sábado, 14 de enero de 2012
A BOA IDEA DE PAGAR IMPOSTOS
Sabido é que existen ideólogos, disque ben informados, ao parecer fundamentados en estudos incuestionables, que prefiren convencer ao cidadán de que iso de subir (case pagar) impostos é un atraso. Anúlase a dinámica espontánea do crecemento, os cartos van parar as mans do público, mans corruptas ou que malgastan, polo que o aconsellable é reducir os impostos ao mínimo, a liberdade de cada quen sempre saberá mellor qué facer cos seus cartos ca os pésimos xestores do común que sempre o dilapidan ou utilizan para trapalladas inmorais. Bebedores desta ideoloxía, os pensadores do actual goberno, mentres martelaban para derrubar ao anterior , fartáronse de consagrar a bondade de nunca subilos, baixalos como primeira medida, para que se revitalizase a economía e medrase o emprego. Como a realidade é gurrona e a herdanza deixada polos ineptos anteriores (estaba cantado) é moito peor do imaxinado (e mira que imaxinación para o desastre sempre demostraron a esgalla), agárranse a iso agora para ir contra as súas propias receitas e tomar como primeira e estelar medida a suba dos impostos. Alédome en grande maneira deste cambio da dereita. Eu son partidario de que existan impostos e de que se paguen. E de que estean equitativamente deseñados. Porque o miolo do asunto está sempre no mesmo: cómo se reparte a carga dos impostos sobre o contribuínte, o seu cobro rigoroso e a persecución do fraude, pois se estas tres leis básicas non se cumpren, falar de subir ou baixar pode resultar sumamente confuso (se cadra por iso oímos alternativamente e sen miga de contradicción, tanto pola dereita como pola esquerda, que subilos ou baixalos é patrimonio deles). Sen caer no imposible nin na demagoxia de que paguen só os ricos, o que non casa é que os impostos recaian sempre sobre unhas clases medias e baixas que soportan o peso fácil do control da recadación. Por iso ao tempo que me aleda que a dereita recoñeza que non só con austeridade se sae do pozo, senón que cómpre ingresar máis, tamén me entristece observar que os que pagamos somos sempre os mesmos: asalariados de nómina á vista, baixiña e nunca escandalosa, por outra parte, disque, os culpables de que os Estado tire con nós os cartos máis improductivos. Pero como doutores da economía han ser quen discutan e afinen nunha equilibrada e xusta reforma fiscal (coido que imprescindible), eu só aproveito o motivo que este cambio súbito sobre a suba de impostos me dá (disque momentáneo e, xa se dixo, motivado polos estúpidos gobernantes anteriores) para solicitar algo que considero esencial nunha sociedade moderna e que pretenda un grao maior de vida: a educación sobre a bondade de pagar impostos. Non, non se me mal entenda. Cansado eu de criticar que se leva á escola (como materia académica, enténdase) o afán por educar na circulación viaria, no sexo, na igualdade de xénero, nas drogas, no consumo racional, no medio ambiente, na solidariedade internacional, na grandeza da democracia do 78, na alimentación saudable e todo canto asunto politicamente correcto se lles veña á cabeza, non serei eu agora partidario de engadir unha materia máis: educación para os impostos. Non. Pero si, desde as institucións, creo na conveniencia, ademais dunha mostra de responsabilidade democrática, martelar con constancia e claridade na bondade de ser responsables pagando os impostos. Non se me escapa que aínda quedan colectivos partidarios de facer o ben repartido a capa cos pobres como disque fixo San Martiño ( e benditas sexan as axudas xenerosas para os desherdados), pero unha sociedade moderna e xusta non pode seguir contando só coa iniciativa privada na caridade. Os países realmente avanzados e máis equilibrados son aqueles que teñen unha conciencia de responsabilidade na obriga de pagar os impostos, que admiten e interiorizan os beneficios de contribuír equitativamente ao ben común e que recoñecen a culpa moral por defraudar tal obriga. O prezo que debemos pagar por ser máis civilizados, por organizarnos mellor é pagar impostos. O goberno que realizase unha campaña continuada e rigorosa concienciando aos cidadáns da necesidade de pagar impostos e da vergonza que suporía ser un defraudador estaría colocando os primeiros chanzos para unha reforma equilibrada e valente dos mesmos. Nada é imposible, miren para atrás e pensen nos cambios producidos nos cidadáns respecto á bebida e conducir, o consumo de tabaco en lugares públicos ou outras condutas que calquera pensaría inmodificables non hai tanto. A ver se a este goberno, co gallo desta temporal necesidade da suba do IRPF, se lle dese por concienciar á poboación dos beneficios de pagar impostos. Para ir comezando, non estaría mal, e non?
