martes, 20 de mayo de 2014

CANTANDO AOS NOVENTA


AZNAVOUR

ASÍ CANTABA AOS OITENTA EN PARÍS. O PRÓXIMO 26, CUMPRIDOS OS NOVENTA, CANTARÁ NO LICEO DE BARCELONA. CANTAR É VIDA. 

domingo, 18 de mayo de 2014

SEN CASA, SEN TRABALLO E...


SEGUEN sen casa, sen traballo e ... sen ter a quen votar. Xa sei que o seu slogan varía: que seguen sen medo. E será certo, sen medo, pero sen organización nin medios que transporten esa valentía ao campo da eficacia. Porque de nada pode servir unha protesta xustificada, ocorrente e sen medo, se non atopa canais que a transformen en medidas realistas e eficaces, que se opoñan ao curso que segue a vida política no país. No momento presente contamos cun exemplo vivo. Como se reflicte nas votacións europeas este desencanto xustificado? A quen votarán estes que conmemoran o movemento que hai tres anos parecía dar algo de esperanza aos desesperados?
Supoñendo que os dous partidos maioritarios non contan co seu voto, a quen elixirán de entre as ofertas múltiples para que os represente en Europa, centro do que haberían de partir as medidas correctores que nos dirixisen cara outro destino? A Pablo Iglesias? A Elpidio Silva? Ao partido X? A Iu? Aquí en Galicia a Lidia Senra? Aos nacionalistas? Se o voto deste colectivo non atopa posible concreción, con que ganas podemos agardar transformacións que realmente incidan na vida social? Hai tres anos, cando tódolos medios se sorprenderon e deitaron falando do movemento 15-M, os máis perspicaces analistas xa adiantaron que todo se convertería en fume se non optaba por outros métodos. O asemblearismo, certa anarquía de base, a carencia de líderes, a falta de distinción clara entre a palla e o grao prexudicou a credibilidade e proxección do colectivo. Moitos que ao principio se entregaron con fe, axiña se desencantaron ao non ver posibilidade de aplicación. Por detrás, os partidos de sempre, expertos no único que saben, axiña trataron de aproveitar e desactivar o movemento. E así se foron dispersando cara outras actividades sociais, a preguiza ou a resignación. Está ben que agora reaparezan e nos recorden que non teñen medo, pero é que non chega con non ter medo. Non teñen medo os imprudentes, os temerarios e os fanáticos. Ningún son modelos que callen nas nosas sociedades. Sería bo que estes resucitados con causa se arrimen a métodos e líderes prácticos que permitan levar á práctica algúns dos seus principios. Do contrario, seguirán celebrando os cabodanos na Porta do Sol, pero o PP e PSOE dirixiran en Europa e en España os pasos da recuperación, e dicir: sen traballo e sen casa.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

