lunes, 22 de agosto de 2016

O BOSQUE DA FONTE AGOCHADA

NAQUEL LUGAR había un bosque tan inmenso coma vello, ninguén lembraba dende cando era así. Ocupaba unha extensión tan grande que os mellores expertos do bosque reuníanse con frecuencia para delimitar as súas dimensións, marcar os lugares perigosos, os máis fermosos, os camiños novos, coidar dos antigos, planificar plantacións novas, coidar dar árbores enfermas e decidir que anaco estaba preparado para a corta, cada certo tempo vendíanse toneladas e toneladas de madeira que daban grandes beneficios ao pobo, por iso, cando a venda de madeira ocorría, as festas duraban días e noites seguidas, cargadas de cantos e de alegría.

Dende antigo sabíase que o segredo do bosque atopábse nalgún lugar oculto que aínda ninguén dera con el: unha fonte de caudal inmenso da que brotaban augas que corrían en tódalas direccións e enchían o bosque de arroios, fervenzas, regatos suaves, fíos finísimo de auga que deitan música delicada e constante. Non importaba que viñeran días de lóstregos e tormentas ruidosas, nin meses de seca, sol do que abrasa, nin tampouco semanas de chuvia miúda que se espalla entre ás árbores coma pingas de tenrura. Tampouco cambiaba nada se as folerpas de neve queríann durante algún inverno pousar nas copas das árbores e darlle ao bosque unha blancura diferente á de cando o sol se coa por entre as follas dos castaños ou dos carballos. A fonte resistía tódalas condicións da atmosfera poque debía ser tan inmensa, de pedra tan boa, tan fonda, que nada trastonaba o seu programa: dar auga regulada, ao seu tempo, para as árbores e as persoas, para a terra na que se asentaba tanto silencio ás veces, o ruxir do vento contra a follas outras.

Aprendían os nenos a vivir co bosque e ir detrás da fonte agochada aínda on ben comezaban a falar. Sabían polos pais e avós que dentro do bosque había un tesouro que atopar e, sen deixar aoutros labores, todos no pobo se dedicaban a planifacar excursións, expedicións serias, camiñatas de nenos a ver se alguén, por fin, dunha vez daba co lugar onde a fonte se agochaba. Pero tantas viaxes ao longo de moitos anos non deran resultado. Mais non pobo non se desanimaban, non perdían a fe, e así educaban ao fillos para que desfrutasen, investigasen, enredasen e se relaxasen no monte. Os mestres acompañaban aos alumnos ao bosque para aprender o nome de tódalas árbores, difícil de tantas que había; enredaban con xogos de pistas para perderse e atoparse; aproveitaban para estudar nos días nas que a calor non permitía estar a gusto na escola; aprendían en silencio a escoitar a natureza; camiñaban en días especiais por se tiñan a fortuna de dar coa fonte agochada.

Os maiores tamén aproveitaban días de folganza para meterse ata o maior espesor e distinguir o cantar dos paxaros, os sonidos dos réptiles, o crecemento das árbores ultimamente prantadas. E buscaban tamén con ansia a fonte agochada, pero pasaban anos e ninguén daba con ela. Dunha vez un grupo que se meteu cara o norte e realizou unha expedición de máis dun mes pensou dar con ela, abriuse un claro entre as árbores, un prado inmeso estendíase verde e fresco nun rectángulo enorme, e todos correron cara o centro onde si broba unha fonte, fresca, potente, de auga cristalina, pero examinada polos expertos comprobouse que só podía ser unha das moitas que imitaban á verdadeira, á agochada, pero nin polo caudal nin polas dimensións podía ser a que correspondía á grandeza de tan belo bosque.

A pesar dos traballos de a diario - o pobo non era de fantasía, esixía esforzo e traballo a cotío-, nas casas sempre se atopaban ocasións para contar aventuras referidas ao bosque. Algúns acordaban e contaban de cando algún animal atravesado metía medo polas noites, de alguén que se perdera esixindo o ratreo da comunidade para atopalo, algún regato no que dicían se atoparan sete pedras preciosas e incluso había quen aseguraba que nalgún tempo se escoitaban en plena noite coros de voces graves cantando cantos tristes e melancólicos.

Pero o evidente é que pasaban os anos e a fonte agochada seguía sen aparecer. Si apareceron grupos de descontentos entre os habitantes criticando que se estaba ilusionando aos nenos cunha fonte inexistente, coma se o seu escepticismo aportase algo. Mais axiña os vellos, os mestres, os directores da comunidade apagaron esas voces incrédulas convencidos de que mentres estivesen centrados en atopar a fonte agochada, o bosque continuaría sendo a fonte da súa vida. E así foi, seguen no pobo gozando de todo canto o bosque lles dá e nunca cansan de buscar a misteriosa fonte agochada. E o bosque non arde.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.