miércoles, 11 de enero de 2012
lunes, 9 de enero de 2012
VIÑERON OS REIS
Durante a infancia, non durante moitos anos, fun un escéptico prematuro, a noite de Reis pasábaa durmindo a medias pola preocupación de se virían ou non. Cabía sempre a posibilidade de que, por calquera accidente ou imprevisto, embarrancasen, non deran co enderezo ou, polo que fose, non me quixesen visitar a min. A pesar de que cada mañá do día 6 confirmaba que non fallaban, que chegaban houbese néboa, tormentas ou xeada, ao ano seguinte ninguén me libraba da angustia da noite anterior, podía ser que, aínda non fallando nunca, este, polo que fose, se cumprise a desgraza. Porque como auténtita desgraza viviría que non aparecesen as súas mostras de pasar pola casa, pois, realmente, con ser importantes os regalos, o que máis agradecía era que personaxes de tanta importancia tivesen o detalle de buscar o meu enderezo, preocuparse de saber qué era o que máis me apetecía ese ano, pasasen os traballos de conseguilo e, por riba, no medio da noite, co mal durmidos que deberían andar os pobres, realizar o esforzo do mo vir colocar nos lugares máis insospeitados: unha veces debaixo da cama, outras nun curruncho non que nin imaxinaba que eles deran con el, na cociña, mesmo ás veces ben agochado, coma se pretendesen prolongar a miña ansiedade. O certo é que nunca fallaron. Por iso, a pesar de que o escepticismo non foi a menos e pasei por etapas negativas nas que intentei prescindir deles, aínda agora de vello lles teño moita lei e continúo agardando cada ano a ver se veñen e qué traen. Confeso que este ano non as tiña todas comigo. Como agora xa se caeu na inflación de regalos en tantos días e por tan variados motivos, sospeitei que xa tería recibidos todos os regalos que me tocaban e, como xa non son un neno, non baixarían tanto a dificultade en min. Deiteime tranquilizándome e preparándome para un espertar sen sorpresa. E así durmín dun tirón ata arredor das seis da mañá, que espertei medio desconcertado ata que unha luz me petou no cerebro lembrándome que hoxe era día de Reis. Vencín a tentación de me erguer e dar unha volta pola casa por se obrara o destino algún milagre, pero decidín concentrarme en durmir outro anaco. As oito espertei de outra vez, convencinme de que non debía ser tan pueril e dispúxenme a tomar un pequeno almorzo coma calquera outro día. Pero ao entrar na cociña, xusto no medio e medio, atravesada diante da porta, vexo unha caixa enorme recuberta dun papel brillante. Sorprendido, freguei nos ollos. Ao abrilos de novo, comprobei que non soñaba, que era certo: a caixa seguía diante de min brillando, case da altura da meseta da cociña. Que haberá dentro de caixa tan grande? Prolonguei o pracer canto puiden pero chegou un momento no que me venceu a curiosidade. Armado de tesoiras comecei abrindo delicadamente papel dourado tan brillante. Viña ben precintado. Pegado con cinta adhesiva resultaba difícil ir chegando á porta de entrada da caixa. En canto cheguei, decateime de seguida que o regalo traía broma. Dentro da caixa máis grande había outra pequena e así, coma monecas rusas, fun contando ata seis, claro que cada unha co seu envoltorio en papel dourado, ben protexida con cinta adhesiva e deixando sempre a dúbida de se por fin aparecería na que estabas o que os Reis querían regalar. Como era de supoñer, todas foron aparecendo baleiras ata a última, pequechiña, mínima, libre de precintos, sen papel que a cubrise, fácil de acceder ao seu interior onde atopei un papel dobrado. Abrino curioso e con letras maiúsculas puiden ler: NON SODES OS FUNCIONARIOS OS CULPABLES DOS MALES QUE NOS LACERAN. NON É CERTO QUE SEXADES INÚTILES E LACAZÁNS. PODEDES ESTAR TRANQUILOS: REALIZADES FUNCIÓNS IMPRESCINDIBLES. Lin varias veces o papel. Gardeino. Pensei deleitándome cómo personaxes tan especiais darían con que realmente estaba ata o pucho de escoitar a ladaíña indiscutible, case un dogma de fe que se vai instalando entre a opinión acrítica, de que os funcionarios sobramos, somos lacazáns e os culpables de todo mal, e non tiven máis remedio que aceptar que os Reis son realmente magos, saben o que necesitamos nenos e vellos, e veñen cada ano sen falta, pase o que pase e dígase o que se diga.
