viernes, 4 de noviembre de 2016

NIN TRUCO NIN TRATO

OS EXPERTOS diranlle que a festa de Halloween non provén, como se pode pensar de entrada, dunha invasión cultural dos EE UU de última hora. Antes que os EE UU existisen xa se celebraban en Irlanda, Reino Unido e Península Ibérica festas similares baixo o nome de Samhain. Porque a festa parece froito dun sincretismo da cultura pagana celta e a cristiá que todo o asimila e sabe encarreirar na súa conveniencia. Con todo, digan o que queiran os expertos, a min paréceme unha trapallada imposta pola forza imparable da potencia invasora dos EE UU.

Se falaramos de meigas ou da Santa Compaña, entenderíao, pero para que nun tempo récord pasaramos da ignoracia á publicidade desta festa en tódolos medios, algo tivo que ocorrer. Cando ninguén sentía a máis mínima gracia polo trato ou truco, polos disfraces horripilantes das festas de medo ao estilo dos estados do norte de América, as tradicións propias abandonáronse como trasnoitadas, restos rurais do atraso económico de Galicia, supersticións propias de incultos ou pouco informados. Meigas, trasnos, feiticeiras, mouros, vedoiras, xacios, sacauntos, o apalpador e a Santa Compaña desapareceron do imaxinario colectivo, pervivindo só en algún estudo etnográfico esquecido en algunha institución cultural. Non digamos os nenos. Salvo algúns que puiedan sentir pracer coa lectura de Cunqueiro, a ningún se lles pasaba pola cabeza este tipo de mitoloxía mesturaza da cultura castrexa, especialmente a sueva, e a romana. A mordernida ditaba mal con este tipo de contos, de crenzas, de tradición popular, só conservada entre clases populares illadas aínda na incomunicación coa transformación da vida urbán galega.
As tradicións máis antigas, os relatos fundados neses temores reais, ofrecen un modelo de interpretación e aceptación da dura trampa que agocha o vivir 

Pero coma nun lóstrego comezaron a chegar noticias do alén con esqueletes, sangue, medos de pacotilla incorporándose pesonaxes da farándula á moda coa facilidade que os caracteriza. E aquí estamos nos comenzos dos século XXI entrando de cheo na tradición badoca, estúpida e comercial que nos chega imposta pola lei da potencia exportadora de espectáculo e negocio ao que agora se lle chama cultura. Velaí famosos dos que impoñen costumes, mozos festeiros á última, nenos contaxidados - infectados, inocentes- pola maldita gracia de crear mostros, seres repugnantes e personaxes vendedores de medo que dan risa. Risa tonta. A de evadirte con antroidadas copiadas, manierismos de acomplexados e aproveitamento dos vivos negociantes aos que non se lles escapa unha. Un espectáculo divertido e impresionante de color, gusto, elegancia, enxeño e intelixencia.

Polo que leron ata o de agora deducirán que son un amante namorado da festa importada. As razóns están claras: nunca me gustaron os medos artifiais, as charlotadas que disfrazan o misterio, os espectáculos baleiros que arrastran masas por pura imitación inconsciente, tosca, acrítica. O medo é o suficientemente serio coma para adobialo de porcalladas, frivolidades e caretas mortas. Os gregos usaban con criterio a careta, o carácter, a mostra do auténtico temor ao destino do que non se daba un librado. Estas de agora representan a inercia do rutinario, da excepción ditada, da ruptura sen que se mova unha folla. Unha invasión do trivial no misterio do medo, da morte, do máis aló.

Na actualidade custa enfrontarse ao misterio, á morte. Todo parece pensado para ocultala, disimular a súa sombra inevitable, desplazala a un lugar agochado, a un tempo breve, a un relato velado. Xa non digamos as tebras coas que cobre tal realidade aos nenos. Nada se lles explica, nada se lle ensina, o engano inxenuo utilízase coma un engado de falsidade no que a realidade se disfraza ou simplemente anula. Sobran motivos para sentir verdadeiro pánico, para que se estarrexa o sangue de veras, para conectar con aqules que padecen diante do auténtico terror. Abonda coa realidade diaria que nos sitúa diante da segura viaxe máis longa, a de nunca regresar. As tradicións máis antigas, os relatos fundados neses temores reais, ofrecen un modelo de interpretación e aceptación da dura trampa que agocha o vivir. Esta celebración importada, por máis que beba das raíces en irlandeses que as trasladaron a EE UU, non deixa de ser unha chabacana e fútil troulada baixo o control dos vendedores de fume que aloula e sen nada de calor. Pola miña casa mellor que non aparezan, con tales maneiras, nin truco nin trato.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.