martes, 13 de septiembre de 2011

NA VIDE




PASEABA á tardiña por camiños entre vides, cando me tiven que arredar para que coubese o coche. Aparcou ben pegado contra o muro e del saíron pai e nai, máis tarde, con cara de poucos amigos, un adolescente que non superaría os 15 anos. Enganchado ao automóbil tiñan un remolque, seguramente para transportar os apeiros de labranza. Pai e nai, dilixentes, despois de coller escasa ferramenta no remolque, quedaban entrando na finca da vide cando eu os perdín de vista. O rapaz, arrimado ao coche.
Non tardei máis dunha hora en regresar por idéntico lugar. Oín xa de lonxe a voz do pai que lle dicía algo á muller: "As brancas, non; só as tintas". A medida que a vista xa mo permitiu, observei con que dedicación e atención, os anteollos na punta do nariz, o pai collía un acio de tinta nas mas e revisaba o grao de madurez. Víase ben que non era moito o que quedaba por realizar, o traballo de poda e sulfato e tódalas atencións xa se realizaran, agora cumpría analizar con mimo se había algunha podre, o ben maduriñas que estaban, calcular con precisión, sen esquecer o tempo, claro, as datas para se entregar á vendima. Unha tarefa delicada, aprendida, experimentada que lle garantirá o éxito no viño que coma cada ano procurará mellorar. A muller estaba máis ao fondo da leira, non podía vela, pero escoitaba algunha que outra consulta que lle realizaba ao marido. Sen perder a concentración, acariñando os acios, o home respondía con serenidade, a gusto, víase que gozaba co resultado do traballo realizado, coas expectativas da vendima, coa esperanza de que nos últimos días unha sarabia ou unha xeada non tirase co esforzo por terra. Ao pasar xusto por diante deles, decateime que o rapaz non seguía tombado enriba do coche en idéntica postura a como o deixara, pero case. Acomodara algo mellor o cu sobre o capó, aguantando o sol, sen nada nas mans, cunha mirada fuxida expresión do lamento da súa triste tarde: ter que agardar tan sufrida e amargamente a que os pais rematasen tarefa tan pesada e inútil. Nestas, a nai veuse achegando para a beira do camiño: "Ti non te cansas de estar aí sen facer nada, oh?", preguntoulle ao fillo. O rapaz escolleu por resposta un xiro corporal: deulle as costas máis abertamente e tinguiu a mirada de aburrimento cunha chisca de odio. O pai seguía concentrado cun acio nas mans coma se aloumiñara un paxaro enfermo. A nai perdeu a paciencia: "Non me oes ou que?". "Que queres?", retrucou o rapaz encirrado. "Hai que ter boa paciencia contigo, meu neno. Non che sería mellor vir aprender algo con teu pai en vez de estar aí perdendo o tempo coma un pasmón?". "Si, home...", deu por resposta o fillo. A vide daba xenio vela.

