martes, 11 de octubre de 2011

lunes, 10 de octubre de 2011

NETREBKO

REFORMAS PROFUNDAS

Despois de tres anos de reformas, todas elas co resultado coñecido (pésimo), coinciden expertos e políticos con futuro en que, se queremos de verdade superar a situación actual, o que cómpren son máis reformas, e non só máis, senón máis profundas. Polo que se ve, as realizadas ata o de agora foron moi superficiais. Destas superficiais, sen necesidade dunha exposición exhaustiva, podemos concluír que o súa intencionalidade salta á vista: recortar e podar dereitos, fundamentalmente en educación e sanidade. A obsesión polo aforro apoderouse das cabezas que deciden de igual modo que en épocas anteriores o que reinaba era o afán por gastar e consumir, síntoma de que o país progresaba. Acórdome coma se fora hoxe das declaracións do sr. Álvarez Cascos, alto ministro naquela época de Aznar, agora converso aforrador no Principado de Asturias, comentar con seguridade e suficiencia, que se so pisos eran caros obedecía a que España se convertera nun país rico e había cartos e posibilidades. Pois xa ven, aquel país rico, que ía ben, acabou – xa , por suposto, pola mala cabeza de Zapatero- non tendo un céntimo para unha urxencia. Ante esta situación prodúcese unha contradición que me trae intrigado. En diversas enquisas, a maioría dos cidadáns, como no podía ser doutro modo, manifestan estar seriamente preocupados polo paro. E non só iso, observan e temen polo deterioro da sanidade e da educación por mor dos recortes evidentes que as comunidades e o goberno de España aplican con moita responsabilidade. Estes cidadáns, que incluso no seu inicio vían con bos ollos algunhas das protestas dos indignados, quéixanse do padecemento vivido ou do temor a entrar entre os que sofren a auténtica desgraza do paro. E temen por perder os servizos mínimos en educación e sanidade. Pero son estes mesmos os que, segundo tamén tódalas enquisas e prognósticos, adiantan que nas próximas eleccións votarán ao PP, uns, suponse desenganados e fartos do débil goberno que non nos gobernou e outros porque levan no seu ADN esa intención do voto ao igual que outros levan o contrario. O certo é que, ante tal perspectiva, un trata de analizar qué propón ese partido posible gobernante para aliviar estas penalidades, e a resposta vén sendo a seguinte: dicir a verdade, sentido común, atender ao que queren os españois e traballar con seriedade. Se escaravellamos un pouco máis, iso concrétase en varios depende – por ser a frase do contrincante Rubalcaba non perde veracidade- e algunhas incongruencias. A saber: non lles tremerá se hai que dicir a verdade aos cidadáns para realizar sacrificios, pero non subirán impostos, subirán as pensións, non aceptan copago sanitario e non se restará nin un céntimo para educación. E regalaranse euros aos emprendedores ao estilo en que Zapatero os repartira entre as mulleres que tiñan fillos. Como pensan cadrar esa círculo máxico de non recortar pero afondar nas reformas superficiais realizadas polos seus predecesores? Velaí o misterio que me gustaría desvelar. Reforma profunda da administración (pero sen recortar), reforma profunda na sanidade (pero sen recortar), reforma profunda nas comunidades autónomas (pero dándolle a cada unha segundo a súa capacidade de presión). Ao parecer a esencia de tal milagre recae na confianza que xerará o novo goberno, pois tan pronto pise D. Mariano a Moncloa, os bancos deixarán de lado os seus problemas e comezarán a dar créditos a dereita e esquerda coa facilidade coa que cobran comisións. Segundo se deduce, o apoio será tal aos emprendedores e pequenos empresarios que crearán postos de traballo a esgalla, co que as arcas do Estado quedarán acugulo nun santiamén, de maneira que se lle poderán rebaixar os impostos a todos e isto non tardará nada en volver a ser o paraíso: os anos dourados da especulación, a construción e a burbulla que logo nos estalou diante dos narices non só aos españois, senón en todo o mundo. En fin, que as reformas superficiais non dan resultado e débese afondar máis no mesmo. O resultado das superficiais salta á vista. Veremos o das profundas, pero polo que se albisca, a maioría dos votantes, por a ou por b, están dispostos a darlle a confianza a quen promete reformas profundas sen recortes, baixada de impostos sen diminuír a atención sanitaria nin educativa, adelgazar o a administración do Estado creando emprego e fluidez financeira. En fin, parece que todos entendemos que ou se entra polo aro ou estamos condenados a que nin faragullas nos dean. E o aro xa se sabe cal é: reformas profundas aínda que ninguén diga en qué consisten. Pero tanto ten, se nos aforcan, que nos aforquen de verdade.

