María , a señora que me atende no
pequeno almorzo do hotel onde me hospedo en Nova Orleans, mostra un sorriso
sereno, discreto, con certo aire de resignación. É de nacencia nicaraguana pero
xa leva nos EE.UU.trinta anos e considérase adaptada. Cando lle preguntei a súa
opinión sobre o triunfo de Trump non quixo ser moi explícita. Veu dando unha
resposta á galega: a ela tanto lle tiña, non cría que lle puidese repercutir en
nada, nin para ben nin para mal, e daba por descontado que tanto descontrol na
falancia non se traduciría en idénticos feitos. Unha compañeira negra, alta
coma un eucalipto e desinhibida a máis non poder, pediulle traducción e cando
lla fixo riu escandalosamente, marchou xurando que dela ningunha confesión
conseguiría.
Aquí, á beira do Mississippi, non se
nota nin o máis mínimo temor nin desasosego polo triunfo do bocazas rubio.
Certo que é un estado que o votou, pero na rúa, nos bares, nos comentarios non
se percibe nin a máis mínima inseguridade nin intranquilidade. Igual que María,
os nativos, negros ou brancos, parece coma se xa souberan que o resultado ía
ser o que foi. Era moita a fartura polos gobernos desas clases – casta que
dirían algúns- dominantes que se veñen alternado no poder para que as capas
medias sufran e paguen con tódalas consecuencias. A working class está
farta de padecer as políticas dominantes, esas que favorecen ás grandes
multinacionais e van aniquilando ao pequeno empresario, ao traballador
asalariado, ao artesán. América, a profunda, a máis extensa e calada, á vista
está nos votos, anhelaba alguén que tivese a coraxe de dicir ben alto o que
eles levan pensado ou ocultado por non ser políticamente correcto. Que hai que
regresar a un mundo illado, refuxiarse na grandeza do país, rozarse con amigos
estraños, guerrear só se compensa, ignorar as necesidades dos demais, favorecer
os costumes e tradicións, sen tanto elitismo, sen tanto glamour, que fixeron a
este país o máis poderoso da terra. É unha necesidade de negar o imperialismo
para continuar con el. Unha contradición que rima ben con mensaxes simplistas:
os inmigrantes son culpables, debemos pecharnos, levantar muros, mirar e
preocuparnos antes de nada por nós e que cada quen se busque a vida por outro
lado. América é terra de atracción e levantouse grazas á emigración e á bos
mestura que soubo realizar en algúns momentos, pero iso é tempo morto, agora,
os auténticos, os verdadeiros cidadáns, deben votar a que pensa pechar cancelas
e persiguir aos vagos para que non se esborralle a súa grandeza.
Durante a campaña, en Europa, que
comprendemos pouco o verdadeiro ser dos americanos do norte, pensabamos que
Clinton, por mala que fose, non tería adversario, el mesmo cavaba a súa tumba
cada vez que abría a boca. Falso. Aquelo que a nós tanto nos escandalizaba e
parecía incrible que alguén candidato a un país tan poderoso puidese dicir en
mitins e declaracións públicos, ao amirador estadounidense medio encántabanlle
esas estupideces, recoñecía nas súas brabatas a valentía da que o cidadán medio
silencioso reprimía. Pero no fondo, moitos, tantos coma para lle dar o poder,
aledábanse de que por fin alguén non tivese pelos na lingua, se deixase de
correccións políticas e dixese que américa é para os americanos, que os
triunfadores de verdade fanse ao seu estilo, e que un home non é menos por
manifestar catro babosadas entre machotes sobre as mulleres, o que realmente
invita a emulalo é o seu triunfo, as súas conquistas, as mulleres novas ao seu
carón, a cara lavada de fanfarronear – tirunfadore, dono do éxito- coma se fose
un chulo do motel de estrada que se atopa con compañeiros viaxantes fartos ao
cabo do día de pelexar por introducir os
seus productos diante da dura competencia. Trump transfire orgullo aos
silenciosos, ignorados cidadáns e traballadores asalariados que ven perder cada
día vantaxes fronte aos escasos poderosos dominantes defendidos claramente pola
casta dos Bush, Clinton e similares. Buscaban un Berlusconi estilo USA que lles
quente os oídos e lles baile a auga durante o tempo de campaña. Un atrevido que
promete repartir o método do seu éxito ao país. Logo, cando chegue a hora de
gobernar, xa se verá.
Na Bourbon Street, rúa expresión máxima
do que T. Williams dixo referíndose a Nova Orleans como a última fronteira da
bohemia, coñecidos os resultados do ganador. non se notou transformación mínima
na rutina do se ambiente feseiro. Algún aplauso illado, algún brúo etílico,
pero o que se mantivo foi a normalidade do cheiro a cervexa. Os propios ou
habituais do lugar continuaban coa súa vida cotiá: fumando, esnifando, tirados
na beirarrúa, bebendo, cantando, tocando na rúa tambores, trompeta ou saxo.
Dentro, nos bares, as bandas de jazz non perdían o ritmo coa improvisación de
quenda, as de blues continuaban co seu lamento rachado e as de rokc rebentando
a batería para que a voz do solita incrementase o seu berro irto e rabioso. Aos
turístas coma min ignórannos agás para que gastemos, somos espectadores dun día
que non damos entendido nada. Ao final, entre os cheiros penetrantes da rúa, o
rebumbio dos bebedores e as músicas mesturdas e incesantes, comprendín que tiña
razón María na súa despreocupación pola victoria. O charlatán non tadará nada
en que a Corte Suprema, os donos do petróleo e os magnates da industría do
armamento e dos laboratorios médicos lle fagan tragar toda babosada atrevida
para reconvertelo nun sensato e maleable gobernante. Total, como me parece que
pensa María: o mesmos cans con distintos colares, ademais de que can ladrador
soe ser pouco mordedor. Por iso en EE.UU., coma María, son poucos os que temen
a Trump. Os que de verdade mandan levarano ao rego queira ou non. E quererá,
seguro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.