MATAS, PERO O ODIO PERMANECE

O malo do odio é que matas á persoa que cho causa e o odio permanece, revírase, retórcese coma unha víbora e continúa dentro de quen o padecía. Hai odios que ben alimentados, cultivados debidamente, dan forzas incluso para matar a alguén. Para asasinar. Para planificar con calma e meditación a desaparición dese ser que consideras o causante da poza na que te mergulla odiar. Porque o odio adquire unha potencia extraordinaria a medida que vai fermentando, que vai medrando coma un tumor que se reproduce desordenadamente. O odio vive ben en comuñón con outro que padeza do mesmo veleno. Ente dous en sintonía pode medrar ata os límites que marcan a piedade e a compaixón. Non digamos se entre eses dous existe unha relación materno filial. Unha nai e unha filla odiando a un tempo poden acabar atrapadas nunha nasa de obcecación e friaxe difícil de explicar. Por iso o suceso que coñecemos estes día sobre o presunto asasinato por parte dunha nai e filla en León non é froito do desespero, da miseria, da fame, da falta de saídas diante dun momento insoportable. Polo que se coñece e sospeita, nada indica que esa parella de presuntos planificadores da morte doutro ser humano actúen por vivir no límite do soportable, por ver morrer de fame aos seus fillos, por padecer un vivir miserable e vergonzoso imposible de levar. Máis ben ao contrario, son persoas que poderían gozar dentro do momento actual dunha situación estable, dun aceptable confort. Non cómpre para o caso a explicación de momento social a piques de romper augas, enfermo de explotación e desigualdade. Poderiamos estar pasando pola situación de maior crecemento económico, de maior reparto social, das mellores condicións laborais para os traballadores do país, e, polo coñecido, repito, a presunta asasina e acompañante de León, padecerían do mesmo odio que motivou tan dramático resultado. A causa que aniña e dá fortaleza para usar unha arma e rematar ben á vítima bebe do odio irracional que se cultiva no silencio e nas augas do rancor. Por iso non procede sacar conclusións de tipo social neste suceso. Nada ten que ver co padecemento de millóns de familias invitadas ao desespero, á rabia, pois estas son moito máis pacientes e resignadas. Moito menos coa visión que se ten do políticos ou a idea aceptada de que contra eles todo está permitido. En absoluto mantén a máis mínima relación o acontecido en León con estas xustificacións. As presuntas asasinas funcionan polo motivo que sempre serviu á humanidade para desfacerse do outro: o odio, a envexa, o rancor, o medo. Non se apoian en ningunha lei das que polo contexto social podería explicar a tolemia ou as ganas de vinganza de quen se cre desprezado, humillado e abandonado polos seus semellantes. Esa resposta puidera darse se as condicións se manteñen e non se alivian en algún momento, pero polo visto, a agresión de León para nada responde a estes parámetros senón ás da simple vinganza por odio que reborda, por rancor imperdoable. O malo do odio, como dicía, é que matas á persoa quen cho causa, pero el segue vivo, doente, imparable. O odio nada por riba de todo lixo. Ese é o seu gran poder. Non somos quen de desfacernos del de maneira tan doada. Non basta con aniquilar, rematar no chan, mesmo facer desaparecer ou mergullar no fondo do mar a quen cres que é causa da túa desazón. Por máis que mates e remates, que logres aniquilar unha vida, o maldito odio permanece en ti, non marcha, non desaparece a canda aquel que un consideraba a súa causa. Esta é a traxedia de quen se deixa dominar pola súa pezoña. Un engano máis da trampa que se deposita no noso interior ao ser dominados por el. Se nos deixamos conducir polas súas habelencias, acabamos desnortados, arruinados mentalmente, confundidos e impulsados cara os peores actos sen a máis mínima compensación. Esa é a gran maldade que vive dentro do odio: conducirnos a camiños sen saída facéndonos crer que así desaparecerá, cando non. Non se vai. Continúa a canda nós apegado á silveira de consecuencias desastrosas que se derivan de seguir os seus consellos. O odio é malo e mal conselleiro. Ruín. Sucio. Fai que podrezamos no noso interior, que perdamos os principios máis firmes que deberían vivir en nós só pola engano de que desaparecerá se lle facemos caso. Pero é un tramposo. Un mentirán. Condúcenos sempre a camiños mortos, máis negros, sen solución para a súa sedutora rabia e desexo de vinganza. É mal conselleiro e pésimo acompañante o odio. Malo de arredalo de nós. Pero o peor que pode conseguir é meternos na trampa de facernos crer que por alimentalo e facelo máis grande e máis audaz vai desaparecer. Nunca cumprindo os seus mandatos nos liberaremos das súas garras.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

