domingo, 5 de marzo de 2017

CHULERÍA INXUSTIFICABLE

HABITUADO A que nunca pase nada que lle prexudique, coma se todo estivese perfectamente ensamblado para favorecelo, Rajoy estase pasando de altivo. Convencido de que a situación económica mellorou máis do imaxinado, que os partidos contrincantes se esforzan por matarse mellor e, sobre todo, amarrado ao comodín de que se non se adaptan convoca eleccións, o que todo máis temen, continúa actuando coma se contase coa maioría absoluta. Nin Bárcenas nin Correa, nin Rato nin Blesa, nin Mato nin Granados nin Marjaliza lle crean a máis mínima inquietude. Todo vai desaparecendo no fume do tempo, entre alfombras de xulgados, ata que ninguén lembra o cheio máis pestilente. No hai corrupción que lle cambie ese aire marcial adestrado na Ruta da Auga, ni esas frases lapidarias coas que nos tranquiliza a todos, pois xa se sabe que todo na vida ten cousas boas e malas. Sabe Rajoy que o tempo tritura ata o último rancor e por iso non se inmuta. Tampouco lle preocupa que Cospedal acumule cargos, nin que os votos que mantén sexan máis por pasiva resginación diante do malo coñecido que polo atractivo que el ou partido poidan suscitar. Segue co piñón fixo, nunca afogándose, e sempre ameazando con sacar de debaixo do sombreiro unhas eleccións que por suposto el non quere pero non ten máis remedio que, polo escaso patriotismo dos contrincantes, convocar. Xa lle gustaría a el manter a estabilidade para confirmar a melloría económica, pero estes partidos que non son o del, todos sen excepción, só buscan a perdición de España e por iso el, responsable, serio, con sentido común, como lle gosta á maioría dos españois, se ve obrigado a convocar unhas eleccións que demostrarán quen está na verdade.

Esta estratexia vénlle funcionando dende hai anos, pero todo muda, incluso a súa sorte. Que no se fíe. A economía, que non depende prácticamente de nada do que el fixo, o mesmo que se lle puxo algo a favor, pode no momento menos esperado, virar e torcerse bruscamente. A débeda da que nunca fala nin el nin os seus compiches económicos pode causarlle un desgusto cando menos pense. E a situación internacional non está para andar con demasiada arrogancia. Pero é que, ademais, non dá entendido que estar en minoría non permite tal petulancia. O seu grao de desprezo por Ciudadanos está chegando a un punto no que causará resentimento, e iso sempre trae malas consecuencias. Xoga cunha arrogancia e chulería impensable en quen depende deles. Intentará trasladarnos a imaxe dun Rivera brando e merengue incapaz de enfrontarse a ninguén, pero tal propósito pode esbourarlle nos fociños. Ninguén, por medo que lle teña ás eleccións, está disposto a padecer humillacións tan evidentes. Tanto el coma os seus colaboradores mostran unha seguridade excesiva en que ese partido pequecho e indefinido, non ten media labazada. E se cadra acertan. Pero se cadra non. Non hai peor enimigo que un débil humillado. E como Ciudadanos se canse dos seus desplantes, xa o vexo convocando eleccións. Certo, argumentarán os seus defensores, que nada pasa por convocalas, máxime atendendo a que Pedro Sánchez non parece aínda morto de todo. Par eles que Sánchez volvese á secretaría do PSOE podería celebrarse coma un inmenso e inesperado regalo. Mais tamén aí poden equivocarse, se realmente Sánchez regresase - por máis que todos os escribidores que len as pisadas dos polos en clave PP insistan en que ese irresponsable e inepto perigo estatal nunca resucitará- , non sería o mesmo de antes das estocadas recibidas. Claro que sempre atoparía en Unidos Podemos un firme apoio para a súa estratexia, tan torpes como insistentes son estes politólogos de departamento que se converteron no mellor alimento de Mariano Rajoy.