domingo, 4 de septiembre de 2011

OS INVISIBLES

En canto alguén lanza unha amago suave sobre a conveniencia de subir os impostos aos ricos, a indefinición instalase sen remedio na maioría dos cidadáns. Ata o punto de que un chega a pensar que en realidade ricos, o que se di ricos, non existen. Ou pode quedar algún despistado, pero xamais con obriga de contribuír ao ben común máis do que xa o fai, baixo pena rigorosa de te incluír entre os demagogos ignorantes que tanto proliferan. Deixemos as cousas claras desde o principio: a min os ricos non me estorban nada, pero en absoluto, xamais pretendín abolir a riqueza, o que me gustaría é abolir a pobreza, sobre todo esa pornográfica que impide ás persoas comer ou vivir cun mínimo de dignidade. Claro que afirmar isto e non dicir nada todo é un, porque con grande probabilidade a meirande parte dos mortais, empezando polos máis ricos dos ricos, se é que os hai, estean de acordo co dito: que vivan os ricos e que desaparezan os pobres miserables. Como? Velaí o miolo do problema. Pero regresemos ao punto de partida, a pregunta parece pertinente: hai ou non hai ricos? Diga vostede que pretende unha suba de impostos ás rendas de máis de 150.000 euros ao ano e podo garantirlle que aparecerán sabios a moreas de ata debaixo das pedras explicándolle que iso é unha simpleza monumental. Ricos por gañar dignamente máis de 150.000 euros ao ano? Pero isto que é? Ben. Ceda. Suba o límite e non se ande con nimiedades: aos que pasen de 400.000 (por poñer un exemplo coñecido dunha presidenta autonómica con programa moi aforrador e sensato, di ela e os seus seguidores, que por certo son moitos, os votos cantan). Que dis? Que demagoxia é esa de querer arranxar o problema castigando a eses esforzados e laboriosos cidadáns? Por favor, diranlle, déixese de demagoxia populista, arrede da súa proposta restos de resentimento e complexos varios. O problema non está aí. Supoñamos que é resistente á frustración e que persiste na súa teima. Pois ben, razoará, vaiamos aos ricos en plan escandaloso, eses que non se sabe nin os beneficios que obteñen ao final do ano, porque algún deses existirá, e non? Que dis, sacrílego paifoco, como te atreves a estrangular a esencia da creación de postos de traballo, de crear empresas, de manter o nivel e fluxo de capital para que a maquinaria siga funcionando? Non tes oído falar da curva de Laffer, a que explica que en canto os impostos ascenden ata un certo nivel, a presión fiscal deprime a actividade económica e, ao xerar menos riqueza, o Estado acaba ingresando menos? Coñecido é o argumento de moitos que ameazan con deixar de traballar xa que os seu esforzo non redundaría no seu beneficio senón no do Estado. E aquí lévalas todas. Unha manta de labazadas que te deixan sen sorriso de por vida, coma se o síndrome de Moebius te atacase en plena reflexión. Desanimado, sen argumentos, xa tanto che ten que existan coma que non, o que parece claro é que nunca é momento, nin aconsellable, nin razoable, nin conveniente subir os impostos aos ricos. Primeiro porque é difícil establecer o límite a partir do cal que pode considerar que se debe aplicar unha progresiva carga impositiva. E a continuación – sendo este o verdadeiramente perigoso- porque case todos cantos saben do asunto deciden que sería máis prexudicial que beneficioso. Eu estaba convencido, como lle lera nunha entrevista aos historiadores John Elliot e Manuel Lucena, que existen ricos, tan escandalosamente ricos, que son uns verdadeiros irresponsables. E que sería bo que comezasen a sentir vergonza da súa irresponsabilidade, que non contasen, ademais de coa súa riqueza, coa coartada dun pensamento que os agarime e os xustifique. Pero en vista de como está a situación, opto por convencerme do evidente: que non hai ricos, e se os hai , en canto a impostos, nin tocalos. Deixemos que sigan producindo riqueza, emprego, benestar e harmonía social como á vista está. Ao final terá razón Gore Vidal: os verdadeiramente poderosos acaban por facerse invisibles. E xa se sabe, contra o invisible, coma co misterio: respecto, veneración e nin tocalo. Menos, con impostos.

