sábado, 14 de enero de 2012

A BOA IDEA DE PAGAR IMPOSTOS

Sabido é que existen ideólogos, disque ben informados, ao parecer fundamentados en estudos incuestionables, que prefiren convencer ao cidadán de que iso de subir (case pagar) impostos é un atraso. Anúlase a dinámica espontánea do crecemento, os cartos van parar as mans do público, mans corruptas ou que malgastan, polo que o aconsellable é reducir os impostos ao mínimo, a liberdade de cada quen sempre saberá mellor qué facer cos seus cartos ca os pésimos xestores do común que sempre o dilapidan ou utilizan para trapalladas inmorais. Bebedores desta ideoloxía, os pensadores do actual goberno, mentres martelaban para derrubar ao anterior , fartáronse de consagrar a bondade de nunca subilos, baixalos como primeira medida, para que se revitalizase a economía e medrase o emprego. Como a realidade é gurrona e a herdanza deixada polos ineptos anteriores (estaba cantado) é moito peor do imaxinado (e mira que imaxinación para o desastre sempre demostraron a esgalla), agárranse a iso agora para ir contra as súas propias receitas e tomar como primeira e estelar medida a suba dos impostos. Alédome en grande maneira deste cambio da dereita. Eu son partidario de que existan impostos e de que se paguen. E de que estean equitativamente deseñados. Porque o miolo do asunto está sempre no mesmo: cómo se reparte a carga dos impostos sobre o contribuínte, o seu cobro rigoroso e a persecución do fraude, pois se estas tres leis básicas non se cumpren, falar de subir ou baixar pode resultar sumamente confuso (se cadra por iso oímos alternativamente e sen miga de contradicción, tanto pola dereita como pola esquerda, que subilos ou baixalos é patrimonio deles). Sen caer no imposible nin na demagoxia de que paguen só os ricos, o que non casa é que os impostos recaian sempre sobre unhas clases medias e baixas que soportan o peso fácil do control da recadación. Por iso ao tempo que me aleda que a dereita recoñeza que non só con austeridade se sae do pozo, senón que cómpre ingresar máis, tamén me entristece observar que os que pagamos somos sempre os mesmos: asalariados de nómina á vista, baixiña e nunca escandalosa, por outra parte, disque, os culpables de que os Estado tire con nós os cartos máis improductivos. Pero como doutores da economía han ser quen discutan e afinen nunha equilibrada e xusta reforma fiscal (coido que imprescindible), eu só aproveito o motivo que este cambio súbito sobre a suba de impostos me dá (disque momentáneo e, xa se dixo, motivado polos estúpidos gobernantes anteriores) para solicitar algo que considero esencial nunha sociedade moderna e que pretenda un grao maior de vida: a educación sobre a bondade de pagar impostos. Non, non se me mal entenda. Cansado eu de criticar que se leva á escola (como materia académica, enténdase) o afán por educar na circulación viaria, no sexo, na igualdade de xénero, nas drogas, no consumo racional, no medio ambiente, na solidariedade internacional, na grandeza da democracia do 78, na alimentación saudable e todo canto asunto politicamente correcto se lles veña á cabeza, non serei eu agora partidario de engadir unha materia máis: educación para os impostos. Non. Pero si, desde as institucións, creo na conveniencia, ademais dunha mostra de responsabilidade democrática, martelar con constancia e claridade na bondade de ser responsables pagando os impostos. Non se me escapa que aínda quedan colectivos partidarios de facer o ben repartido a capa cos pobres como disque fixo San Martiño ( e benditas sexan as axudas xenerosas para os desherdados), pero unha sociedade moderna e xusta non pode seguir contando só coa iniciativa privada na caridade. Os países realmente avanzados e máis equilibrados son aqueles que teñen unha conciencia de responsabilidade na obriga de pagar os impostos, que admiten e interiorizan os beneficios de contribuír equitativamente ao ben común e que recoñecen a culpa moral por defraudar tal obriga. O prezo que debemos pagar por ser máis civilizados, por organizarnos mellor é pagar impostos. O goberno que realizase unha campaña continuada e rigorosa concienciando aos cidadáns da necesidade de pagar impostos e da vergonza que suporía ser un defraudador estaría colocando os primeiros chanzos para unha reforma equilibrada e valente dos mesmos. Nada é imposible, miren para atrás e pensen nos cambios producidos nos cidadáns respecto á bebida e conducir, o consumo de tabaco en lugares públicos ou outras condutas que calquera pensaría inmodificables non hai tanto. A ver se a este goberno, co gallo desta temporal necesidade da suba do IRPF, se lle dese por concienciar á poboación dos beneficios de pagar impostos. Para ir comezando, non estaría mal, e non?

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.