ANGUSTIA

A NAI respira con dificultade. Unha nai sempre respira con dificultade se o seu fillo corre perigo. E o seu córreo. É a última en sabelo, mellor, talvez, en aceptalo. Pero unha mañá, por un accidente, por un aviso anónimo, porque xa era hora, descobre o que sospeitaba pero se negaba a admitir. Non era posible. A ela non lle podía ocorrer. Pero ocórrelle a calquera, ao que menos o espera, a ela tamén. Sabe que é certo, que está perdido, que leva tempo convivindo coa dor e o abandono, coa desidia e co perigo.
Sobresaltada, incapaz de conter tanto desborde, marca no móbil canto número pensa poder acudir na súa axuda: o ex marido, a nai que aínda vive, un amigo, unha amiga, un profesional para que a atenda con urxencia. Das chamadas ás bágoas pasan as primeiras horas de desconcerto, de incredulidade que os datos transforman en certeza. Superado o primeiro momento de expansión vén detrás un mínimo de silencio reflexivo, de culpa, qué fixen, qué non fixen para que isto me estea pasando a min? Non dura demasiado, axiña necesita bater contra el, contra o que máis ama e a desgarra, contra o propio fillo, besta, animal, ao que acusa, berra, insulta, acaba por agredir, nunca tal imaxinara. Aínda cos cabelos graxos del nas súas mans, avergonzada retírase ao baño para chorar ás agachadas: detrás dunha desgraza, outra: a de ser ver como unha nai miserable, descontrolada, irada e agresiva que malla no fillo xa home, máis neno ca nunca, imbécil, qué puido facer tan mal, pensa de novo, qué non souben facer, en qué me equivoquei de maneira tan estrepitosa?
Encadeando bágoas con lamentos e improperios sae da casa en busca da consulta que a alivie. O terapeuta dálle todo o tempo que precisa para se explicar, para se culpar, para chorar sen taxa ata que, os ollos encarnados, queda sen bágoas, sen folgos, coma seca e pesada, abobada, á espera do consello do experto. Escoita as frases a medias, acepta que non é a única, que tampouco o seu fillo é o único en padecer, que son moitos os fillos e nais que carrexan canadas de tristura duns ollos aos outros. Intenta respirar como lle mandan. Non é quen, o aire non entra ben no corpo, tropeza ao saír e causa o pranto en canto chega á gorxa. Regresan as bágoas. Insisten as palabras suaves e mornos do médico. Acepta a receita pola que han de gobernarse a partires de agora os seus días. Paga. Pasa pola farmacia. Regresa á casa co corazón nun puño. Entra. El non está, xa non está. Estálalle a angustia de novo, case non dá marcado o número, o fillo non contesta. Marca de novo, soa, soa, córtase a chamada. Colle o bolso de novo, pilla o ascensor sen saber nin onde se mete, sae á rúa e camiña nunha dirección, na primeira pola que a levan as pernas, na busca do fillo, mordendo na angustia. Pero camiña.

domingo, 2 de octubre de 2011

VOCES PARA O CÁLIDO OUTONO

O ADOLESCENTE QUE XURA




OS seus catorce anos repartiunos equitativamente: sete no inferno con pais e sete no inferno sen eles. Dos sete primeiros nin quere exercitar a memoria, da segunda quenda parece que se acorda algo máis, pero non conta case nada. A vida levouno ao silencio. Puidera dar noutra reacción, que outros elíxena, pero a súa consiste na pasividade, en agacharse, non mirar, non dicir, aceptar friamente que se pode resistir sen afecto, sen tenrura, sen un triste mimo.
Viste sempre, tanto ten que vaia frío coma calor, unha gabardina semellante á que usa Houellebecq, refúxiase dentro dela deixando só ao descuberto o rostro e as mans. Rostro que baixa para que non o mires, mans que tamén buscan abrigo entaladas entre as pernas e a cadeira na que senta coma se fose un moble máis. Pouco quere contar. Para que, pensará, se sempre é igual. Coñece todas as preguntas, escoitou a todos os educadores e psicólogos, coidadores, psiquiatras, mediadores, funcionarios. Repetiu unha chea de veces -porque lla foron arrincando- o pouco que sabe da súa historia para chegar sempre ao mesmo punto: unha casa de acollida, unhas monxas, unha familia bondadosa ou malvada, uns curas entregados, un piso para convivir con outros mocetes coma el, perdidos, abandonados, agardando o punto de encontro cun pai do que non se sabe nada, ou, porque se sabe todo, se desfigura ata o estremo de que ninguén podería recoñecelo. Non minte. Oculta, cala, elabora, idealiza en tres frases secas o que lle parece debería ser, algo ten oído, e non é: na próxima visita meu pai vaime levar con el e imos pescar; con meu pai lévome ben; meu pai hame comprar un móbil; con meu pai falo a hora completa no punto de encontro...
Non son mentiras, a el vénlle ben poder contar algo así. As outras historias xa está farto de narralas. Non hai nada novo. Non, non lle gusta estudar, nin ler, nin saír á rúa, nin xogar coa pelota, nin andar na bicicleta, nin falar moito cos compañeiros. Cala. Intenta pasar desapercibido. Enreda coa máquina electrónica, co mando da tv, senta no sofá, na cama, dorme, dorme ata que se cansa, nada agarda. Pero nalgún lugar estarías peor, habería algún día que te enfadaches, berraríanche, felicitaríante por algún motivo, nunca ris?, pregúntolle. Si, algunha vez era peor, algunha persoa só sabía recriminar e berrar, houbo días que os tivo que pasar illado no seu cuarto, sen saír, castigado por non estudar e sobre todo por xurar. Por xurar? Si, dicir en alto e á cara o peor. Que é o peor? Me cago en... no máis alto. E por que tes que xurar, que mérito che ten? Non sei. Sería unha vez que perdiches o control, suavicei. Non, moitas veces, xuro moito.

