sábado, 26 de noviembre de 2016

A DIETA DO BERBERECHO

OS QUE andamos a voltas cun mal que nos sume na incertidume por saber que en calquera momento se cumprirán os malos prognósticos, facémonos expertos, queiramos ou non, sobre remedios mil para nos distraer do inevitable. Eu son dos que, como díría Agustín García Calvo, aínda dubido dos erros e intereses ocultos que poden coarse entre a comunidade científica - a única, por escéptico que sexas, na que se fiar-, para canto máis non desconfiar abertamente dos charlatáns, enganabobos e pícaros desaprensivos que pretenden aproveitarse do desconcerto , angustia e dor dos que sofren.

Como dicía, por máis que fuxas de buscar ese tipo de información, por tódolos frentes recibes recomendacións para que resistas e non te acoquines. A primeira e máis recorrente é a da actitude: positiva, forte, ánimo, ti podes, conseguiralo, loita, non te deixes ir... A diario recibo miles de palabras de ánimo e inxeccións de valentía que aprecio no que se merecen. Sei que quen mas dedica é porque me aprecia, porque confía na miña vontade e loitan a canda min para que o mal, xa que non quere desaparacer, alomenos se free, se calme e colla unha velocidade tan lenta que me permita seguir tal e como estou por algúns anos. Non son desagradecido e aproveito para dende aquí recoñecer o moito que lle debo a todos os que me apuxan para que non me deixe ir. Sen embargo, sendo rigorosos, a ciencia sabe perfectamente que cando a homeostasis corporal se descompón e o ton vital afrouxa nas súas principais funcións, non hai ánimo nin ilusión nin vontade nin proxecto que os poda vencer. O corpo é un. Se non dás subido as escaleitas que te levan ao piso onde dormes, se para calmar a dor debes tomar drogas que te aparvan e se para resistir debes inxectarte velenos que te adormecen coma un castigo e cando espertas veste coma un trapo guindado no chan, ningunha forza mental, ningún autocontrol nin Mindfulness pode reconfortarte.
Sei que quen mas dedica é porque me aprecia, porque confía na miña vontade e loitan canda min para que o mal, xa que non quere desaparecer, alomenos se free
Porque a segunda ringleira de recomendacións, sobre todo dos que son instruídos, vén do lado dos libros que non son propiamente de autoaxuda e contan coa bendición dun creador con avales científicos en medicina e universidades de prestixio. Tal é o caso de Vivir con plenitud las crisis de Jon Kabat-Zinn, profesor emerito da univesidade de Massachusets. O libro, plúmbeo onde os haxa, estouno lendo coma quen vai a San Andrés de Teixido, procuro respirar como me ensina, e realizar diariamente o escáner corporal, e pasear meditando (é dicir, sen mirar á paisaxe nin aos pés), e todo canto vou aprendendo pouco a pouco, porque para ler as 600 páxinas necesítase tempo, constancia e fe. E non me rirei eu destas ensinanzas que tratan de reequilibrar o que o estrés rompe, bebendo na medicina e nas técnicas da meditación oriental. Pero insisto: se a principais funcións parasimpáticas escachan, non hai meditación, nin ilusión, nin vontade, nin farrapo de gaitas que reestableza o equilibrio perdido. O corpo non pode, non dá, e a mente é copro.

Despois xa chegan outras recomendacións menores, non as ridiculizarei, non anda un como para desprezar nada, chega un momento no que ata che gustaría creer nas pregarias para orar diante dun poder superior que me botase unha man, pero aquí xa entran todo tipo de consellos que pasan de boca en boca, ás veces defendidas por vivos modernos curandeiros, outras non se sabe por que si nin porque non chegan a propagarse. Xa saben: dietas determinadas (eu escoitei tantas que podo comer o que me dea a gana), baños de sal (por que non?, un par de días á semana relaxan e dorme un mellor e o sal non está caro), camiñar diariamente (isto non é nada novo, está admitido, difundido e confirmado que camiñar é bo ata para non morrer na cama se te pilla na faena), beber determinados brebaxes e usar moitos fungos, sobre todo se veñen de Xapón ou China. Eu en China estiven en Pekín nunha farmacia central grandiosa, dunha arquitectura preciosa e montada para o turismo de xeito que contaría con 50 empregados ou máis, todos despachando sen descando. E como engado maior, en varias zonas, sentados e meditabundos, unhas vellos con barbas brancas aconsellaban a quen lles preguntaban en calquera idioma do mundo. O resultado, polo que obsevei era sempre un idéntico botello de píldoras que tanto valían para os homes que solicitaban axuda para unha erección como é debido coma para as mulleres que desexaban manter unha pel de porcelana.

O que descoñecía é unha dieta que me descubriu esta mañá un amigo da Illa de Arousa. Que sabes dos berberechos?, pregunta. Que están bos. Non, home, como remedio contra os efectos secundarios da quimioterapia. Nada, respondo. Pois un familiar de Castellón acaba de me pedir varias caixas, disque son fantásticos. Así como o oín, dieta incorporada. Os berberechos gústanme ben.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.