sábado, 26 de noviembre de 2016

OGALLÁ NON DURMISE SOA

ENTRE os atractivos de Nova Orleans, destaca a paixón polo entroido e o furor polo vudú . Probablemente hoxe xa sexa máis un negocio turístico que unha firme permanencia da cultura creole, pero a súa expansión polas tendas da cidade é unha praga. Así coma das árbores penden máis colares que follas, nas tendas do casco turístico existe maís oferta de disfraces e caretas, libros de maxia e amuletos que de froita. A pesar do inicio de mareo polas moitas candeas de intensos olores acendidas no pequeno espazo, entrei e aguantei un anaco nunha tenda de vudú. A bibliografía abunda, non reparei nela, pero un pode informarse a conciencia ; os amuletos chegan dende o Tibet, Perú, Bolivia e onde se imaxine. Menos de Galicia. 
Aínda pensei en facer negocio co rapaz cunhas rastas fermosas que manexaba a tenda, facerme representante dende aquí e mandarlle estampas do Corpiño, tallas de San Andrés de Teixido ou fotos da procesión dos mortos da Póboa, pero mediteino mellor e desisitín: quen quiera remedios galegos, que viaxe ata aquí. En fin, que a tenda rebosaba clientes e o mozo parece que podía permitirse vivir vendendo os obxectos máis estraños contra o meigallo.
Á saída, sentada nun portal paraleto, quedei imantado na imaxe dunha nena que non pasaría dos 14 anos, case espida, as botas fortes e sucias eran o máis chamativo da súa vestimenta, que miraba perdida a non se sabe. Dende onde remataban as botas, víase unha amalgama de tatuaxes de cores que tapaban case por completo o seu branco corpo. 
Polas pernas, nos brazos, nos peitiños ao aire sen madurecer e ata o pescozo, animais pequechos, estrelas, letras, signos sodiacais, algunha frase, todo miúdo e mal amontoado cubríana dándolle una aspecto de figura coloreada para entristecer. A cara, linda, se non fose porque as colores rosas dos ollos, a pasta indefinida dos pómulos e o vermello estridente dos labios lle daban unha pinta de puta vella nun rostro de nena que arrepiaba. Mirei directamente para ela bastante tempo, nin se inmutou, a súa mirada estaba tan perdida, os seus ollos tan secos de chorar permanentemente sen bágoas, que parecía nada ver, que en nada pensaba, non vivía. Acordeime se lle morrerían os pais, se andarían perdidos no alcohol e nas drogas, ou enfermos da mente, ou se, con sentido, sufrirían día e noite o indecible pensando que sería da súa nena, a punto de volverse tolos de remate. 
Deixei de observala e alí permaneceu na súa postura indolente, a mirada perdida ni rachada pola cantidade de xente que pasaba por diante. Ao marchar pensei se alomenos sería dos sen casa (moitos), que atadados case sempre a can deambulan pola cidade, pero á noite reúnense nunha cohesión talvez primitiva. Ao contrario que aquí, que os ves individuais cos seus cartón en cada portal, alí, debaixo de pontes ou soportais de edificios públicos, reúnense á hora de durmir entre 8 ou 10 perdidos para aliviar frío e soidade. Moito desexei que a nena tivese forzas para arrimarse a algún destes grupos e non durmise soa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.