sábado, 1 de octubre de 2011
NO NIÑO NOVO DO VENTO
Agora que as mazás estenden o seu ulido sobre as pallas nas que descansan, que ou ourizos caen sen permiso estrando a chousa e que as doces ubres das vides axiña darán viño novo, chega Cunqueiro a Pontevedra na exposición No niño novo do vento, non coma unha pomba dourada, senón coma o que é: un dos máis grandes escritores que deu o século pasado. Vén a Pontevedra para que repasemos a súa vida e as súas obras, para que o coñezan os máis novos, que se cadra aínda non tiveron a fortuna de andar polos montes e chemineas de Galicia no asubío lírico e irónico da voz máis melodiosa que poida escoitarse, a máis apegada á realidade facendo falar aos merlos, razoar aos tolos e aproveitando a cordura dos feirantes que no mundo son. Vén a Pontevedra D. Álvaro da man da Consellería de Cultura, da Fundación Penzol e de Galaxia, para que ninguén diga que esquecemos o que máis nos debería estimular. Que esta exposición viaxe polas cidades de Galicia é unha ledicia para os que amamos a literatura e para os que apreciamos as transformacións sociais que nos converten en máis abertos e tolerantes. Contareilles unha anécdota indicativa do curtos de miras e pechados que puidemos ser nunha determinada época e a necesidade de aprender dos erros. Sendo eu un adolescente que comezaba a interesarme pola cultura galega, picaba de aquí e de acolá en herbas coas que alimentar a miña curiosidade. Eran tempos aqueles de longa noite de pedra e abundaban naqueles momentos comisarios ideolóxicos que impartían bendicións e condenas indiscutibles sobre as bondades e maldades literarias en función de non sei qué criterios ignorantes e estúpidos. Unha variable que pesaba sen sentido naquel momento era a catalogación política que se realizaba dun determinado autor, co que, se tiña a desgraza de caer do bando dos “fachas” e adheridos aos réxime, quedaba automaticamente desautorizado en todo canto realizase esa persoa. Lembro que a finais dos sesenta e comezos dos setenta do século pasado, moitos destes dogmáticos clasificadores deran en mostrar desconfianza sobre a obra do autor de Mondoñedo. Ata o punto que, sendo eu como era un cativiño sen criterio nin demasiada iniciativa, caín na trampa – porque aínda non o lera- de non asistir a unha conferencia que D. Álvaro viñera dar ao Liceo de Betanzos. Acórdame que paseaba eu pola Praza de García Hermanos coa dúbida de se acudir ou non, pero deixándome guiar polas consignas dalgún daqueles dogmáticos do non, optara por convencerme de que non debía ir. A que? Escoitar a alguén que escribe en castelán, andou con compañías perigosas e só fala de gastronomía? Nunca a pena me pasou. Claro que escoitei posteriormente a D. Álvaro e, en canto lin Merlín e familia, prometín non caer nunca máis en decisións tan estúpidas, pero aínda hoxe lamento perderme aquela conferencia, porque , sendo aínda neno, ben seguro aprendería con matices distintos moitas das cousas que ao longo do anos fun aprendendo ao ler detidamente tanto a súa prosa como a súa poesía. Superada felizmente esa etapa triste do país, aprecio con deleite que avanzaramos coa suficiente amplitude de miras como para esquecer aqueles prexuízos. Pode parecer simplista ledicia por tan pouco, mais eu considero que ao contrario é un síntoma de que as sociedades avanzan e ganan en madurez. Hoxe, estou seguro, nin o máis ríxido dos dogmáticos ideolóxicos e capaz de dubidar da grandeza literaria de Cunqueiro. Non queda nin resto daquel cheirento prexuízo que nos podía incitar á dúbida sobre a bondade literaria dun auténtico mestre polo simple motivo de escaravellar maliciosamente nunha biografía que, coma a de todos, pasa por etapas, necesidades, compromisos e azares que non significan nin entorpecen para nada na calidade da creación. Alédome de que nesto si exista un acordo unánime e que potenciemos a figura dun escritor que, pola súa capacidade de fabulación, riqueza da lingua, captación da esencia do ser e sensibilidade poética, nada ten que envexar aos máis recoñecidos do mundo. A partires de hoxe, tódolos cidadáns, pero especialmente os centros de ensino, contan cunha posibilidade nunca ben paga de coñecer mellor a vida e obra dun escritor que merecería ser venerado ata nas illas máis arredadas polas que se aventurou Simbad. Parabéns aos organizadores, os que xa gozan con Cunqueiro agradecerano; os que o descubran, acordaranse sempre de que grazas a visitar No niño novo do vento puideron entrar no mundo fantástico máis verdadeiro que se coñece.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.