lunes, 12 de mayo de 2014

O PASEO

A non ser que sexan froito dunha enxeñería estatística insoportable, sempre me aledarei de que o número de parados descenda, por poucos que sexan, e os afiliados á seguridade social aumenten. Non me gustan esas argumentacións interesadas que agochan no fondo o desexo de que todo siga peor para a ver se así atopan oportunidades, que foi o que o PP fixo durante a oposición. Certo que a relatividade dos números e a perspectiva desde onde se mire transforman a realidade máis do que pensamos, pero por algo hai que comezar, e sabendo que estamos a falar dun 26% de paro, que haxa algún síntoma de que se cambian as tornas nunca mal se debe recibir. Con todo, é dunha tristeza inmensa que nos conformemos e deamos por sentado que chegar ao ano 2020 cun 21% de paro sería unha boa noticia. As aspiracións recórtanse tanto, o medo a que todo sexa aínda peor é tanto, que aceptaremos polbo como animal de compañía si ou si. 
Mais aceptado que non hai traballo, o que si nos quedaron da época da festa rachada na que se gastaba por riba das posibilidades, tal e como o novo catecismo de Astete nos ensina a memorizar, son uns paseos marabillosos. Por pequena que sexa unha cidade ou vila seguro que conta cun paseo á beira dun río, do mar, dunhas xunqueiras, como nunca tal se vira. Hoxe entra unha miga de sol polo noroeste e os parados e xubilados, enfermos e previsores, todos nos encontramos no paseo, cheo acugulo, onde latricamos contra o paro, a corrupción, a desesperanza dos mozos, o temor dos pensionistas, a falta de respecto e cordura que nos invaden. Os paseos da época de bonanza son agora lugares de terapia nos que o corazón se reviste de fortaleza pisando forte e a tristeza resiste na compaña e comparanza de que non somos os únicos: todos teñen un fillo na casa, todos teñen un familiar no paro, todo teñen a alguén con 50 anos que xa non conta poder regresar á vida laboral, todos teñen pais ou nai enfermos e con necesidade de coidados, todos soportan a calamidade da precariedade compartindo as desgrazas e penalidades paseo vai, paseo vén. Pernas e lingua serven para conformarnos, para alivio e esperanza do que antes do paseo todo parecía un futuro de sombras negras. 
Os negocios de hostalería á beira do paseo agardan coma auga de maio os primeiros raios de sol. Algúns paseantes aínda poden permitirse unha cervexa, un refresco, un xeado para o neno. Saen do circuíto durante un tempo para darlle un pouco de vida ao negocio que leva todo o inverno sen poder colocar unha mesa na terraza e aproveita para aledar con música e sorrisos esta chegada do maná de verán que pode recompoñer a feble contabilidade do ano. Son estes os que se cadra necesitan por unhas horas a alguén que sirva no exterior, polo que os contratos intermitentes e precarios son marabilla á que non se lle poden esixir exquisiteces, tal e como algún empresario valenciano nos ensinou. O próximo capítulo de Astete está cantado: hai que conformarse, catrocentos euros son máis ca cen, dous días de traballo á semana non se deben desprezar, firmar un contrato por tres días non supón ningunha humillación, vivir na inestabilidade e no límite da resistencia é de heroes que non se andan con milongas nin exquisiteces de nenos consentidos. Din ben quen nos están dirixindo: un paro do 21% para dentro de seis anos é mellor noticia ca se pasaramos ao 27% ; gañar 700 euros despois de seis anos de formación non supón ningunha frustración, os tempos cambiaron; repartir a vida de traballo entre tres cidades distantes a cen quilómetros de distancia, sen boa comunicación ferroviaria e cuns prezos de autoestrada prohibitivos, chámase mobilidade laboral; pensar na posibilidade dunha representación para garantir unha dereitos mínimos e pulverizados equivale a vivir no século XIX... En fin, que aceptar a realidade tal se vai poñendo é de intelixentes; criticala e rebelarse é de estúpidos antisistema, fracasados sen perspectiva, amantes da subvención e do traballo inútil. 
Os paseos foron un éxito. Agora andamos por eles á velocidade que nos indican as mellores cabezas na prevención saudable, medimos os quilómetros que andamos ao día, atopámonos co grupo de xubilados ou parados de días pasados e dámoslle á lingua coma se estiveramos arranxando algo cando en realidade sabemos que é un falar baleiro, ineficaz, que de nada servirá cando o día das próximas votacións para que nos representen na configuración da nova Europa se comprobe que os resultados son os de sempre: o partidos que nos trouxeron ata aquí, os máis corruptos, os máis estáticos, os menos capaces de atopar unha saída á situación (agás que aceptemos por saída isto que eles nos venden como tal) serán os que reciban os nosos votos de mandato. Eles volverán a Europa a xustificar as desigualdades, a manter privilexios, a cambiar con conta gotas algunha lei e a continuar, coma nós no paseo dándolle a lingua, viaxando en primeira e con dietas substanciosas arranxando o que non queren arranxar.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

