Para que negalo: a min o que máis me gustaría neste
momento sería ser un escritor de éxito rotundo. Iso que a maioría sabe ás
claras o que é: un señor (ou señora) que escribe libros cada tres ou catro anos
e vende neles coma rosquillas en sete ou oito idiomas. Fai cartos para vivir
ben e paga os seus impostos sen trampa nin cartón. Gustaríame por todo, pero
especialmente para regalarlle a Fátima Báñez a miña pensión por se lla quere
ofrecer en limosna á Virxe do Rocío.
Pero por desgraza, nestas condicións, en España cóntanse cos dedos das
mans os que se poden permitir tal valentía.
Como
calquera sabe, vivir con decoro de escribir no é aventura fácil. Require moito
esforzo, dedicación intensiva e outras circunstancias que non son tan doadas de
poder manexar. Por iso a maioría dos que escribimos compaxina actividades
laborais que nos permiten vivir e, en
tempos libres , dedicámonos ao que nos gusta con maior ou menor fortuna. E
tamén por isto son moitos os que ansían chegar á idade de xubilación para,
asegurada minimamente a mantenta, contar con máis tempo para centrarse naquelo
que máis os satisface. Mais miren por onde, o goberno, moi preocupado por que
todos sexamos Facenda e non se escape un céntimo de euro, deu en vixilar a
estes grandes defraudadores: se cobran pensión e polas súas actividades
artísticas (dereitos de autor, conferencias, exposicións, colaboracións, etc. )
ganan máis de 9000 euros ao ano han de perder a pensión. Hai que optar. Que é
iso de realizar actividades lucrativas unha vez que xa un se xubilou... Como é
fácil de entender, quen por 12.000 euros ao ano vai perder a súa pensión? Que hai de malo en que ese contribuínte pague
pola súa actividade sen perder o dereito
adquirido ao longo da súa vida laboral? Pretenden que nos deamos a lacazáns ao chegar aos 65 anos? Resulta
realmente un problema de fraude para a facenda pública?
Seguimos
tendo que lle dar a razón a Larra. E non só polas dificultades económicas de
escribir, senón tamén porque parece que un non dá saído das preguntas primeiras
coas que nos martirizabamos durante a primeira xuventude: a partires de que
momento é un escritor ou deixa de selo? Cando un sente os primeiros impulsos
por contar historias e soña con entrar a formar parte dos contadores delas,
gosta de analizar en que momento, por fín, se pode contar entre eles. Lembro que a miña obsesión xiraba arredor da
primeira publicación. En canto publique algo, pensaba, deberei consdierarme
escritor. Pero todo é moito máis complexo. Publicas por primeira vez en
colaboración con outros, un conto premiado, algo anecdótico, e segues crendo
que aínda estás nas portas. Prolongas a espera a cando publiques de verdade ti
só o teu primeiro libro. Lógralo. Pero tampouco. Porque de inmeditao che entra
a dúbida se non serás dos moitos escritores truncados que se quedan nun
primeiro libro do que non dan pasado. Publicas o segundo para reafirmarte e
logo un terceiro, incluso levas algúns premios de sona, pero como a
inseguridade é libre, segues dubidando se de verdade es o que pretendes ser.
Así ata que van pasando os anos, escribes ata a xubilación sen te exceder en
títulos, menos en éxitos, pero resistes a ver se de verdade, agora que contarás
con liberdade e tempo, podes reafirmarte en que es aquelo que cres ser. Chegas á xubilación e, por se non fose
dabondo con atacarte un cancro para que pases máis tempo na sala de tratamento
que diante do ordenador, preséntase Fátima Báñez para axúdache cun estímulo económico
que non podes rexeitar. Como para preguntarte se non será horas de saber se xa
un deixou de ser escritor...
Creo
que era Javier Marías o que dicía que ata os 57 anos non lle negaba as
posibilidades de facer algo interesante a ningún escritor, a esa idade escribiu
Cervantes El Quijote. Hoxe, entendo,
visto o que medrou a esperanza de vida, poderíamos alongalo ata os 77, pero
como a ministra siga tan ríxida empeñada en controlar as catro faragullas que
por escribir recibimos, ata se podería perder algunha obra de mérito. Aínda que
así non fose, permitir que un xubilado compaxine as súas rentas de capital ou
outras moitas (que poden ser moi elevadas) coa pensión e por contra acurralar a
artistas para que opten por xubilación, media xubilación ou prescindir dela
para realizar pequenas actividades polas que pagan os seus impostos obrigados,
non parece unha política apropiada a favor da cultura nin dos cidadáns que
desexan ser creativos mentres viven.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.