Seguro que apenas lle preocupa ao presidente esta actitude na que probablemente nin se fixe nin, tampouco, lla fagan ver os seus asesores. Pero non lle arrendo as ganancias se persiste nela. Porque non se trata xa de que non sexa elegante nin agradecido nin respectuoso con quen lle permite gobernar, é que os está desprezando abertamente, á luz do día, cunha indiferencia e chulería extremas. Se os que con el firmaron un acordo de gobernanza espertan e deciden non pasar polo aro da súa soberbia e comezan a buscarlle as cóxegas, seguro que llas atopan. Aínda non vin presidente ao que non se lle dean atopado as debilidades, e Rajoy, por máis que nos venda a súa seriedade, con esta altiva maneira de gobernar en minoría, só demostra os malos cálculos de aqules que se ven elevados por adulación á crenza da inmortalidade. Se cadra inflúe neso estar tan cerca de María Dolores de Cospedal, muller acaparadora de cargos tamén convencida de que con ela non pode ninguén, ou de Rafael Hernando o máis chulo do Parlamento e do barrio. Claro que a chantaxe das eleccións non é un farol. Se as convocase, o que menos perdería sería el. Aínda así, non se xustifica tanta chulería e pode pagala cara.

sábado, 4 de marzo de 2017

SOMOS OS MELLORES

EN España non todo é corrupción e insolidaridade. Pareceríao se nos deixásemos levar polo frenesí dos titulares dos medios de comunicaicón, pero a pouco que reflexionemos dámonos conta de que hai motivos para a esperanza e para o orgullo. Un deles, admitido e proclamado en todo o mundo, é o sistema nacional de transplantes, lider mundial, a moita distancia de EEUU e Francia, países que nos seguen. Dende hai 23 anos, España supera a tódolos sistemas sanitarios do mundo en canto a doacións, transplantes e reducción de tempo de espera. A clave do éxito está na xenerosidade das persoas, nos médicos encargados de explicar o seu funcionamento e, sobre todo, en lograr que o Estado e non organizacións voluntaristas se ocupen desta delicada decisión médica.
Porque as persoas poden ser moi xenerosas, pero, tal e como di a alma desta organización, o Dr. Matesanz, se o poder público non garante que donación tan altruista resulte ben administrada, xustamente aplicada e sen a máis mínima dúbida de como é o proceso que segue o corazón ou pulmón que un dá para salvar a vida de alguén, o donante acaba por frustrarse e desistir. A clave estivo na confianza no sistema. Os españois comprobaron que a celeridade, os especialistas sanitarios e todo o complexo montaxe da doación estaban ao servizo de salvar vidas de maneira equitativa e sen privilixios. Nada anima tanto á xenerosidade como ver que a eficacia se traduce en salvar vidas. Isto demostra, en contra dos amantes das privatizacións contra vento e marea, que non é certo que todo o que cae nas mans do Estado funciona peor. Se non fose un organismo estatal, nunca durante tanto tempo estariamos á cabeza do mundo en transplantes. Porque hai asuntos que á economía privada non lles interesan, o se o fan, non é para ser xustos, senón para sacar moito rendemento, o que case sempre leva aparellado un desprezo polo máis débil. 
Agora abandonou a organización o Dr. Matesanz. Segundo as súas declaracións, podemos manter o optimismo. O engrenaxe do sistema está perfectamente aceitado. Sen dúbida a súa entrega a esta causa foi determinante, mais el confía en que, non sendo ninguén imprescindible, as trabes mestras encofraron perfectamente. Sen embargo, prevennos dun perigo. Se o sistema funcionou ben foi porque imperou a solidariedade e non a competencia cazurra. Esto funcionou porque as 17 comunidades autónomas foron ao unísono. Quen o suceda deberá ter un tino exquisito para que ningunha comunidade pense que indo soa lle vai ir mellor. 
O que contradí outro mito extendido de que todo o descentralizado funciona mellor. Non é certo. Todo o descentralizado funciona mellor para os que gozan de privilexios, nos casos en que deba imperar a solidariedade o idóneo é a colaboración e equilibrio entre todas as comunidades. A idea de tirar cada un polo seu só favorece a quen, por pura deslealdade, acocha no seu interior a pretensión de esgazar o Estado. Tanto en transplantes coma noutras moitas actividades, vai sendo hora de perder o complexo e aceptar que ido xuntos, vainos mellor.

