lunes, 9 de enero de 2012

REALISMO DA DESFEITA RURAL.

SEGURO QUE VOSTEDE está canso coma min de entrar nun dos abundantes continentes de arte dos que estamos rodeados por todas partes (fartámonos de levantalos cando eramos ricos, fómolo algunha vez?) e tropezarse con manifestacións artísticas, cando menos, desconcertantes. Catro táboas vellas mal cravadas e roídas pegadas a unha parede, o chan estrado de papeis grosos e vellos untados de tinta grosa e seca, un punto nunha nada asombrosa, un saco roto cunha pasta coma de bosta vella de vaca tirada no chan, catro ferragachos atopados nun despece tirados ao chou dentro dun espacio desaproveitado, unha cama vella recollida no lixo iluminada entre focos potentes..., unha chea de propostas que disque son provocacións estéticas. Algunhas, a pesar de rozar no obsceno e no repugnante, alcanzando prezos que parecen insultantes, pénsese no caso de Hirst, Schneider ou Richter, sen que, por favor, se me interprete que os meto aos tres no mesmo saco.
Eu tamén estou farto de ver non só in situ senón reproducido nos medios o feísmo ou as chapuzas máis variadas coas que nos regalamos a diario no rural galego. Por suposto que coñezo xergóns facendo de tapias, metálicos oxidados actuando como cancelas, bañeiras retiradas do baño agora servindo de bebedoiro para os polos ou as ovellas no medio de prados verdes e mesmo cilindros de aluminio das lavadoras servindo como harmónicos capiteis en columnas de entrada á morada familiar. Iso e máis a desfeita urbanística consubstancial coa nosa desordenada ordenación do territorio proporcionan unha paisaxe estragada e de pésimo gusto, sobre todo no medio dunha natureza tan rica e fermosa. Mais, dado que ningún goberno nin administración, nin educación nin ridiculización desde distintos medios calman esta necesidade -eu creo que xa verdadeiramente artística e creativa- de innovar día a día, creo que o máis beneficioso sería darlle a volta á situación. Non nos lamentemos, non nos riamos de nós mesmos. Convertamos todo iso do que nos avergonzamos en provocación estética. Provocación utilitaria, creación de subsistencia con enxeño e vontade de rebelarnos. Tal e como permanece a tendencia a guindar coches vellos entre silveiras, non parecería tan estúpido intentar converternos no país museo no que se pode contemplar o derrube do rural baixo a provocación artística máis atrevida. Se cadra todo está en inventarnos un nome que lle acaia ao asunto, e así como o Realismo Capitalista conquistou aos críticos máis severos, puidera ser que a nosa paisaxe, á que poderiamos bautizar como Realismo da Desfeita Rural, adquirise a categoría de manifestación artística por antonomasia do século XXI. Habería que ir pensando na maneira de cobrar por velo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.