lunes, 22 de agosto de 2016

TAPADAS NA PRAIA

CANDO as mulleres do interior ían tomar as augas á Lanzada ou Riazor (non hai tanto tempo), case ningunha sabía o que era un traxe de baño. Mollaban os pés, erguían os vestidos para non mollalos, tapábanse cando podían, nin pola cabeza lles pasaba a posibilidade de vestir doutro xeito para entrar no mar. Hoxe nin do interior nin do exterior, non hai muller nin home que tema vestir cómodo para ir á praia. Miña madriña, que conta 94 anos, ata os 90 andou sempre con pano na cabeza. Non doutra maneira se sentía segura nin guapa. Así ten a pel branca coma unha monxa de clausura. Chegados os 90, por influencia das netas, que a peitean e animan a que se poña guapa, deixou o pano, mostra o seu cabelo branco, anda toda crecha e nunca tan liberada se veu. Non gastaban aínda non hai tanto u­nha congregación de monxas unhas pamelas ou cofias brancas, enormes, aladas e amidonadas, que se hoxe as vise un rapaz pensaría que saíu unha nova película de ciencia ficción e el sen sabelo? Polos anos 60-70 do século pasado, os escándalos que causaban as turistas do norte poñendo bikini con toda naturalidade nas nosas prais foron monumentais.
 Eclesiásticos enfurecidos pensaban, inxenuos, que tal costume era cousa do demo e nunca se implantaría na católica España. Xa ven o que tardamos en mudar os costumes. Hai varias xeracións que non entenden a praia sen bikini de dúas ou unha peza. As sociedades avanzan e mudan maneiras con certa flexibilidade. 
Igual debería ser o problema co que Europa se atopa nestes momentos, mulleres de sociedades con costumes moi diferentes, que prefiren entrar na auga cubertas de pés a cabeza. Por min como se quixesen bañarse metidas nun tonel. Non mete máis medo ver saír da auga a un submanista recuberto en neopreno e armado de fusil de buceo? O problema radica no que sabemos dese costume no vestir. Reflicte a escravitude que as mulleres desa cultura padecen. Dominadas e ignoradas deben obedecer unhas leis relixiosas que non cadran cos dereitos democráticos que noutros lados logramos. O problema de fondo é o de sempre: sociedades que continúan sometidas a unha lei relixiosa que está por riba do poder civil. Culturas que aínda non pasaron pola ilustración e nas que a relixión segue dominando baixo hermenéuticas atrasadas, incompatibles coa ciencia, cos dereitos humanos. O problema é, polo tanto, de escravitude, das mulleres escravas nunha sociedade que aínda non se despegou do dogmatismo do poder relixioso.
O vestido importa menos. Non temos entre nós, por máis que anden espidas, mulleres escravizadas? A lei, logo, debería centrarse en prohibir a evidencia da escravitude. Se cadra é unha perda de tempo lexislar sobre o superficial. Por min que homes e mulleres, na cidade ou na praia, vistan como queiran, o que non se pode baixo ningún concepto e tapar os ollos diante da escravitude. Aí si todos han respectar a lei. E quen queira vivir entre nós, non lle queda outra que aceptar as leis aínda que non cadren coa presión relixiosa que padecen.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.