividade creativa, o centro di que está aberto á
sociedade. A que veñan e a saír. Á luz. Aos colores de Luís Seoane. Teatro,
actividades do barrio, formación, viaxes, conexión coa Unesco e con
traballadores sociais, centro de exposición e colaboración coa arte e a
cultura, o instituto realiza intercambios con Cuba, Arxentina, Europa e o resto
de España, mostrando o que é unha educación pública esixente, igualitaria e
libre. A nai dun alumno, entre orgullosa e eufórica,, resumía á perfección o
motivo do seu agradecemento: “Se o meu
fillo non caera neste centro, nunca
conseguería o título no ciclo formativo”. Por isto atinou e foi valente o
xurado ao premiar a este instituto de barrio. Porque a excelencia non só está
nos brillantes alumnos que logran altos éxitos académicos – que os ten- , senón
tamén cando un con serias dificultades de personalidade aproba un título de
formación profesional ou unha moza xitana de vinte anos consegue o título da
ESO.
Imposible
nominar á cantidade de profesionais que colaboraron neste éxito. Só quero
mencionar a dous profesores que moito se aledarían desta boa nova se a morte
non quixese tan cedo leválos de onda nós: Juan José López e Carme Souto. Para
toda a comunidade educativa, parabéns.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.