O líder da oposición acostuma a recorrer a unha frase feita que parece o deixa pleno e satisfeito. Vén a dicir: os que están gobernando andan despistados, perdidos e confundidos con asuntos que nada lle importan ao cidadán, pero cando eu goberne ocupareime do que realmente lle importa á xente. A min ándame na cabeza que será o que entende o sr. Rajoy realmente polo que lle importa á xente, porque sería de moito proveito para todos saber ao que se está a referir. Dentro das miñas posibilidades investigadoras, a cada paso máis diminuídas, intento descubrir o que realmente lle importa e chego a datos moi distantes. Porque hai xente á que lle preocupa con intensidade se a máis bela no recente encontro entre altas damas era a princesa de Asturias ou a raíña de Xordania (entre nós e para que se vexa que un tampouco é indiferente a estas preocupacións: a nosa princesa está moi fraquiña, case nos ósos, daranlle ben de comer a esa señora?), outros andan atentos á bipolaridade de Catherine Zeta-Jones ( tampouco a fermosa actriz pode eludir o trastorno que supón ir da impulsividade excesiva á depresión paralizante) e incontables persoas, moitas aínda sen querer, teñen como noticia de interese estelar para as próximas datas o empacho de enfrontamentos do século que se producirán entre os exércitos do catalanismo e o do madrileñismo adobiado de españolismo que representan as dúas maiores máquina de distracción que coñeceron os tempos: o Barça e o R. Madrid. Claro que os temas que lle importan á cidadanía non rematan aí, os motivos de importancia son varios e superpóñense, selecciónanse e diriximos cara a eles a atención en función de múltiples variables e necesidades. Pode un contemplar con moita concentración o altor dos tacos dos zapatos da princesa e ao pouco tempo ter a cabeza no ser querido que segue en paro e non dá atopado traballo por máis que mira e se entrevista e envía currículos. Claro, hai xerarquías. Supoño, tal e como reflicten as entrevistas todas realizadas, que o problema que máis importa e ocupa e require a maior atención dos cidadáns é hoxe o paro e a maneira de saír del. Non creo que nos equivoquemos en situar aí o principal asunto de importancia neste momento para a xente, porque entre outras cousas xa son poucos aos que non lles toca de cerca, coma unha lingua de mar en plena subida da marea, a desgraza de non ter traballo vainos cercando a todos ata nos ver coa auga ao colo. Admitida esta premisa como ben asentada e indiscutible, por onde van as liñas de solución? A primeira vista parecera que só hai unha saída: a propagada e defendida pola maioría dos expertos mundiais, case todos ben conectados con poder financeiro, e que non é outra que aforrar en sanidade, educación e servizos sociais. Esa parece a receita infalible dispensada polos cerebros visionarios do FMI, dos departamentos de investigación dos grandes bancos e dos equipos de asesoramento dos gobernos occidentais. Producir máis por menos, eliminar servizos do Estado, rebaixar o nivel do estado do benestar. Todas as noticias, análises e consellos van nesa liña: aínda se debe reformar máis, é escaso o recorte, aumenten a idade de xubilación, flexibilicen o mercado laboral, reduzan e aforren en sanidade e educación e dependencia, adelgacen os servizos públicos, se queren realmente entrar na senda da recuperación. Esta parece non só a mellor solución para que os mozos atopen trallo, senón a única. Sen ela, condenados ao abismo. Viçens Navarro é dos economistas que non se cansa de alertarnos de que si existe outra saída, que a solución no pasa necesariamente por facer recaer o sacrificio na maior parte da poboación. En contra dos economistas de pensamento oficial, el sostén que os investimentos no benestar social son investimentos en riqueza, que lonxe de suprimir o investimento e a creación de postos de traballo desde o Estado, esta é a única maneira de ir capeando o temporal. Como e con que, preguntaranse moitos. Como podemos crear postos de traballo en sanidade, en educación, en escolas infantís para que as mulleres traballen e teñan fillos, mellorando as institucións de atención aos vellos e non reducindo as pensións? De onde se sacan os cartos que non hai para investir na mellora do benestar? Navarro responde: hai cartos, hai tal. O que cómpre e recadalos revisando a política fiscal, mellorando os control do fraude e subindo os impostos de quen realmente están pagando menos: os ricos . Se cadra é isto o que realmente lle importa á xente. Referirase o líder da oposición a que se ocupará disto, do que realmente lle importa á xente, cando goberne? (Conste que xa vexo o sorriso condescendente de quen despreza esta análise: ricos... xa saíu a demagoxia, xa nos agarramos á saída simplista. Pois ben, se agardan e lles apetece, para a próxima semana falamos dos ricos).