lunes, 27 de febrero de 2017

OS ANOS OU DÍAS DO LIXO

         Miguel Delibes, referíndose aos últimos anos da súa vida, fartouse de dicilo: eran anos que sobraban, de lixo, inútiles. Instalado nunha depresión severa despois da morte da súa muller, sen ánimo nin forzas para escribir, dicía, nin unha cuartilla cun mínimo de coherencia e sentido, esgotado físicamente, despois deste punto sen retorno, aceptaba, non compensaba vivir. Segundo as súas manifestacións, en determinadas ocasións, alomenos no seu caso, non era preciso vivir tanto. Chega un momento no que  a vida está esgotada, non dá máis de si, xa cumpriu co seu obxectico e prolongala máis é un martirio innecesario. Lázaro Carreter coincidía con esta visión. Nunha das últimas entrevias que concedeu engadiu un aspecto ao dito por Delibes: ademais de ser anos de lixo, se un é conscienente, peor. Opinaba o profesor que, cando o deterioro físico é tan grave, como era no seu caso, e de nada do que un desfrutaba podía seguir gozando, a consciencia, ter a cabeza no seu sitio, lonxe de ser unha vantaxe, significa un serio inconveniente. Amargado e canso polo declive físico, Carreter preferiría non verse así, non experimentar en propia carne as miserias do declive do corpo, non ser consciente de que a vida podrece coma unha froita pasada de tempo. Verse así amargábao, iso non era vivir.
         No sentir popular, esta idea tamén está moi estendida. Co tempo que agora se vive, en situación limite por accidente ou discapacidade manifesta, non é raro escoitar nos actos de pésame oun enterro a frase que o resume todo: “Para estar así, mellor que Deus o levase”. E tal maneira se lle traslada aos seres queridos, non tanto por consolo, senón por puro convencemento. Xa non digamos nos casos extremos, aqueles nos que por enfermidades de aniquilación plena do eu, deixan ao ser  nun estado inconsciente, vexetativo, que mesmo fan dubidar filosóficamente  de se iso é vida ou non. Expertos en Alzheimer alertan que incluso estes enfermos máis deteriorados responden por momentos a estímulos de afecto, de contacto corporal, pero quen teñen que atendelos  desconfían de tales afirmacións. Desesperan diante da desorientación espacio temporal, das agresións ou prantos, da perda de control de moitas funcións parasimpáticas que fan do enfermo un ser desvalido, incomprensible, acabado. A compaixón, piedade e responsabilidade ética que nos distingue doutros seres vivos anímanos a coidar e tratar co maior respecto a estes enfermos, sexan familia ou por simple obriga profesional, pero cando a morte chama por eles parece que Deus entrou en razón e remata co calvario ao que todos estaban condenados, proporcionando un alivio coma se a morte, caso raro, fose unha bendición. Case coma un paradoxo: aquelo que máis tememos, o que nos impulsa a fabricar maior número de estratexias para distraela e aprazala, en determinados momentos convertese en algo polo que clamamos, supiramos, non experimentamos rubor en dicir: “ Se Deus o levase...”. Iso mantendo a conduta socialmente aceptada, porque se escaravellásemos no interior fondo e oculto o que lle escotariamos probablemente a moitos sería: “A ver se dunha puta vez morrese”.

           Prepararse para morrer non é asunto doado. Por iso  optamos pola evasón. O medo alimenta a incredulidade de maneira que estamos diante dela, da morte, e aínda non a vemos, tocámoslles case cos dedos e aínda non o cremos. Coma se na medida en que se aproxima, os autoenganos cos que comungamos, por débiles que sexan na súa argumentación, resúltasen relativamente tranquilizadores e fortalecedores da incredulidade. Ningún momento resulta adecuado para morrer. Sempre é cedo. Por iso son máis cribles e merecen atención esas persoas lúcidas e intelixentes que aceptan e declaran abertamente que sobran anos e chega un punto no que a morte debería estar máis atenta e presentarse sen tanta lentitude. Eses anos que moitos, de maneira consciente e voluntaria,  consideran inútiles, de lixo, enfróntannos a unha seria e irrenunciable decisón moral. Poderían optar por acurtar eses anos, días, do lixo? Deben as leis, respectando valores incontestables, definir as condicións nas que estas persoas poden libre e dignamente acabar cos anos do lixo? Non nego a transcendencia e finura coa que isto debería lexislarse,  moito máis se nos toca decidir por outros completamente incapacitados, perdida toda posibilidade de decisón propia. Pero a estas alturas, coas habilidades mecánicas que a tecnoloxía médica conta para prolongar o fío mínimo e último de signo vital, ás veces máis parece crueldade que defensa da vida, martirio que afán por curar, manter con vida a aqueles que padecen auténticos anos ou días de lixo, que sobran, que non aportan nin dan nada ao que foi vivir.

