jueves, 1 de septiembre de 2011
domingo, 28 de agosto de 2011
PARA QUE VEXAS O BO QUE EU SON
Cando sentei á mesa xa supuxen que non podería pasar sen oílo durante toda a comida. Estaba acompañado dunha moza sudamericana moito máis nova ca el. Falaba cun ton arrogante, pedante e pedagóxico, coma se a moza debera recibir información de canto lle ía explicando, que era todo: a paisaxe, as características dos Cantábrico, as diferencias co Atlántico e co Pacífico, a gastronomía da comarca, os costumes españois diferentes dos peruanos (aí souben que a moza era peruana), e todo canto ía acontecendo. Desde a selección do menú ata ao máis mínimo detalle era motivo para que o Pigmalión altivo lle endosase á silenciosa rapaza unha cascada de doutrina e alarde de saber de home curtido, experto e xeneroso. Mentres non se bebeu viño, as leccións do seductor andaron por niveis superficiais da realidade. Despois de elixir unha afamada marca de albariño (“tú vas a saber hoy lo que es un vino blanco excelente”, prognosticoulle antes de probalo), os temas de conversación xa entraron na zona da intimidade, ata tal punto que me sentía incómodo escoitando a tanto volume as confesións do seductor desinhibido. A moza, delgada e cuns ollos tan grandes coma tristes, comía pouco e delicadamente, sen ser capaz de erguer a mirada de tan avergonzada que se sentía. “¿No te gustan las andaricas, nunca las habías comido?”, preguntaba o lerchán para sacar outra materia na que se lucir antes de regresar á intimidade. Porque el non se cortaba en nos contar a todos os que estabamos cerca que fora home de moitas mulleres, non podía ocultar a súa experiencia, a todas as tratara con respecto e xenerosidade, pero con todas fora rematando pola natural inclinación do xénero feminino a enganar homes da súa calidade moral. A última, poñíalle por exemplo, marchara cun abrigo económico que xa moitas quixeran, a pesar de nunca casar con ela: levara automóbil, roupa e xoias que por discreción non quería valorar, pero que ascendían a unha cantidade moi elevada de cartos, iso pensando en España, xa non digamos se trasladaramos a situación a Perú. Neste instante non puiden resistir a curiosidade e mirei para a moza que de tan encarnada e coa mirada afundida non sabía onde se meter, pero algunha razón potente a mantiña sentada sen se mover da cadeira escoitando a personaxe tan badoco. Cando chegou o arroz de marisco, el mesmo, como home experimentado, se encargou de servir rexeitando o ofrecemento do camareiro. A rapaza aceptou submisa a cantidade por el decidida. O home continuou co seu soliloquio interminable relatándolle á acompañante as súas experiencias amorosas previas, todas con idéntico remate: as mulleres abusaban da súa inxenuidade e xenerosidade abandonándoo cando xa conseguían o que querían, algo que non estaba disposto a permitir que volvese a ocorrer. Xa na sobremesa, se cadra por esgotamento e necesitando unha miga de respiro, repochoulle a ela que fose tan calada, tan pouco expresiva, ningunha das moitas mulleres que tiña coñecido se comportara nunca de maneira tan calada e tímida. “Eres tímida realmente o es una estrategia propia de las peruana”, redobrou a pregunta cunha gargallada. Ela nin o mirou, removía coa culler nunha crema doce. E como para someternos á dúbida de se a súa estupidez superaba ao descaro engadiu: “ A mi con tácticas de mujer de países subdesarrolados amantes de la madre patria no me vas a conquistar mejor, eh, que yo he estado varias veces en Argentina, en Perú no, pero en Brasil y Argentina, no digamos en Cuba, he estado cantidad de veces y me conozco las técnicas a la perfección”. Como se me facía insoportable, nin café pedín. Erguinme e marchei. Pero como era o restaurante do hotel onde me hospedaba, á mañá seguinte, cando xa estaba para rematar o meu pequeno almorzo, vexo que entra de novo a parella e senta non moi arredados de min. Ela continuaba cos ollos grandes tristísimos e a mesma blusa gastada do día anterior. El vestía pantalón curto, náuticos e unha camiseta cinguida ao seu torso ancho. Sabendo o que me esperaba apurei o que me quedaba de café. Pero aínda tiven tempo para escoitar que el lle dicía: “Hoy te voy a llevar a comer a un sitio que te vas a relamer. Algo que non tendría obligación de hacer, pero para que veas lo bueno que yo soy...”. E como a submisión ten os seus límites, a moza, sen dicir palabra, erguese serena e con elegancia, pousou o pano de mesa sobre o mantel e deixouno coa boca aberta. Como dentro da aparente serenidade ía atordada case tropeza comigo ao buscar a porta. Deixeina pasar diante. Doume unhas grazas suaves e docísimas.