domingo, 28 de agosto de 2011

PARA QUE VEXAS O BO QUE EU SON

Cando sentei á mesa xa supuxen que non podería pasar sen oílo durante toda a comida. Estaba acompañado dunha moza sudamericana moito máis nova ca el. Falaba cun ton arrogante, pedante e pedagóxico, coma se a moza debera recibir información de canto lle ía explicando, que era todo: a paisaxe, as características dos Cantábrico, as diferencias co Atlántico e co Pacífico, a gastronomía da comarca, os costumes españois diferentes dos peruanos (aí souben que a moza era peruana), e todo canto ía acontecendo. Desde a selección do menú ata ao máis mínimo detalle era motivo para que o Pigmalión altivo lle endosase á silenciosa rapaza unha cascada de doutrina e alarde de saber de home curtido, experto e xeneroso. Mentres non se bebeu viño, as leccións do seductor andaron por niveis superficiais da realidade. Despois de elixir unha afamada marca de albariño (“tú vas a saber hoy lo que es un vino blanco excelente”, prognosticoulle antes de probalo), os temas de conversación xa entraron na zona da intimidade, ata tal punto que me sentía incómodo escoitando a tanto volume as confesións do seductor desinhibido. A moza, delgada e cuns ollos tan grandes coma tristes, comía pouco e delicadamente, sen ser capaz de erguer a mirada de tan avergonzada que se sentía. “¿No te gustan las andaricas, nunca las habías comido?”, preguntaba o lerchán para sacar outra materia na que se lucir antes de regresar á intimidade. Porque el non se cortaba en nos contar a todos os que estabamos cerca que fora home de moitas mulleres, non podía ocultar a súa experiencia, a todas as tratara con respecto e xenerosidade, pero con todas fora rematando pola natural inclinación do xénero feminino a enganar homes da súa calidade moral. A última, poñíalle por exemplo, marchara cun abrigo económico que xa moitas quixeran, a pesar de nunca casar con ela: levara automóbil, roupa e xoias que por discreción non quería valorar, pero que ascendían a unha cantidade moi elevada de cartos, iso pensando en España, xa non digamos se trasladaramos a situación a Perú. Neste instante non puiden resistir a curiosidade e mirei para a moza que de tan encarnada e coa mirada afundida non sabía onde se meter, pero algunha razón potente a mantiña sentada sen se mover da cadeira escoitando a personaxe tan badoco. Cando chegou o arroz de marisco, el mesmo, como home experimentado, se encargou de servir rexeitando o ofrecemento do camareiro. A rapaza aceptou submisa a cantidade por el decidida. O home continuou co seu soliloquio interminable relatándolle á acompañante as súas experiencias amorosas previas, todas con idéntico remate: as mulleres abusaban da súa inxenuidade e xenerosidade abandonándoo cando xa conseguían o que querían, algo que non estaba disposto a permitir que volvese a ocorrer. Xa na sobremesa, se cadra por esgotamento e necesitando unha miga de respiro, repochoulle a ela que fose tan calada, tan pouco expresiva, ningunha das moitas mulleres que tiña coñecido se comportara nunca de maneira tan calada e tímida. “Eres tímida realmente o es una estrategia propia de las peruana”, redobrou a pregunta cunha gargallada. Ela nin o mirou, removía coa culler nunha crema doce. E como para someternos á dúbida de se a súa estupidez superaba ao descaro engadiu: “ A mi con tácticas de mujer de países subdesarrolados amantes de la madre patria no me vas a conquistar mejor, eh, que yo he estado varias veces en Argentina, en Perú no, pero en Brasil y Argentina, no digamos en Cuba, he estado cantidad de veces y me conozco las técnicas a la perfección”. Como se me facía insoportable, nin café pedín. Erguinme e marchei. Pero como era o restaurante do hotel onde me hospedaba, á mañá seguinte, cando xa estaba para rematar o meu pequeno almorzo, vexo que entra de novo a parella e senta non moi arredados de min. Ela continuaba cos ollos grandes tristísimos e a mesma blusa gastada do día anterior. El vestía pantalón curto, náuticos e unha camiseta cinguida ao seu torso ancho. Sabendo o que me esperaba apurei o que me quedaba de café. Pero aínda tiven tempo para escoitar que el lle dicía: “Hoy te voy a llevar a comer a un sitio que te vas a relamer. Algo que non tendría obligación de hacer, pero para que veas lo bueno que yo soy...”. E como a submisión ten os seus límites, a moza, sen dicir palabra, erguese serena e con elegancia, pousou o pano de mesa sobre o mantel e deixouno coa boca aberta. Como dentro da aparente serenidade ía atordada case tropeza comigo ao buscar a porta. Deixeina pasar diante. Doume unhas grazas suaves e docísimas.

martes, 23 de agosto de 2011

COMEMOS OU QUE?




A CASA de xantar ofrecía un menú por dez euros no que incluía sobremesa e viño. Un matrimonio novo senta á mesa acompañado de nena e neno. Ela chegando aos dez anos, el estreando os tres. O local está presidido por unha pantalla de plasma enorme na que se ve dar voltas a coches moi veloces segundo certifican primeiros planos nos que o contaquilómetros pasa de 130 a 280 en tempo de nada. O pai queda atrapado polas voltas dos coches e cústalle retirar a mirada da pantalla. A nai, sen poder disimular a ansiedade, trata de ordenar aos nenos. A nena quita do bolso unha máquina electrónica enredando con ela. "Só antes de que chegue a comida", advirte a nai. O neno, movendo o cu de estribor a babor no seu asento, garfo e culler en cada man, pretende facer música cravándoos na mesa. "Quieto. Iso non se fai", reprende a nai sen ningunha firmeza. O pai, ao seu, atento, un dos coches entra a repoñer combustible.
Elixir menú resulta complexo. A oferta non é ampla, pero a nena, centrada na maquiniña e o neno rexeitando canto se lle ofrece, someten a unha espera considerable ao paciente camareiro. Elixido, o neno érguese detrás do camareiro. "Vén aquí", esíxelle a nai sen que o neno lle obedeza. "Non ves o neno?", pregúntalle a nai ao pai. "Vén aquí ou zóupoche, eh", ameza o pai atento a unhas milésimas que disque na última volta lle papou o primeiro piloto ao segundo. O neno dá dúas voltas por entre a mesas, vai xunta da nai, que realiza xesto de desespero, pero non senta. A nena segue concentrada no enredo electrónico. Chega a comida. A nai consegue que o fillo sente, pide á filla que deixe o aparello. O neno senta, pero pon mala cara, non era o prato que el pensaba. "Por favor, acabouse a máquina", lémbralle a nai á filla. "Que si, pesada, xa vou", continúa xogando sen inmutarse. "Queres deixar a máquina e poñerte a comer?", eleva un pouco o ton a nai. De moi mala ganas, despois de dúas miradas, a filla mete o aparello no bolso e, estirando os morros coma se acabase de padecer unha desgracia sen nome, ponse a comer sen ganas. O pequecho érguese outra vez, non lle gusta a comida e declárase en folga. Un automóbil dos da pantalla salta polos aires e escachífase contra as vallas protectoras. A nai persegue cun garfo do que colga un anaco de chopiño fritido ao neno que se nega e non e non e non, momento que aproveita a enganchada ao xogo para volver coa máquina. Mentres o parvuliño percorre o circuíto do local varias veces, tempo no que aproveita para enzoufar as camisas dos comensais que atopa na súa viaxe, a nai intenta poñer cara de circunstancias entre avergonzada e desesperada. Por fin regresa á mesa arrastrando ao pequecho. A xogadora nin se decata do que sucede derredor. O pai, por fin, fala de novo con voz autoritaria: "Comemos ou que?".

