domingo, 10 de abril de 2011

TERRITORIO SINTROM

O ÚLTIMO INFORME sobre os concellos galegos confirma o xa sabido: que a paisaxe en moitos deles é a da vellez e a soidade. Lugares onde as casas van quedando baleiras, non hai nenos, si uns poucos vellos, algúns acompañándose en parella, animais tristes, nin aos animais lles gusta vivir illados, e mínimas explotacións onde se pode ver unha corte como é debido, maquinaria agrícola, unha granxa que parece que se mantén contra o tempo e as dificultades concentradas, pero en conxunto: soidade e abandono. Un estilo de vivir que perdeu todo atractivo na segunda metade do século pasado e que amosa agora os síntomas da morte. Unha sociedade que dá as boqueadas entre edificios derruídos, montes dominados polas toxeiras e as silveiras e a dispersión de catro casas mal caleadas nas que resiste a vellez agardando por se unha fin de semana veñen da cidade con algo de afecto que se compensa con algo para levar, uns ovos, unhas patacas ou algunha verdura que aínda se produza.
A maioría dos que abandonaron esta vida xa se incorporou ao gremio dos parados definitivos, os seus fillos, agora en número incontable, resisten no andazo do paro xuvenil que adobía os contornos das cidades, pero nin os que fuxiron hai tempo, menos os que xa naceron na cidade, queren volver. E moitos, aínda que quixeran, non teñen a onde . Queimouse todo: o leite, a carne, as plantacións... Liscouse do traballo de sol a sol, da escaseza de infraestructuras, da falta de perspectiva vital. E agora uns e outros míranse dende a aldea á cidade, da cidade á aldea sen ter nada que se dicir. Pregúntanse moitos dos que malviven no campo: por que, estando como están sen nada que facer, non veñen e traballan aquí, en que traballar sempre hai? Pero quen se fai a pregunta, de inmediato se responde: e que fai aquí unha persoa san e en idade de mirar pola súa vida, se aquí sen pensión non hai quen viva? E así, parados os que están en idade de traballar e traballando sen poder os vellos, van coincidindo as xeracións nunha inactividade frustrante, sen esperanza, que afoga. Dentro do malo, quen conseguiu defenderse ata agora na paisaxe esquecida e desolada do campo, agarda coa axuda dunha seguridade social á que, por máis que maldigan, aceptan nunca darán pago. Unha sanidade que lles proporciona atención, coidado e xenéricos para facer fronte a estes últimos anos que serían moito máis ledos se visen que prosperan os que marcharon para prosperar. Pero así son as leis deste territorio sintrom: mirar cada día se vai chover, se toca ir á vila revisar os medicamentos ou se na próxima fin de semana os visitará unha filla ou un neno.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.