martes, 23 de agosto de 2011
COMEMOS OU QUE?
A CASA de xantar ofrecía un menú por dez euros no que incluía sobremesa e viño. Un matrimonio novo senta á mesa acompañado de nena e neno. Ela chegando aos dez anos, el estreando os tres. O local está presidido por unha pantalla de plasma enorme na que se ve dar voltas a coches moi veloces segundo certifican primeiros planos nos que o contaquilómetros pasa de 130 a 280 en tempo de nada. O pai queda atrapado polas voltas dos coches e cústalle retirar a mirada da pantalla. A nai, sen poder disimular a ansiedade, trata de ordenar aos nenos. A nena quita do bolso unha máquina electrónica enredando con ela. "Só antes de que chegue a comida", advirte a nai. O neno, movendo o cu de estribor a babor no seu asento, garfo e culler en cada man, pretende facer música cravándoos na mesa. "Quieto. Iso non se fai", reprende a nai sen ningunha firmeza. O pai, ao seu, atento, un dos coches entra a repoñer combustible.
Elixir menú resulta complexo. A oferta non é ampla, pero a nena, centrada na maquiniña e o neno rexeitando canto se lle ofrece, someten a unha espera considerable ao paciente camareiro. Elixido, o neno érguese detrás do camareiro. "Vén aquí", esíxelle a nai sen que o neno lle obedeza. "Non ves o neno?", pregúntalle a nai ao pai. "Vén aquí ou zóupoche, eh", ameza o pai atento a unhas milésimas que disque na última volta lle papou o primeiro piloto ao segundo. O neno dá dúas voltas por entre a mesas, vai xunta da nai, que realiza xesto de desespero, pero non senta. A nena segue concentrada no enredo electrónico. Chega a comida. A nai consegue que o fillo sente, pide á filla que deixe o aparello. O neno senta, pero pon mala cara, non era o prato que el pensaba. "Por favor, acabouse a máquina", lémbralle a nai á filla. "Que si, pesada, xa vou", continúa xogando sen inmutarse. "Queres deixar a máquina e poñerte a comer?", eleva un pouco o ton a nai. De moi mala ganas, despois de dúas miradas, a filla mete o aparello no bolso e, estirando os morros coma se acabase de padecer unha desgracia sen nome, ponse a comer sen ganas. O pequecho érguese outra vez, non lle gusta a comida e declárase en folga. Un automóbil dos da pantalla salta polos aires e escachífase contra as vallas protectoras. A nai persegue cun garfo do que colga un anaco de chopiño fritido ao neno que se nega e non e non e non, momento que aproveita a enganchada ao xogo para volver coa máquina. Mentres o parvuliño percorre o circuíto do local varias veces, tempo no que aproveita para enzoufar as camisas dos comensais que atopa na súa viaxe, a nai intenta poñer cara de circunstancias entre avergonzada e desesperada. Por fin regresa á mesa arrastrando ao pequecho. A xogadora nin se decata do que sucede derredor. O pai, por fin, fala de novo con voz autoritaria: "Comemos ou que?".