sábado, 25 de febrero de 2017

NOVENTA ANOS MÁIS

NOS medios está de moda falar de enfermos valentes diante da morte, sobre todo aqueles que pasan polo calvario do tratamento contra o cancro. Modelos, d­eseñadores, políticos e cantantes aparecen como loitadores contra unha enfermidade a cada paso máis frecuente, talvez porque vivimos máis. Eu non estou moito por estas valentías. Creo que situar a morte como asunto bélico non aporta gran cousa. Esta guerra está perdida. Padezamos ou non cancro, a morte ganará. Sabido isto, somos todos débiles, pouco esforzados, lacazáns que non poñemos da nosa parte para atrasar a morte? Se diso dependese... Quen sofre a gran inxustiza dunha enfermidade que anuncia a morte por entregas, que valentía pode demostrar por adaptarse á mala sorte por morrer a idade moza ou despois de acollerse aos avances médicos para retrasar ou mellor vivir os días que lle quedan? 
Máis que valentía entendo que o que nos corresponde é unha boa preparación para morrer. Preparación da que todos fuximos pola ilusión da inmortalidade. Ninguén dubida que a morte será o destino final entre este breve tempo de consciencia e a disolución final do noso eu. Pero a forza vital indúcenos a unha ilusión de inmortalidade na que nos instalamos ata que algúns padecemos o despertar brusco diante da confirmación científica de que as células aniquiladoras se están reproducindo imparables para acabar con nós en tempo contado. Este despertar dramático anula a ilusión de inmortalidade e sitúate na certeza de que vai ser, xa, pronto. 
Mais, aínda espertos, non valentes, os avisados de que os que morren non son sempre os outros, de que a gadaña agarda na volta da esquina, aumentamos a nosa incredulidade en proporción á cercanía do pasamento. Somos hábiles creadores de ardides, narcóticos misericordiosos ou estimulantes extáticos, como os califica J. Barnes, cos que distraemos a evidencia. Cada quen ármase dos propios narcóticos e, incluso ríndose da falsa ilusión de inmortalidade, acóllese á evasión como mellor sabe. Meu pai, que non é ningún heroe valente, camiño dos 91 –convencido de que eu, con 64, noutro tempo sería un vello en idade para morrer–, utiliza a ironía para se tranquilizar. Non para de anunciar que non perdeu a cabeza e sabe que o desenlace está a caer e irá pronto para o burato. 
Como dende a cociña se ve a igrexa e o cemiterio, mira dende a ventá e señala o seu próximo leito, sabe a quen terá por veciño e promete longas conversar con el. Así de simpático pasa gran parte dos días alimentando a incredulidade sobre a certeza que o ameaza. Pero nun destes días, despois de que lle dese un desmaio, trantando de convencelo de que a culpa non era do marcapasos, senón da súa excitación diante das visitas e do seu afán por se comportar coma se fose mozo, deixou de buscar excusas e parecía que aceptaba que era a vellez e nada máis a causa dos seus vaídos, co que conviña acatar o ditame fixo da inmiencia. Estando nestas explicacións, pensando que o tiña convencido, resaltado a gran sorte de estar lúcido e autónomo á súa idade, pregunteille que máis lle podía pedir a esta vida. Contestoume sen miga de ironía: “Vivir outros noventa anos máis”.