LECTURA ATRAVESADA DE MATEO

Por aquel tempo, os discípulos e os máis achegados ao Mestre decidiran congregar unha enorme multitude na montaña. Consideraban que chegara o momento de que todos escoitasen a boa nova que o Mestre ía levando de pobo en pobo. Para que o acontecemento resultase un éxito soado por toda Palestina, os preparativos planificáronse con tempo e detalle. A uns encargáronlle que dispuxesen de lugares cómodos para os oíntes; a outros que elevasen un púlpito adecuado e vistoso para que o Mestre puidese falar e ser oído e aclamado; varios dedicáronse a pedir permisos e negociar cos poderes e institucións da Igrexa local e do Estado estranxeiro, non conviña facer inimigos; algúns, os máis silenciosos pero eficaces, afanáronse por conseguir diñeiro, sen cartos non se pode organizar nada espectacular. Prácticos e realistas, os colaboradores do Mestre non tardaron en realizar contactos cos líderes relixiosos, representantes do poder que oprimía ao seu pobo, recadadores de impostos, fariseos, saduceos, potentados, nalgúns casos ladróns sen disimulo. Con todos obriga o pragmatismo a entenderse e negociar se o que se pretende é cubrir a base da montaña de nenos e adultos, vellos, ricos e pobres, pecadores e almas piadosas chegados de Galilea, Samaria e Xudea, desexosos de escoitar a sabedoría do Mestre. E así se foi avanzando no proxecto e fixouse a data para o gran sermón. O Mestre, retirado e meditabundo, alleo a tanta dedicación para os preparativos, machicaba entre oracións a súa mensaxe: Ditosos os que teñen espírito de pobres, porque deles é o Reino do Ceo. Ditosos os que choran, porque eles serán consolados. Ditosos... Varios dos seus discípulos máis avantaxados, instruídos en leis relixiosas e civís, expertos en diplomacia e relacións cos poderosos e principais, intrigados polas palabras que o Mestre tería pensado dedicar a tanto seguidor convocado despois dos moitos esforzos e cesións aos intereses de uns e outros, conseguiron que o Mestre lles adiantase as liñas do seu discurso. Expertos en asesorar, convencérono para que lles pasase un borrador do sermón que se escoitaría na montaña, pasóullelo, e, coma avaros contando cartos, os asesores dedicaron unha morea de horas examinando cada frase e palabra e puntos e comas do que se había de escoitar. Ditosos os non violentos, porque eles herdarán a terra. Ditosos os sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos. Ditosos os perseguidos pola xustiza, porque deles é o Reino do Ceo, leron e comezaron a tachar. Debemos ter tino con non ofender aos poderes financeiros, advertiu un inmediatamente, eles contribuíron en grande medida cunha importante axuda. Habería que matizar iso de “perseguidos pola xustiza”, matizou outro, non podemos confundir nin ser ambiguos, hai nestes tempos moito delincuente e provocador emboscado entre os que din buscar a xustiza. E así foron analizando unha detrás doutra as palabras coas que o Mestre debería alimentar ás almas bondadosas e limpas de corazón, ata que do borrador non quedou nin unha triste liña sen necesidade de variación, corrección seria, nalgúns casos incluso anulación. Como o gran día xa estaba cerca, os asesores presentáronlle as propostas de modificación ao Mestre. Leunas, mirounos e calou. Perspicaces, deduciron que non estaba de acordo e argumentaron acurralando nel. Cómpre firmeza e determinación, Mestre, dixéronlle: ou optamos polo realismo e se modificaba o discurso ou verémonos na necesidade de suspender o grande acontecemento. O Mestre, sereno, sen perder o sorriso, só lles dixo: Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos. E retirouse ao deserto para seguir orando. Os asesores non se desanimaron. Axiña se reconfortaron entre si convencidos de que o Mestre non tiña os pés na terra, e non tardaron nada en atopar a un actor encargado de simular os seus xestos e a súa mensaxe. E así, tal e como planificaran, no día sinalado, a montaña acugulada de xente chegada dos lugares máis recónditos, o suplantador do Mestre leu unha mensaxe minuciosamente articulada , na que, aínda querendo dar a entender que os importantes son os pobres, os misericordiosos, os que choran e os que buscan a xustiza, os verdadeiramente ditosos e beneficiados acaban sendo os ricos, os saduceos, os escribas, os sacerdotes e os fariseos, interesados colaboradores para que tan grandioso espectáculo puidese ser visto e oído en todo o mundo.