LECTURA ATRAVESADA DE MATEO
Por aquel tempo, os discípulos e os máis achegados ao Mestre decidiran congregar unha enorme multitude na montaña. Consideraban que chegara o momento de que todos escoitasen a boa nova que o Mestre ía levando de pobo en pobo. Para que o acontecemento resultase un éxito soado por toda Palestina, os preparativos planificáronse con tempo e detalle. A uns encargáronlle que dispuxesen de lugares cómodos para os oíntes; a outros que elevasen un púlpito adecuado e vistoso para que o Mestre puidese falar e ser oído e aclamado; varios dedicáronse a pedir permisos e negociar cos poderes e institucións da Igrexa local e do Estado estranxeiro, non conviña facer inimigos; algúns, os máis silenciosos pero eficaces, afanáronse por conseguir diñeiro, sen cartos non se pode organizar nada espectacular. Prácticos e realistas, os colaboradores do Mestre non tardaron en realizar contactos cos líderes relixiosos, representantes do poder que oprimía ao seu pobo, recadadores de impostos, fariseos, saduceos, potentados, nalgúns casos ladróns sen disimulo. Con todos obriga o pragmatismo a entenderse e negociar se o que se pretende é cubrir a base da montaña de nenos e adultos, vellos, ricos e pobres, pecadores e almas piadosas chegados de Galilea, Samaria e Xudea, desexosos de escoitar a sabedoría do Mestre. E así se foi avanzando no proxecto e fixouse a data para o gran sermón. O Mestre, retirado e meditabundo, alleo a tanta dedicación para os preparativos, machicaba entre oracións a súa mensaxe: Ditosos os que teñen espírito de pobres, porque deles é o Reino do Ceo. Ditosos os que choran, porque eles serán consolados. Ditosos... Varios dos seus discípulos máis avantaxados, instruídos en leis relixiosas e civís, expertos en diplomacia e relacións cos poderosos e principais, intrigados polas palabras que o Mestre tería pensado dedicar a tanto seguidor convocado despois dos moitos esforzos e cesións aos intereses de uns e outros, conseguiron que o Mestre lles adiantase as liñas do seu discurso. Expertos en asesorar, convencérono para que lles pasase un borrador do sermón que se escoitaría na montaña, pasóullelo, e, coma avaros contando cartos, os asesores dedicaron unha morea de horas examinando cada frase e palabra e puntos e comas do que se había de escoitar. Ditosos os non violentos, porque eles herdarán a terra. Ditosos os sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos. Ditosos os perseguidos pola xustiza, porque deles é o Reino do Ceo, leron e comezaron a tachar. Debemos ter tino con non ofender aos poderes financeiros, advertiu un inmediatamente, eles contribuíron en grande medida cunha importante axuda. Habería que matizar iso de “perseguidos pola xustiza”, matizou outro, non podemos confundir nin ser ambiguos, hai nestes tempos moito delincuente e provocador emboscado entre os que din buscar a xustiza. E así foron analizando unha detrás doutra as palabras coas que o Mestre debería alimentar ás almas bondadosas e limpas de corazón, ata que do borrador non quedou nin unha triste liña sen necesidade de variación, corrección seria, nalgúns casos incluso anulación. Como o gran día xa estaba cerca, os asesores presentáronlle as propostas de modificación ao Mestre. Leunas, mirounos e calou. Perspicaces, deduciron que non estaba de acordo e argumentaron acurralando nel. Cómpre firmeza e determinación, Mestre, dixéronlle: ou optamos polo realismo e se modificaba o discurso ou verémonos na necesidade de suspender o grande acontecemento. O Mestre, sereno, sen perder o sorriso, só lles dixo: Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos. E retirouse ao deserto para seguir orando. Os asesores non se desanimaron. Axiña se reconfortaron entre si convencidos de que o Mestre non tiña os pés na terra, e non tardaron nada en atopar a un actor encargado de simular os seus xestos e a súa mensaxe. E así, tal e como planificaran, no día sinalado, a montaña acugulada de xente chegada dos lugares máis recónditos, o suplantador do Mestre leu unha mensaxe minuciosamente articulada , na que, aínda querendo dar a entender que os importantes son os pobres, os misericordiosos, os que choran e os que buscan a xustiza, os verdadeiramente ditosos e beneficiados acaban sendo os ricos, os saduceos, os escribas, os sacerdotes e os fariseos, interesados colaboradores para que tan grandioso espectáculo puidese ser visto e oído en todo o mundo.