OS XEFES


A FOTO esclarece máis ca tres mil caracteres. Todos con traxes á medida, con gravatas caras, contentos e satisfeitos. Isto vai ben. Por iso se reuniron con Rajoy, para darlle azos e que continúe pola boa senda. Os cambios, se han de ser, na liña xa iniciada. Alierta, Isla, Botín, González e todos eles, posan satisfeitos porque á fin vese o éxito das medidas adoptadas. E agradécenllo como se merece ao presidente do goberno. Sobre todo Botín, xunto con don Isidoro o único que, cambiada a roupa e retirado o pesado reloxo que lle cae no pulso, podería pasar perfectamente por alguén que vén de facer un bo trato na feira. Botín, ao contrario que outros lambidos, mantén unha estrutura ósea de labrego, pasaría por tratante de vacas, porcos ou bestas. Pero non. É dos xefes un dos principais. Cos súa gravaba vermella símbolo do seu imperio, encárgase de felicitar ao presidente cunha satisfacción enorme: parabéns, presidente, continúe así, nós xa regresamos á senda da ganancia escandalosa e a partires de agora podemos falar de medidas para que os catro imbéciles que tiran pedras ás nosas cristaleiras se tranquilicen e pasen a formar parte da tropa de resignados.
Así se rin todos, especialmente os bancos despois de recibir axudas ás que nunca se fai referencia porque eles presumen de saír polo seu propio pé. Todos son homes. Nin unha muller, será que aínda non están preparadas... Eles gobernan na sombra, eles si que poden meter medo e chantaxear, por iso convén mantelos satisfeitos e nun nivel óptimo de ganancia. É a única posibilidade de saír desta desfeita, pensa Rajoy, fanlle crer eles, por iso compensa retirar cartos a xubilados, estudantes, enfermos e dependentes, eles non nos ían sacar da confusión. Os xefes si. Porque os xefes teñen remedio para todo:saben gabear polo fío fronteirizo do legal coas súas contas nos refuxios fiscais, conseguen que todo goberno os libere de pesados impostos, manteñen soldos irritantes, manexan os fíos con tanta seguranza que nada os atemoriza. Os mesmos desta foto convenceron a Zapatero para que dixese que tiñamos o máis seguro sistema bancario do mundo. Eles mesmos saíron na televisión para nos tranquilizar: todo ía ben, os bancos eran seguridade pura. Despois pasou o que pasou e agora aí os teñen todos cheos, sen a máis mínima mala conciencia, orgullosos: esa é a característica principal dos xefes.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

domingo, 4 de mayo de 2014

CÁNTICOS DO TRIO FAMILIAR


XA lles contara que a min prestábame durmir pola vella. A veciña do piso de enriba tivo un bebé e cos seus aaa aaá, aaa aaa aaá, á, adormecía na nena e en min de marabilla. A pesar dos múltiples métodos que hoxe aprenden as xoves mamás, esta, que tamén o é, prefire ir pola vella e cantarlle e arrolar na nena para que durma. A min tamén me prestaba, polo menos mentres estiven coa quimioterapia. Agora que rematei, non sei se polo meu estado ou por algunhas transformacións que lle imprimiu a mamá aos cantos para durmir na nena, a cousa non funciona tan ben, nin coa pequecha, nin comigo.
Desconfiei do método unha tarde na que a mamá decidiu empaquetarlle con todo o seu amor Como una ola de Rocío Jurado á pobre da nena. Por suposto esa tarde non houbo sesta para ninguén. Desesperou, regresou ao aaa, aaa, aaá, á, e despois de moito traballo conseguiu durmila uns minutos, pero de seguida, tal vez coa voz lancinante e tan fresca da ola, a nena espertou feita unha furia. Tardou aínda ben tempo en acalentala. Eu xa non durmira e non me molestou o espertar rabudo da pequena. Certo que non persistiu nesa liña de cancións tan ardorosas e potentes - a nai é lista, aprende axiña- e mantívose no seu rexistro anterior que funcionaba. O malo é que a nena aprendeuno -é tan lista coma a nai- e agora canto máis berra a nai, máis a nena, coma se competisen a ver cal das dúas deixa a súa voz por riba da outra. Co que os aaa, aaá, resultan unha algarabía impropia de quen pretenda unha sesta reparadora. Pero así me fun afacendo ás competicións entre nai e filla, polo de agora vai ganando a filla, a ver quen berra máis alto e máis tempo. Pero aínda peor é que nestas circunstancias a nai acaba por desesperar, pide axuda ao compañeiro, únese tamén el, e entre os tres, durmir a nena non dorme, eu tampouco, pero a ninguén se lle ocorrerá pensar que vive nun edificio aburrido. O trío da familia harmoniosa insiste ata que, por desespero e para librarse de tanto canto, a meniña acaba vencida e ben durmida. O que non pego ollo son eu. Despois de tal concerto non atino a pillar o sono nin acolléndome á tristeza, remedio que lles recomendo aos insomnes máis rebeldes, polo que xa estou no plan de tomar a determinación de suprimir a sesta. Levo tres días sen ela e aguanto coma un machiño. Coa vantaxe de que aproveito máis as cantigas do trío familiar.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

