domingo, 28 de agosto de 2011

PARA QUE VEXAS O BO QUE EU SON

Cando sentei á mesa xa supuxen que non podería pasar sen oílo durante toda a comida. Estaba acompañado dunha moza sudamericana moito máis nova ca el. Falaba cun ton arrogante, pedante e pedagóxico, coma se a moza debera recibir información de canto lle ía explicando, que era todo: a paisaxe, as características dos Cantábrico, as diferencias co Atlántico e co Pacífico, a gastronomía da comarca, os costumes españois diferentes dos peruanos (aí souben que a moza era peruana), e todo canto ía acontecendo. Desde a selección do menú ata ao máis mínimo detalle era motivo para que o Pigmalión altivo lle endosase á silenciosa rapaza unha cascada de doutrina e alarde de saber de home curtido, experto e xeneroso. Mentres non se bebeu viño, as leccións do seductor andaron por niveis superficiais da realidade. Despois de elixir unha afamada marca de albariño (“tú vas a saber hoy lo que es un vino blanco excelente”, prognosticoulle antes de probalo), os temas de conversación xa entraron na zona da intimidade, ata tal punto que me sentía incómodo escoitando a tanto volume as confesións do seductor desinhibido. A moza, delgada e cuns ollos tan grandes coma tristes, comía pouco e delicadamente, sen ser capaz de erguer a mirada de tan avergonzada que se sentía. “¿No te gustan las andaricas, nunca las habías comido?”, preguntaba o lerchán para sacar outra materia na que se lucir antes de regresar á intimidade. Porque el non se cortaba en nos contar a todos os que estabamos cerca que fora home de moitas mulleres, non podía ocultar a súa experiencia, a todas as tratara con respecto e xenerosidade, pero con todas fora rematando pola natural inclinación do xénero feminino a enganar homes da súa calidade moral. A última, poñíalle por exemplo, marchara cun abrigo económico que xa moitas quixeran, a pesar de nunca casar con ela: levara automóbil, roupa e xoias que por discreción non quería valorar, pero que ascendían a unha cantidade moi elevada de cartos, iso pensando en España, xa non digamos se trasladaramos a situación a Perú. Neste instante non puiden resistir a curiosidade e mirei para a moza que de tan encarnada e coa mirada afundida non sabía onde se meter, pero algunha razón potente a mantiña sentada sen se mover da cadeira escoitando a personaxe tan badoco. Cando chegou o arroz de marisco, el mesmo, como home experimentado, se encargou de servir rexeitando o ofrecemento do camareiro. A rapaza aceptou submisa a cantidade por el decidida. O home continuou co seu soliloquio interminable relatándolle á acompañante as súas experiencias amorosas previas, todas con idéntico remate: as mulleres abusaban da súa inxenuidade e xenerosidade abandonándoo cando xa conseguían o que querían, algo que non estaba disposto a permitir que volvese a ocorrer. Xa na sobremesa, se cadra por esgotamento e necesitando unha miga de respiro, repochoulle a ela que fose tan calada, tan pouco expresiva, ningunha das moitas mulleres que tiña coñecido se comportara nunca de maneira tan calada e tímida. “Eres tímida realmente o es una estrategia propia de las peruana”, redobrou a pregunta cunha gargallada. Ela nin o mirou, removía coa culler nunha crema doce. E como para someternos á dúbida de se a súa estupidez superaba ao descaro engadiu: “ A mi con tácticas de mujer de países subdesarrolados amantes de la madre patria no me vas a conquistar mejor, eh, que yo he estado varias veces en Argentina, en Perú no, pero en Brasil y Argentina, no digamos en Cuba, he estado cantidad de veces y me conozco las técnicas a la perfección”. Como se me facía insoportable, nin café pedín. Erguinme e marchei. Pero como era o restaurante do hotel onde me hospedaba, á mañá seguinte, cando xa estaba para rematar o meu pequeno almorzo, vexo que entra de novo a parella e senta non moi arredados de min. Ela continuaba cos ollos grandes tristísimos e a mesma blusa gastada do día anterior. El vestía pantalón curto, náuticos e unha camiseta cinguida ao seu torso ancho. Sabendo o que me esperaba apurei o que me quedaba de café. Pero aínda tiven tempo para escoitar que el lle dicía: “Hoy te voy a llevar a comer a un sitio que te vas a relamer. Algo que non tendría obligación de hacer, pero para que veas lo bueno que yo soy...”. E como a submisión ten os seus límites, a moza, sen dicir palabra, erguese serena e con elegancia, pousou o pano de mesa sobre o mantel e deixouno coa boca aberta. Como dentro da aparente serenidade ía atordada case tropeza comigo ao buscar a porta. Deixeina pasar diante. Doume unhas grazas suaves e docísimas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.