PROCESOS DE PAZ
"Al final llegué a distinguir un rasgo de la situación que me ha ayudado a entender una terquedad similar en el Líbano, Gaza, Chipre y otros lugares. Los líderes locales generados por los "problemas" en esos sitios no quieren que haya una solución. Una solucución significaría que no los tratarían con deferencia los mediadores de la ONU o de Estados Unidos, que no los invitarían a elegantes congresos internacionales de alto nivel, que la prensa dejaría de tratarlos reverencialmente y que no podrían ganarse un sobresueldo con los chanchullos de contrabando y protección. El poder de esa clase parasitaria fue lo que prolongó la lucha en Irlanda del Norte durante años y años después de que a todo el mundo le resultara evidente que nadie (excepto los del chanchullo) podía "ganar". Y cuando terminó, demasiados de los tipos del chanchullo también se convirtieron en los beneficiarios del "proceso de paz".
REALISMO DA DESFEITA RURAL.
SEGURO QUE VOSTEDE está canso coma min de entrar nun dos abundantes continentes de arte dos que estamos rodeados por todas partes (fartámonos de levantalos cando eramos ricos, fómolo algunha vez?) e tropezarse con manifestacións artísticas, cando menos, desconcertantes. Catro táboas vellas mal cravadas e roídas pegadas a unha parede, o chan estrado de papeis grosos e vellos untados de tinta grosa e seca, un punto nunha nada asombrosa, un saco roto cunha pasta coma de bosta vella de vaca tirada no chan, catro ferragachos atopados nun despece tirados ao chou dentro dun espacio desaproveitado, unha cama vella recollida no lixo iluminada entre focos potentes..., unha chea de propostas que disque son provocacións estéticas. Algunhas, a pesar de rozar no obsceno e no repugnante, alcanzando prezos que parecen insultantes, pénsese no caso de Hirst, Schneider ou Richter, sen que, por favor, se me interprete que os meto aos tres no mesmo saco.
Eu tamén estou farto de ver non só in situ senón reproducido nos medios o feísmo ou as chapuzas máis variadas coas que nos regalamos a diario no rural galego. Por suposto que coñezo xergóns facendo de tapias, metálicos oxidados actuando como cancelas, bañeiras retiradas do baño agora servindo de bebedoiro para os polos ou as ovellas no medio de prados verdes e mesmo cilindros de aluminio das lavadoras servindo como harmónicos capiteis en columnas de entrada á morada familiar. Iso e máis a desfeita urbanística consubstancial coa nosa desordenada ordenación do territorio proporcionan unha paisaxe estragada e de pésimo gusto, sobre todo no medio dunha natureza tan rica e fermosa. Mais, dado que ningún goberno nin administración, nin educación nin ridiculización desde distintos medios calman esta necesidade -eu creo que xa verdadeiramente artística e creativa- de innovar día a día, creo que o máis beneficioso sería darlle a volta á situación. Non nos lamentemos, non nos riamos de nós mesmos. Convertamos todo iso do que nos avergonzamos en provocación estética. Provocación utilitaria, creación de subsistencia con enxeño e vontade de rebelarnos. Tal e como permanece a tendencia a guindar coches vellos entre silveiras, non parecería tan estúpido intentar converternos no país museo no que se pode contemplar o derrube do rural baixo a provocación artística máis atrevida. Se cadra todo está en inventarnos un nome que lle acaia ao asunto, e así como o Realismo Capitalista conquistou aos críticos máis severos, puidera ser que a nosa paisaxe, á que poderiamos bautizar como Realismo da Desfeita Rural, adquirise a categoría de manifestación artística por antonomasia do século XXI. Habería que ir pensando na maneira de cobrar por velo.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)