sábado, 13 de agosto de 2011
DÚAS MULLERES E UN ENFERMO
IMPOSIBLE non fixarme nelas. As dúas mulleres e máis eu compartiamos terraza, case mesa de tan pegadas que estaban. Xa non eran novas. Comían e falaban moi animadas, cariñosas, regalándose caricias e bicos de namoradas. Parecían habituais no restaurante pola familiaridade coa que trataban ao camareiro e pola seguridade coa que pedían un prato detrás doutro.Comían con ganas e parecían de bo padal polo viño elixido: un tinto de marca non moi coñecida pero exquisito para o meu gusto.
Ben avanzada a comida, do lado do mar apareceu ao lonxe a figura dun home que elevou ás mulleres da ledicia á euforia: "Mira, é el, ¿non si?", preguntou a máis delgada das dúas. El camiñaba lento, sen folgos, perfectamente explicable na medida en que se foi achegado e o vin mellor: estaba nos ósos, branco, enfermo para ser exactos. Moi enfermo. O corpo, de tan estragado, non podía disimular nada. Talvez algún tipo de cancro que lle chupaba a vida. Antes de se achegar de todo á mesa, as dúas mulleres puxéronse en pé, pero a máis delgada, máis contenta aínda que a outra, lanzouse ao seu encontro abrazándoo durante un tempo longo, ben xuntos, transmitíndolle co seu corpo calor, afecto e o pracer de telo con ela. A compañeira abrazouno tamén, despois, pero menos efusiva. Sentárono con coidado á súa mesa. E de inmediato, as dúas, con máis dedicación a máis entregada a el desde o primeiro momento, comezaron a tratalo coma a un meniño ao que hai que atender, darlle de comer, mirar por el, está incapaz, inválido, non pode mirar por si. Déronlle viño da súa copa, anacos de peixe do seu prato, anaquiños de pan, un troco de tomate elixido con calma, compartiron vaso e pano de se limpar mentres o camareiro non veu e lle preparou un prato para o enfermo. El comía a modo, con ganas, pero en doses mínimas, coma se o corpo non lle admitise proporcións superiores ás dun meniño. A penas falaba, sorría cara elas, e centrábase no seu comer lento. A máis agarimosa das dúas collíalle a man coa que non manipulaba a comida, dáballe bicos inesperados, aloumiñáballe a caluga con tanto lentitude e tenrura coma se fose o seu neno de teta. Daba xenio velas ás dúas coidando del. Chegada a hora da sobremesa, elas pediron os doces, el continuaba depenicando no pescado, concentrado, deixándose acariñar e servindo de motivo para que elas se aledasen e risen a gargalladas e o bicasen por calquera motivo nunha man, nas meixelas, na cabeza sen cabelo. Antes de que rematasen cos doce e co peixe, a el entroulle un tusido sen freo. Non o daba calmado. Entre as dúas conseguiron serenalo e regresou a calma. Riron os tres. Foi entón cando a máis delgada porfiou: "Abre a boca. Proba". E el probou do doce da súa culler.