A HEROICIDADE DE SER NAI

Estes gobernos aos que se lle enche a boca falando de familia, non entendo como poden permitir que o grao de conciliación maternal e laboral chegue ao estremo da heroicidade. Para dicilo doutra maneira: ser nai hoxe neste país é unha heroicidade absoluta. Non só pola falta de axudas e incentivos para que unha muller poda sentir o desexo de ser nai en condicións de tranquilidade e seguranza, senón xa máis polos impedimentos que ser traballadora (se ten tal fortuna) lle esixirá á hora de conciliar ambas actividades ás que ten todo o dereito: a crianza e o traballo. Fuxamos dos casos peores que son os máis abundantes, vaiamos aos afortunados: muller estudada, ben formada, médico por exemplo, con un nivel de esixencia para acceder aos estudos dos máis altos que se coñecen, carreira de seis anos non para vagos, exame de MIR e os complementarios de formación como residente. Ben, despois de todo este período de formación, se unha muller quere ser nai ve que xa os tempos son chegados, non se pode agardar máis. Que pode ocorrer se decide ter un fillo no fin do seu período de formación? Que a administración lle ofreza para non quedar non paro un traballo do máis precario que se pode coñecer: gardas de 24 horas con aviso non último momento, viaxar por un día ou dous a ambulatorios limítrofes da cidade na que vive, contratos case diarios, entrar nunha roda de chamadas para exercer a contagotas, nas peores condicións, sen posibilidade de programación e coa advertencia de que se rexeita algún dos ofrecemento pode quedar fóra do circuíto de traballo que a administración ofrece aos seus máis cualificados cidadáns. Será que falta flexibilidade laboral, por iso o mercado non pode ofrecer mellores opcións, haberá que seguir coas reformas en profundidade para que volvamos á praza do pobo e o capataz elixa á xornaleira que lle interesa para o día? 
Que ganas pode ter unha muller de ser nai vendo estes panoramas? Porque, utilicen a propaganda que utilicen, a realidade imponse e as mulleres ven o que ocorre. Saben que en canto quedan preñadas aos patróns éntralles un certo tremor polos ósos, comezan con ofertas de suprimir vacacións e incorporarse antes tempo, anular o contrato e pasarte ao paro por uns seis meses a ver se logo se pode facer outro, e todo tipo de trapalladas que na realidade se practican sen o menor rubor. A muller que ten a sorte de traballar experimenta o incomodo que supón para o mundo laboral a súa liberdade de optar pola maternidade. Non é, como ironizou o deputado Jorquera, que ás galegas lles guste ou non o sexo. Sexo e maternidade son cousas distintas. Alguén pode ser doente polo sexo e non ter a máis mínima intención de ser nai, está no seu dereito. O problema radica en que para optar por unha maternidade ou paternidade responsable han de darse unhas condicións de vida que cada vez son máis unha fantasía que unha realidade. A nai non ben acaba de parir, sen rematar de destetar ao neno, debe regresar ao seu posto de traballo duro, complexo e imposible de conciliar co desexo de cumprir como nai. Esa reforma laboral tan útil que promete para o 2017 estar no 20% de paro, permite sen embargo que a mobilidade e condicións laborais desanimen para ter fillos e converten a quen os teñen en auténticas valentes do momento social. Estráñame que a Conferencia Episcopal, tan atenta sempre á familia, apoie descaradamente a gobernos que tan pouco ou nada fan pola familia. Ela, a Igrexa, sempre tan vixilante de calquera problema de familia ou defendendo a vida dos fetos, non entendo como non se empeña en denunciar e esixir con idéntico ardor unha transformación nos hábitos laborais do país en favor da familia e da vida. Se puxesen idéntico esforzo por isto que por manter a relixión como materia avaliable no ensino, maldito como non andaría con tantas alegrías o goberno maltratando as recentes nais. 
E miren que estou falando das privilexiadas, das que contan, por ruín que sexa, con algo similar a un traballo. Imaxinen entre esas familias nas que a maioría están en paro, esas nas que os xubilados manteñen a fillos a netos, esas nas que as parellas se ven obrigadas a regresar á habitación de solteiro dun dos membros, esas que desanimadas e comidas polo fastío xa nin contan como aspirantes a traballadoras. A poboación activa diminúe por cansazo. Quen leva máis de tres ou catro anos perdendo o tempo con visitan ao INEM, acaba por mandar todo a paseo e, ou se deixa vencer polo desánimo, ou opta por buscarse a vida sen lle dar explicacións a ninguén. Este goberno vive de maldicir a herdanza recibida e da propaganda de que imos polo bo e longo e lento e desesperante camiño, pero a base de propaganda son capaces de nos facer crer que se as mulleres non teñen máis fillos e porque son unhas desnaturalizadas que non gustan da maternidade. Son capaces, en fin, do que se propoñan, de momento de nos facer crer que imos ben cando incrementaron o paro e a desigualdade dunha maneira vergonzosa.




PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA