Nas primeiras horas da mañá
do luns, estaba abrindo o día, Reve
chegou ao pequeno piso alugado dende mediados
de xuño, pechou as persianas, deitouse na cama e antes de quedar durmindo
dixo en alto: “A tomar polo cu. Acabouse a Caribe.
Que toque con eses idiotas a nai que os pariu”. E durmiu todo o día. Estaba
morto.
Seu pai, nacido en Guláns
labrego e aprendiz de músico, conseguira facer carreira musical e militar cando
foi á mili. Nunca logrou ser un músico como a el lle gustaría, pero si unha
vida digna, asentou en Segovia na Academia de Artillería, casou e tivo un neno
no que depositou toda a súa frustración: había de ser músico de categoría, el
tiña oportunidade, podería mandalo ao conservatorio, non á escola de noite de
Guláns . Con esa idea púxelle Reveriano en contra do parecer da nai, pero a súa
admiración por Reveriano Soutullo era tanta que pensou que ao lle impoñer ese
nome, o rapaz tería medio conservatorio aprobado. A nai foi a causante de que dende que o
bautizaran lle chamasen Reve, non lle gustaba, pero aceptábao mellor que
Reveriano, nome que acabou odiando con idéntico silencio co que se foi
apartando do seu marido ríxido, frustrado, dominante ata o impensable.
A vida de Reve foise guiando
polos ditados rigorosos do pai ata que chegou á xuventude alta, que rachou con
todo. Fora tanto o autoritarismo do pai que colleu polo carreiro oposto e
largouse a Madrid enfadado con todos e con todo. Por suposto sen acabar os anos
de piano, só cunha formación básica, pero suficiente para ir pillando chopes en
distintos hoteis para tocar polas noites. O certo é que Reve tiña certo don e
con gusto e a boa elección do repertorio acabou por entrar en hoteis de
categoría e axiña fixo cartos para levar unha vida nocturna atrevida e de
troula. Coñeceu ben os ambientes madrileños despois de que remataba o traballo,
probou dos praceres e sensabores dos excesos, pero mantivo a serenidade
suficiente para conservar os traballos e seguir cun nivel de vida aceptable. A
Segovia ía de pascuas en ramos para a ver á sufridora de súa nai, a poder ser
sen tropezarse co pai.
Pasados uns anos neste
estilo de vida coñeceu unha rapaza que o sosegou durante un ano, tempo
sufienciente para lle facer crer que sentaría cabeza e podería formar unha
familia. Casou. Unha voda sencilla e case secreta e a ou pouco tempo tiveron
unha filla. Pero o seu asentamento foi efémero. Ao pouco de ter a nena o corpo
pediulle outra veza andar de farra e todo acabou como tiña que acabar: a muller
deixouno cansa das súa irresponsabilidade e de regresar á casa un día si e outro tamén fóra de hora e en
pésimas condicións. Só, aburrido de Madrid, divorciado, decidiu cambiar de
aires. Soubo por un amigo que en Lanzarote abrían un grande e luxoso hotel,
probárono e, coa experiencia adquirida, non dubidaron en contratalo. As
parellas de alemáns, ingleses e españois que ás noites ían ao salón para tomar
unha copa, quedaban sempre satisfeitos pola mestura equilibrada e gustosa que
facía nas súas eleccións: unha miga de Schumann fácil, de Chopin, tangos, boleros,
algo de Falla e o público acababa escoitando, algo pouco frecuente nestes
casos. Despois do traballo o plan consistía en algo de piscina e moito de botar
ollo para atopar muller – case sempre estranxeira- para pasar unha ou dúas
noites, nunca máis de tres.
Así se foi aclimatando ao
vento de Lanzarote, ata que unha noite, en plena actuación, notou a mirada fixa
nel dunha muller especial. Estaba acompañada doutra sen miga de graza. Pero
ela, sen ser espectacular, tiña un aire entre tenro e atrevido que o ataron
durante todo o tempo que tocou. Coa práctica que lle sobraba, nun descanso,
acabaou tomando unha copa con elas e axiña soubo que a muller especial estaba
de loito por divorcio, era profesora de latín nun instituto en Galicia e que,
cando acabase a actuación, volvería con elas – con ela, a compañeira foi boa
amiga e desapareceu- para continuar coñecéndose. Coñecéronse. Ao contrario do
seu hábito, con Helena pasou os dez días que permaneceu na illa. Cando marchou
quedoulle pena e quedaron en que el iría a vela a Galicia en canto puidese.
Tardou máis do que Helena supuxo, pero morto o pai, arranxados os asuntos
mínimo de herdanza e depositada súa nai na residencia para mayores de militares
do Guadarrama, sen saber o porqué decidiu coller o coche e viaxar a Galicia.
Helena non era a mesma de
Lanzarote. Decepcionouse. Alugou un piso nun barrio barato na mesma cidade ca
ela, e como comezaba o verán fichou como teclista pola orquestra Caribe. Non aguantou máis que o mes de
xullo. A primeiros de agosto, despois da actuación nunha aldea infernal, onde
só uns vellos e catro borrachos miraban aparvados para as dúas rapazas que
gritaban ensinando perna e teta, acabou tan farto e desesperado que optou por
mandar todo á merda. O luns durmiu todo o día. Pasadas as doce da noite
espertou e púxose a fumar pensando que sería a partires de agora da súa vida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.