viernes, 12 de agosto de 2011
ALGO ESTÁ PASANDO
É o primeiro sábado de agosto no que o sol loce como lle corresponde ao verán. O paseo á beira da praia vaise enchendo desde as primeiras horas da mañá. Primeiro os corredores esforzados, os que desde ben cedo súan co fin de eliminar quilos, coidar o corazón ou respirar o aire fresco. Axiña chegan as patinadoras e os primeiros ciclistas. Por último, cando o sol xa quece, os bañistas conquistan a area coas súas toallas, paraugas de sol, pelotas e enredos para pequechos. Familias ao completo, mozos marcando o seu terreo, persoas maiores que se achegan á auga para mollar os pés e dar os primeiros paseos, aínda non está a praia acugulada. Antes da hora do aperitivo, o paseo vaise cubrindo coas mesas das cafeterías que paulatinamente se van enchendo de clientes. A partires da unha é difícil atopar un lugar libre, os camareiros non dan servido cervexa, viño, auga e tapas variadas. Entre bañistas, paseantes, ciclistas, patinadores, nenos correndo, anciáns en cadeiras de rodas guiadas por estranxeiros e grupos de mozos rindo coa desinhibición que os caracteriza ao se ver formando grupo, é difícil pasear sen tropezar. Abaixo, na praia, sucede o mesmo: os últimos en chegar case non conseguen un lugar mínimo na area para pousar as súas pertenzas, na auga mestúranse co son das ondas ao romper os berros dos que xogan coa pelota, dos que lean guindándose e peterreando, dos que nadan con determinación esquecéndose do fría que está a auga. Os bañistas, paseantes, deportistas, persoas que se relaxan coa súa cervexa e tapa mirando o mar, locen a maioría bo color, dan impresión de saúde, de boa vida. Amosan vestimenta de verán a colores alegres, traxes de baño á moda, gafas de nadar, gafas de sol, úntanse con cremas para protexerse dos peores raios. Sexan nenos, mozos ou vellos, a meirande parte, por non dicir todos, incluso os nenos, falan, miran o internet ou xogan con teléfonos móbiles á última. A praia está vixiada cada douscentos metros por mozos que non quitan ollo da auga procurando que ninguén corra perigos. Pero xa desde as sete da mañá un servizo de limpeza anciñara coidadosamente na area ata deixala coma masa dunha empanada. Persoas con tractores e máquinas especializadas encargáranse de limpar de algas, ramallos, lixo e todo desperdicio para que agora os bañistas poidan gozar dunha area en perfectas condicións. Entre as dúas e as tres, a praia vaise baleirando para encherse os restaurantes que abundan por toda a vila. Non hai unha mesa libre. Nin dentro nin fóra. Si, menús a dez euros, moitas mesas con auga, pero é difícil atopar onde comer. Os camareiros -case todos estranxeiros- non dan abasto con tanta demanda de familias, parellas, grupos de amigos que comen fóra neste fermoso día de verán. Quen observe todo isto custaralle pensar que o día anterior o país estivo ás portas dunha auténtica quebra, que o diferencial chegou ao máximo, que o Estado, para dar saída á súa oferta, está pagando intereses altísimos e que a situación económica pende dun fío. Camiñando pola praia neste día luminoso, observando a conduta das persoas, nada fai pensar en que non só os números e prognósticos dos expertos anuncian malos tempos, senón que a realidade ten outra cara coa que se convive – de momento- sen aparente contradicción. Parecería que non está pasando nada. Coma se o paro non fosen máis ca números que exhiben os contrincantes políticos para se esnaquizar e a turbulencia económica un temporal nos medios de información. Coma se a indignación e as protestas de algúns pouco tivesen que ver coa vida diaria, xa non digamos aquelo que nos queda lonxe, aínda estando á beira, o que nos parece que non ten que ver con nós. Sen embargo, algo está pasando. Non se sabe con qué consecuencias, pero resulta evidente. Non é casual que se indignen en Madrid, Santiago de Chile e Tel. Aviv; non sucederá en vano que nos países árabes teñan a valentía de pelexar xogándose a propia vida pola liberdade e a democracia; por suposto que algo está pasando en Siria, cando a ducias morren semanalmente nos barrios de Hamas e Damasco; algo está pasando nos barrios de Londres. Sen perder de vista o relativismo que nos debe aportar a mirada histórica, admitindo que non cómpre obnubilarse crendo que estamos no carozo de algo que nunca sucedeu e recoñecendo que cada suceso require a súa diagnose e explicación, si cómpre recoñecer que vivimos nunha etapa preludio dun cambio. Que vaia nunha dirección ou noutra, dependerá da capacidade de respectar a valentía dos arriscados e na sabedoría de escoitar a prudencia dos que coñecen mellor o pasado. Igual que cando o sol ilumina estes preciosos días de verán nos que todos desexamos gozar da luz e da auga e da compañía e da ledicia, coma se non pasase nada, parece claro que algo está pasando.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)

