O líder da oposición acostuma a recorrer a unha frase feita que parece o deixa pleno e satisfeito. Vén a dicir: os que están gobernando andan despistados, perdidos e confundidos con asuntos que nada lle importan ao cidadán, pero cando eu goberne ocupareime do que realmente lle importa á xente. A min ándame na cabeza que será o que entende o sr. Rajoy realmente polo que lle importa á xente, porque sería de moito proveito para todos saber ao que se está a referir. Dentro das miñas posibilidades investigadoras, a cada paso máis diminuídas, intento descubrir o que realmente lle importa e chego a datos moi distantes. Porque hai xente á que lle preocupa con intensidade se a máis bela no recente encontro entre altas damas era a princesa de Asturias ou a raíña de Xordania (entre nós e para que se vexa que un tampouco é indiferente a estas preocupacións: a nosa princesa está moi fraquiña, case nos ósos, daranlle ben de comer a esa señora?), outros andan atentos á bipolaridade de Catherine Zeta-Jones ( tampouco a fermosa actriz pode eludir o trastorno que supón ir da impulsividade excesiva á depresión paralizante) e incontables persoas, moitas aínda sen querer, teñen como noticia de interese estelar para as próximas datas o empacho de enfrontamentos do século que se producirán entre os exércitos do catalanismo e o do madrileñismo adobiado de españolismo que representan as dúas maiores máquina de distracción que coñeceron os tempos: o Barça e o R. Madrid. Claro que os temas que lle importan á cidadanía non rematan aí, os motivos de importancia son varios e superpóñense, selecciónanse e diriximos cara a eles a atención en función de múltiples variables e necesidades. Pode un contemplar con moita concentración o altor dos tacos dos zapatos da princesa e ao pouco tempo ter a cabeza no ser querido que segue en paro e non dá atopado traballo por máis que mira e se entrevista e envía currículos. Claro, hai xerarquías. Supoño, tal e como reflicten as entrevistas todas realizadas, que o problema que máis importa e ocupa e require a maior atención dos cidadáns é hoxe o paro e a maneira de saír del. Non creo que nos equivoquemos en situar aí o principal asunto de importancia neste momento para a xente, porque entre outras cousas xa son poucos aos que non lles toca de cerca, coma unha lingua de mar en plena subida da marea, a desgraza de non ter traballo vainos cercando a todos ata nos ver coa auga ao colo. Admitida esta premisa como ben asentada e indiscutible, por onde van as liñas de solución? A primeira vista parecera que só hai unha saída: a propagada e defendida pola maioría dos expertos mundiais, case todos ben conectados con poder financeiro, e que non é outra que aforrar en sanidade, educación e servizos sociais. Esa parece a receita infalible dispensada polos cerebros visionarios do FMI, dos departamentos de investigación dos grandes bancos e dos equipos de asesoramento dos gobernos occidentais. Producir máis por menos, eliminar servizos do Estado, rebaixar o nivel do estado do benestar. Todas as noticias, análises e consellos van nesa liña: aínda se debe reformar máis, é escaso o recorte, aumenten a idade de xubilación, flexibilicen o mercado laboral, reduzan e aforren en sanidade e educación e dependencia, adelgacen os servizos públicos, se queren realmente entrar na senda da recuperación. Esta parece non só a mellor solución para que os mozos atopen trallo, senón a única. Sen ela, condenados ao abismo. Viçens Navarro é dos economistas que non se cansa de alertarnos de que si existe outra saída, que a solución no pasa necesariamente por facer recaer o sacrificio na maior parte da poboación. En contra dos economistas de pensamento oficial, el sostén que os investimentos no benestar social son investimentos en riqueza, que lonxe de suprimir o investimento e a creación de postos de traballo desde o Estado, esta é a única maneira de ir capeando o temporal. Como e con que, preguntaranse moitos. Como podemos crear postos de traballo en sanidade, en educación, en escolas infantís para que as mulleres traballen e teñan fillos, mellorando as institucións de atención aos vellos e non reducindo as pensións? De onde se sacan os cartos que non hai para investir na mellora do benestar? Navarro responde: hai cartos, hai tal. O que cómpre e recadalos revisando a política fiscal, mellorando os control do fraude e subindo os impostos de quen realmente están pagando menos: os ricos . Se cadra é isto o que realmente lle importa á xente. Referirase o líder da oposición a que se ocupará disto, do que realmente lle importa á xente, cando goberne? (Conste que xa vexo o sorriso condescendente de quen despreza esta análise: ricos... xa saíu a demagoxia, xa nos agarramos á saída simplista. Pois ben, se agardan e lles apetece, para a próxima semana falamos dos ricos).
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.