domingo, 19 de febrero de 2017

QUERO A CABEZA DE ÍNIGO ERREJÓN

VIN OUTRA vez nestes días a película de Sam Peckinpah titulada : “Quiero la cabeza de Alfredo García”. Unha película na que o estilo de Peckinpah imponse entre as paisaxes de México, a terrorífica aventura dun impulso vital apabullante e unha dose de violencia extraordinaria. Todo para indagar a fondo nas motivacións dos seres humanos, na ambición e na vinganza, no desexo e na morte. Unha película que os dirixentes de Unidos Podemos non deberían esquecer. Non llela contarei polo miúdo, pero para refrescar e saber de que vai, lémbrolles que abre o filme cunha imaxe case pastoril dunha rapaza que desfruta e soña cos pés metidos no río sobre o neno que leva dentro e remata co bautizo do mesmo entre unha “balacera” interminable ata que o canón dunha pistola asoma nun primeiro plano glorioso apuntándonos a todos moi de cerca. No medio, a vinganza dun rico hacendado mexicano disposto a dar un millón de dólares a quen lle entregue a cabeza de Alfredo García, o pai do que será seu neto. Detrás da cabeza de Alfredo García e dos cartos que ela representa vai a cámara durante minutos de suor, alcohol, moscas e sangue ensinándonos as contradicións do amor e os sacrificios da amibición.

A irrupción de Podemos en España é un exemplo de como o atrevemento duns politólogos de departamento universitario - lugar non que sobra tempo para aburrirse e dá pé a que se lle veñan a algúns ideas salvíficas á cabeza- , sabendo do descontento e da crise do país, ulindo o fastío de moita xente, pero sobre todo o dunha xeración que o recibiu todo para ver agora que se pode quedar sen nada, crea un partido que representa o espírito chamado do 15M. A planificación funcionou como ninguén sería capaz de apostar cunha rapidez e eficacia pasmosas, dignas de estudo para politólogos futuros en departamentos de políticas e tamén xa de polítologos en activo que reflexionan nos medios. En tempo de nada ascenderon case aos ceos e chegaron a crer a súa propia fantasía revolucionaria, talvez alucionados polas viaxes a Venezuela: gobernar nun país coma España, europeo, democrático imperfecto, pero xa asentado nas regras de funcionamento da UE. Cocidos neste éxito tan rotundo, reunindo ideas en círculos e profesando nunha democracia directa e nun compromiso ético ilusos, foron perdendo o sentido da realidade, o ulido, a humilade, e deixáronse vencer en tempo de nada pola ambición, a precipitación e o o non recoñecemento de que para a acción política estaban moi verdes, pois do departamento da facultade ás institucións hai un abismo. Lear con grupos dentro a universidade é un xogo de nenos que leron catro libros sobre revolucións comparado con ter que lidiar cos intereses tan variados que unha sociedade esixe ao goberante.

Avanzaron con iluisión e contaxio mentres descubriron os fallos e corrupcións dos outros, pero instaláronse nun limbo ético, nunha limpeza e perfección impropias da natureza humana e moito máis de calquera organización. Así, cando as tres ideas básicas que admite calquera non deron máis de si e ás primeiras de cambio experimentaron que tamén eles eran mortais, corruptibles, ambiciosos, traidores e ilusos, sacaron os coitelos e desenganaron para sempre a unha boa parte dos seus electores. Se cando estiveron en opción óptima de demostrar que eran humildes, recoñecían que os tempos non estaban chegados, era suficiente con pasar á oposición e colaborar incluso con apestados (Ciudadanos e Psoe) para aprender, para conseguir tres esixencias fundamentais e liquidar do poder á dereita, evitando unhas novas eleccións, outro galo cantaría. Pero engatusados por enquisas manipuladas, por opinións sesgadas, cegados pola cercanía do poder, incluíron no seu desprezo a todo o que estivese á súa dereita, co que recibiron o resultado merecido: estades verdes, muchachos, toca esperar. E o que esperarán. Non volverán a ter outra oportunidade igual. Pasoulles o sol pola porta. Aprenderán en cabeza propia e saberán que dilapidaron millóns de votos que nunca máis recuperarán.

No último congreso impúxose a cabezonería deste erro orixinal. Pagarán o seu pecado. Poden realizar o teatro que desexen, seguir utilizando as redes, tendo moitos seguidores nelas, parecéndolles que seguen sendo moitos e moi unidos. Espellismos do deserto. Quedarán reducidos a un partido de esquerdas minoritario, revoltoso, moi aplaudido polos seus, pero nunca máis con posibilidades de acceder ao poder, a no ser que nos futuros tempos parlamentarios aprendan que sós están vencidos. Os ganadores esixirán a cabeza de Errejón, e haberá que se atreva a mancharse de sangue para ofrecela en bandexa ao patrón, pero ao final, nunha auténtica “balacera” ao Peckinpah, acabarán morrendo tantos polo camiño que só quedarán catro pistoleiros sen pés nin cabeza. Que desfruten da cabeza de Errejón, será a súa última satisfacción antes da morte lenta.