sábado, 1 de octubre de 2011

NO NIÑO NOVO DO VENTO

Agora que as mazás estenden o seu ulido sobre as pallas nas que descansan, que ou ourizos caen sen permiso estrando a chousa e que as doces ubres das vides axiña darán viño novo, chega Cunqueiro a Pontevedra na exposición No niño novo do vento, non coma unha pomba dourada, senón coma o que é: un dos máis grandes escritores que deu o século pasado. Vén a Pontevedra para que repasemos a súa vida e as súas obras, para que o coñezan os máis novos, que se cadra aínda non tiveron a fortuna de andar polos montes e chemineas de Galicia no asubío lírico e irónico da voz máis melodiosa que poida escoitarse, a máis apegada á realidade facendo falar aos merlos, razoar aos tolos e aproveitando a cordura dos feirantes que no mundo son. Vén a Pontevedra D. Álvaro da man da Consellería de Cultura, da Fundación Penzol e de Galaxia, para que ninguén diga que esquecemos o que máis nos debería estimular. Que esta exposición viaxe polas cidades de Galicia é unha ledicia para os que amamos a literatura e para os que apreciamos as transformacións sociais que nos converten en máis abertos e tolerantes. Contareilles unha anécdota indicativa do curtos de miras e pechados que puidemos ser nunha determinada época e a necesidade de aprender dos erros. Sendo eu un adolescente que comezaba a interesarme pola cultura galega, picaba de aquí e de acolá en herbas coas que alimentar a miña curiosidade. Eran tempos aqueles de longa noite de pedra e abundaban naqueles momentos comisarios ideolóxicos que impartían bendicións e condenas indiscutibles sobre as bondades e maldades literarias en función de non sei qué criterios ignorantes e estúpidos. Unha variable que pesaba sen sentido naquel momento era a catalogación política que se realizaba dun determinado autor, co que, se tiña a desgraza de caer do bando dos “fachas” e adheridos aos réxime, quedaba automaticamente desautorizado en todo canto realizase esa persoa. Lembro que a finais dos sesenta e comezos dos setenta do século pasado, moitos destes dogmáticos clasificadores deran en mostrar desconfianza sobre a obra do autor de Mondoñedo. Ata o punto que, sendo eu como era un cativiño sen criterio nin demasiada iniciativa, caín na trampa – porque aínda non o lera- de non asistir a unha conferencia que D. Álvaro viñera dar ao Liceo de Betanzos. Acórdame que paseaba eu pola Praza de García Hermanos coa dúbida de se acudir ou non, pero deixándome guiar polas consignas dalgún daqueles dogmáticos do non, optara por convencerme de que non debía ir. A que? Escoitar a alguén que escribe en castelán, andou con compañías perigosas e só fala de gastronomía? Nunca a pena me pasou. Claro que escoitei posteriormente a D. Álvaro e, en canto lin Merlín e familia, prometín non caer nunca máis en decisións tan estúpidas, pero aínda hoxe lamento perderme aquela conferencia, porque , sendo aínda neno, ben seguro aprendería con matices distintos moitas das cousas que ao longo do anos fun aprendendo ao ler detidamente tanto a súa prosa como a súa poesía. Superada felizmente esa etapa triste do país, aprecio con deleite que avanzaramos coa suficiente amplitude de miras como para esquecer aqueles prexuízos. Pode parecer simplista ledicia por tan pouco, mais eu considero que ao contrario é un síntoma de que as sociedades avanzan e ganan en madurez. Hoxe, estou seguro, nin o máis ríxido dos dogmáticos ideolóxicos e capaz de dubidar da grandeza literaria de Cunqueiro. Non queda nin resto daquel cheirento prexuízo que nos podía incitar á dúbida sobre a bondade literaria dun auténtico mestre polo simple motivo de escaravellar maliciosamente nunha biografía que, coma a de todos, pasa por etapas, necesidades, compromisos e azares que non significan nin entorpecen para nada na calidade da creación. Alédome de que nesto si exista un acordo unánime e que potenciemos a figura dun escritor que, pola súa capacidade de fabulación, riqueza da lingua, captación da esencia do ser e sensibilidade poética, nada ten que envexar aos máis recoñecidos do mundo. A partires de hoxe, tódolos cidadáns, pero especialmente os centros de ensino, contan cunha posibilidade nunca ben paga de coñecer mellor a vida e obra dun escritor que merecería ser venerado ata nas illas máis arredadas polas que se aventurou Simbad. Parabéns aos organizadores, os que xa gozan con Cunqueiro agradecerano; os que o descubran, acordaranse sempre de que grazas a visitar No niño novo do vento puideron entrar no mundo fantástico máis verdadeiro que se coñece.