sábado, 16 de abril de 2011
viernes, 15 de abril de 2011
jueves, 14 de abril de 2011
domingo, 10 de abril de 2011
TERRITORIO SINTROM
O ÚLTIMO INFORME sobre os concellos galegos confirma o xa sabido: que a paisaxe en moitos deles é a da vellez e a soidade. Lugares onde as casas van quedando baleiras, non hai nenos, si uns poucos vellos, algúns acompañándose en parella, animais tristes, nin aos animais lles gusta vivir illados, e mínimas explotacións onde se pode ver unha corte como é debido, maquinaria agrícola, unha granxa que parece que se mantén contra o tempo e as dificultades concentradas, pero en conxunto: soidade e abandono. Un estilo de vivir que perdeu todo atractivo na segunda metade do século pasado e que amosa agora os síntomas da morte. Unha sociedade que dá as boqueadas entre edificios derruídos, montes dominados polas toxeiras e as silveiras e a dispersión de catro casas mal caleadas nas que resiste a vellez agardando por se unha fin de semana veñen da cidade con algo de afecto que se compensa con algo para levar, uns ovos, unhas patacas ou algunha verdura que aínda se produza.
A maioría dos que abandonaron esta vida xa se incorporou ao gremio dos parados definitivos, os seus fillos, agora en número incontable, resisten no andazo do paro xuvenil que adobía os contornos das cidades, pero nin os que fuxiron hai tempo, menos os que xa naceron na cidade, queren volver. E moitos, aínda que quixeran, non teñen a onde . Queimouse todo: o leite, a carne, as plantacións... Liscouse do traballo de sol a sol, da escaseza de infraestructuras, da falta de perspectiva vital. E agora uns e outros míranse dende a aldea á cidade, da cidade á aldea sen ter nada que se dicir. Pregúntanse moitos dos que malviven no campo: por que, estando como están sen nada que facer, non veñen e traballan aquí, en que traballar sempre hai? Pero quen se fai a pregunta, de inmediato se responde: e que fai aquí unha persoa san e en idade de mirar pola súa vida, se aquí sen pensión non hai quen viva? E así, parados os que están en idade de traballar e traballando sen poder os vellos, van coincidindo as xeracións nunha inactividade frustrante, sen esperanza, que afoga. Dentro do malo, quen conseguiu defenderse ata agora na paisaxe esquecida e desolada do campo, agarda coa axuda dunha seguridade social á que, por máis que maldigan, aceptan nunca darán pago. Unha sanidade que lles proporciona atención, coidado e xenéricos para facer fronte a estes últimos anos que serían moito máis ledos se visen que prosperan os que marcharon para prosperar. Pero así son as leis deste territorio sintrom: mirar cada día se vai chover, se toca ir á vila revisar os medicamentos ou se na próxima fin de semana os visitará unha filla ou un neno.