sábado, 18 de febrero de 2017

COMIDA CON MAR DE FONDO

O RESTAURANTE ten sona na illa. Dirixido por un francés, sen que a comida sexa excepcional, o máis atractivo é a inmellorable situación da súa terraza enriba do mar. A vista, se o día está claro, tingue os ollos de azul. Na mesa da beira (a cada paso os restaurantes xúntanas máis, de maneira que invitan aos comensais a estar pendentes das próximas, xa non digamos se un é curioso case patolóxico), un home fala alto e sen filtro indicando na construción do seu español que é galego de fala. Xa máis cerca dos 60 ca dos 50, baixo pero forte, colorado de fazulas e nariz, mostra un torso de corpo esculpido polo traballo.
Non queda lugar á dúbida: eses brazos, ese tórax, non son de ximnasio nin de correr cos auriculares nas orellas, vese que houbo traballo de albanel, de cargar con pesos, de andar exposto ao sol. Dun moreno que regaña na pel, con pelo crecho, un bandullo considerable e a boca case sempre chea, non para de pontificar sobre todo o que se lle pasa pola cabeza. 
Non cómpre presumir de observador para deducir que é un dos moitos galegos que chegaron á illa na época de bonanza para traballar na construción, seguro que moitos dos edificios a medio facer que se elevan en outeiros mirando ao mar estiveron promocionados ou construídos por el. Viste unha camisa azul que talvez lle acaería ben se fose máis formal, pero así, aberta case ata o embigo e dobrada nas mangas por riba do cóbado, querendo aparentar mocidade, danlle un contraste chamativo. Come e bebe (albariño) con ganas e gozo. E fala. 
Ela non fala. Enfronte del, pero coa cabeza xirada cara o mar, a moza negra apenas proba bocado. De cada prato que o acompañante devora, ela proba sen ganas dous ou tres bocados. Mentres el manexa o garfo con violencia, ela, delicada, leva o seu á boca de vez en cando, desmotiva, e mira ao mar. Como non fala non dou adiviñado a súa procedencia. Pola color podería ser de Angola ou Mozambique, ou cubana, da República Dominicana, non de Kenia. Sen ser fermosa de rostro, os rasgos xuvenís (non pasa dos 35) dominados por uns ollos enormes que se ven decididos a tragar o mar, resultan moi atractivos. O corpo é imponente. Esvelta, non arame nin pau, senón labrada pola natureza nunha redondeza como esculpida por Praxíteles, exhibe a través da blusa sensualidade pura. 
Non dou decidido se a súa actitude obedece á serenidade ou á resignación, talvez ás dúas, aprendidas na súa viaxe na busca dunha mellor vida. Pero non ri, algo que sempre aporta moito dun corpo (a de cousas que di o corpo de nós ...). Avanzando xa para a sobremesa, o galego eleva aínda máis a voz, a botella de albariño bebeuna el só. Por fin, ela, apartando os ollos do mar, pero sen mirar directamente para o home, di: “Nos vamos, pues, amor?”. O home acepta, remata a segunda copiña de licor, pide a conta e saca do bolso do pantalón un feixe groso de billetes de 50 prendidos por un triángulo metálico. Deixa unha boa propina. Despídese do camareiro con familiaridade e ponse a andar. Detrás, cun ritmo e flexibilidade que só a natureza regala, con andares de deusa, en silencio e triste, acordándose se cadra da familia que el mantén en Galicia e da que lle ten falado nos momentos de intimidade, a moza ségueo cunha indolencia e fastío que non garanten mar calma. 