sábado, 13 de agosto de 2011

DÚAS MULLERES E UN ENFERMO


IMPOSIBLE non fixarme nelas. As dúas mulleres e máis eu compartiamos terraza, case mesa de tan pegadas que estaban. Xa non eran novas. Comían e falaban moi animadas, cariñosas, regalándose caricias e bicos de namoradas. Parecían habituais no restaurante pola familiaridade coa que trataban ao camareiro e pola seguridade coa que pedían un prato detrás doutro.Comían con ganas e parecían de bo padal polo viño elixido: un tinto de marca non moi coñecida pero exquisito para o meu gusto.
Ben avanzada a comida, do lado do mar apareceu ao lonxe a figura dun home que elevou ás mulleres da ledicia á euforia: "Mira, é el, ¿non si?", preguntou a máis delgada das dúas. El camiñaba lento, sen folgos, perfectamente explicable na medida en que se foi achegado e o vin mellor: estaba nos ósos, branco, enfermo para ser exactos. Moi enfermo. O corpo, de tan estragado, non podía disimular nada. Talvez algún tipo de cancro que lle chupaba a vida. Antes de se achegar de todo á mesa, as dúas mulleres puxéronse en pé, pero a máis delgada, máis contenta aínda que a outra, lanzouse ao seu encontro abrazándoo durante un tempo longo, ben xuntos, transmitíndolle co seu corpo calor, afecto e o pracer de telo con ela. A compañeira abrazouno tamén, despois, pero menos efusiva. Sentárono con coidado á súa mesa. E de inmediato, as dúas, con máis dedicación a máis entregada a el desde o primeiro momento, comezaron a tratalo coma a un meniño ao que hai que atender, darlle de comer, mirar por el, está incapaz, inválido, non pode mirar por si. Déronlle viño da súa copa, anacos de peixe do seu prato, anaquiños de pan, un troco de tomate elixido con calma, compartiron vaso e pano de se limpar mentres o camareiro non veu e lle preparou un prato para o enfermo. El comía a modo, con ganas, pero en doses mínimas, coma se o corpo non lle admitise proporcións superiores ás dun meniño. A penas falaba, sorría cara elas, e centrábase no seu comer lento. A máis agarimosa das dúas collíalle a man coa que non manipulaba a comida, dáballe bicos inesperados, aloumiñáballe a caluga con tanto lentitude e tenrura coma se fose o seu neno de teta. Daba xenio velas ás dúas coidando del. Chegada a hora da sobremesa, elas pediron os doces, el continuaba depenicando no pescado, concentrado, deixándose acariñar e servindo de motivo para que elas se aledasen e risen a gargalladas e o bicasen por calquera motivo nunha man, nas meixelas, na cabeza sen cabelo. Antes de que rematasen cos doce e co peixe, a el entroulle un tusido sen freo. Non o daba calmado. Entre as dúas conseguiron serenalo e regresou a calma. Riron os tres. Foi entón cando a máis delgada porfiou: "Abre a boca. Proba". E el probou do doce da súa culler.