sábado, 9 de abril de 2011
BOTO DE MENOS AOS SOPRANO
Non creo que sexa por esta calor abafante que nos chegou de África, se cadra de Libia ou de Costa de Marfil. Nin tampouco porque nestes días lle aperten as caravillas a Berlusconi por asuntos menores, xa se sabe, asuntos de sexo, aínda menos que a Al Copone que o pillaron por catro parvadas evadidas ao fisco, nunca polo que realmente se debe pillar a un malfeitor. E non lle vexo a relación por ningún lado con que os políticos queiran seguir viaxando en primeira, ¿quen non?A verdade é que un non sabe ben o porqué, pero ás veces érguese con morriña dun sabor, dunha música, dunha lectura, dun personaxe, dun ulido. Eu levo días dándolles voltas aos Soprano. Se cadra, agora vénme á memoria, tivo algo que ver que estivese escoitando a Andrea Bocelli, porque miren por onde, cante o que cante este señor, non son quen de retirar a asociación coa casa de Tony e Carmela Soprano. Desde que vin a serie, como na casa do mafioso de Nova Jersey creado por David Chase soaban con frecuencia cancións de Bocellí, agora, sempre que o escoito, no podo evitar xirar o recordo cara a humanidade extensa, pícara e salvaxe de Tony e a súa familia no sentido máis extenso do termo. Véxoo (a Tony) coa súa bata e en calzóns acudindo á neveira só erguerse para calmar a súa ansiedade, o seu furor, as súas dúbidas ou a súa luxuria con comida. Soa Bocelli e non podo por menos que ir ao restaurante El Vesubio , onde cos amigos, coa muller ou cos seus políticos a soldo maquina, decide, divírtese ou recapacita o atormentado, inxenuo, implacable e temido Soprano. Polo que sexa: o certo e que boto de menos as súas historias. E inclínome, xa definitivamente, porque todo ha ter moito que ver co clima electoral e de latricada política no que nos invitan a movernos. Explícome. Desde logo, como é fácil deducir, Soprano nunca se presentou a ningunha elección, pero claro que tiña necesariamente amigos colaboradores entre parlamentarios, concelleiros e burócratas da administración necesitados dunha bolsa xenerosa e atenta como soe ser a dos mafiosos. Algún mal pensado puidera maliciar que trato de atopar parecidos que non serían de recibo. Xa non digamos no moral, pero tampouco no físico. Certo que algún candidato deberá coidar o peso se non quere que lle medre ese aire co xefe da familia Soprano, pero non hei ser eu quen me meta nese lameiro, que hai motivos sobrados para buscar asociacións sutís sen necesidade de deixarnos seducir polo fácil e groseiro. Como recordará quen a vise - quen non, non sei a que espera-, a serie xira arredor dunha familia italiana da mafia que controla un pequeno territorio á beira de Nova York. A trama é tan intelixente, chea de contrastes, matices e contradiccións, que un acaba por comprender a un asasino, rirse dos bondadosos e descubrir o grao de maldade e estupidez que existe repartido a partes moi semellantes entre os mafiosos e os que oficialmente non o son. Certifícase o que un personaxe, non desta serie, di con rotunda claridade e certeza, diante do lamento dunha muller que se resistía a tomar unha decisión acolléndose a que ela non é “esa clase de persoa”: se sei algo nesta vida é que todo o mundo é “esa persoa”. Todos. Todos somos esa persoa que non queremos ser, que nos negamos a admitir, que nos parece vergonzoso aceptar que habita en nós. E si. Habita. Non só nas series de televisión, tamén na vida mesma. Todos somos esa persoa que nos parece que non somos. Cando nos escandalizamos con noxo dun suborno miserable, cando rexeitamos con rabia unha extorsión, cando nos rimos da frivolidade e mal gusto dos novos ricos, cando nos rebelamos contra a barbarie e friaxe de determinadas condutas, berramos ben alto: eu non son esa clase de persoa, eu nunca caería tan baixo, eu xamais cedería diante dunha tentación tan pequecha ou tan grande... E deberiamos andar con tino, porque todos poder ser esa clase de persoa. Ás veces, xa o teño escrito noutras ocasións, non somos peores simplemente por covardía. E iso é o que se aprende nos Soprano: hai fronteiras movedizas entre a inxenuidade e a malicia, entre a comenencia admisible e a cobizosa, a rabia permisible e a vinganza rabiosa, a persuasión e a extorsión e entre a presión e a violencia vil. Por iso, agora que estamos diante do tempo das promesas e da sedución dos que se queren case inmolar pola súa cidade, pola súa comunidade, boto de menos as ensinanzas dos Soprano. Convén repasar os dilemas das fronteiras movedizas e aclarar polo menos, sabendo que todos podemos ser “esa persoa”, de que lado nunca quereriamos estar.
O AVE DE ANDRÉS DO BARRO
Hoxe os xornais galegos celebran que o goberno aprobou onte, cun orzamento de 5.347 millós de euros, que para o 2015 se remate o AVE a Galicia. Peor sería que nin para esa data, pero o certo é que todo foi ao ritmo do pi-pipipi-pi-pi de Andrés Do Barro.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)