domingo, 12 de febrero de 2017

RAJOY? MARIANO RAJOY? AQUÍ TRUMP

Debe ser difícil manter unha conversacón con tradutor polo mediol. Javier Marías ten páxinas de humor fino sobre as relacións entre tradutores e políticos. Como Rajoy non fala inglés e Trump non sabe español nin creo que o desexe aprender, imaxino que a conversación puido ir por calquera lado. A información que nos proporcionaron foi escasa, pero é que probablemente non había moito sobre que informar. Que se pode dicir en 15 minútos, tradutor por medio, entre dúas persoas que falan sen querer dicir moito? Non se estrañen, pero entre o que un presidente e outro se dixeron non creo que difira moito da conversación que lles relato.
Trump: Bo día, presidente Rajoy. Fálalle o presidente dos Estados Unidos de América, o país primeiro e máis grande sobre a terra.
Rajoy: Boas noites presidente. Seino, sei que o seu país é moi importante e por iso nós queremos unhas relacións cordiais e que favorezan os mútuos intereses
Trumpo: Canto gasta do PIB en asuntos militares, Rajoy? Chega ao 2%?
Rajoy: Xa sabe, presidente, que somos un país serio, o que máis está medrando na UE, un país ao que lle gusta facer a cousas como Deus manda, con sentido común.
Trump: Canto pensa gastar en defensa, presidente?
Rajoy: Nós intentaremos chegar a unha cifra razoable. Sabe que a nosa ministra de defensa, Dolores de Cospedal, é umha muller moi competente e está disposta a colaborar.
Trump: María Dolores do que?
Rajoy: Cospedal.
Trump: Pois que Cospedal me mande un informe da previsión de gasto canto antes para que os meus asesores o estuden.
Rajoy: Por suposto, presidente. Tomareino como algo prioritario. Por certo: non lle viría ben un mediador entre os países de fala hispana e a UE? Eu, encantado, estaría disposto a...
Trump: Iso non corre présa, amigo Rajoy. Diso xa nos encargamos aquí.
Rajoy: Por suposto, por suposto, non dubido...
Trump: Que tal o clima por Madrid?
Rajoy: Algo frío, presidente, pero polo que lin nas noticias, nada que ver coa neve que cae por aí.
Trump: Ben. Agardo ese informe da señora María Dolores
Rajoy: Claro, presidente. Coñece España?
Trump: Pouco
Rajoy: Debería vir por aquí. Non sabe as marabillas coas que contamos. Eu vivin sempre nunha zona fermosa, Pontevedra, e perto temos un paseo que se chama da auga que é unha delicia para camiñar.
Trump: Non me gusta camiñar, presidente
Rajoy: Dicíao porque poderiamos facer unha excursión, virían os meus amigos a presidenta do Congreso e mailo seu marido, xente moi afable que lle gustaría coñecer. Poderiamos tamén, se quere, invintar a outros personaxes que sexan do seu interese.
Trump: Isto prolóngase, presidente Rajoy. Non me gusta pasear. Nin teño interese por coñecer á presidenta do Congreso. Estou moi ocupado con asuntos de transcendental importancia coma para ir de paseo cos seus amigos. E non o tome coma unha descortesía.
Rajoy : Por suposto que non, presidente, sei das súas ocupacións. Xa lle digo, en España gústanos facer as cousas ben, somos xente seria, podemos colaborar. E ous touros gústanlle? En Pontevedra temos unhas corridas en agosto de moita sona
Trump: Non. Non me gustan os touros. Non esqueza o informe da secretaria María Dolores.
Rajoy: Por suposto que non, presidente.
Trumpo: Polos paseos que dá é polo que ten vostede un andar tan marcial, Rajoy?
Rajoy: Pois... é posible
Trump: É que me fixei na televisón da útlima de reunión de Malta, anda vostede con estilo militar, iso gústame. Non esqueza o informe da señora María Dolores.
Rajoy: Por suposto que non,  presidente Trump. Que teña un bo día
Trump: Antes de pechar. Ten moitos terroristas en España?
Rajoy: Non. Nós iso témolo bastante controlado...
Trump: Pero vostedes non son ademais da UE de África?
Rajoy: Perdón.
Trump: Non son colonias súas Ceuta e Casablanca?
Rajoy: Melilla, Melilla.
Trump: Si, aí onde teñen ese bo muro con concertinas.
Rajoy: Facemos o que podemos, Presidente.
Trump: Gústame ese muro. Ben. Insisto: que me chegue inmediatamente ese informe do incremento de gasto do señora María.  Un saúdo.
Rajoy: Saúdos, presidente. Quería, por útlimo...

Pi,pi,pi,pi,pi.