"Hay besos que enlazan y unen, y hay besos que aclaran las cosas, y separan de inmediato. Quienes se besan - acaso es una acción, o un beso de verdad más bien sucede?- saben ya al instante siguiente si se trata de un beso que une o separa. Hay besos ligeros que flotan en el trastero de la memoria como adornos de colores de una verbena...
Siempre estás de camino hacia la persona que un día llegará a besarte"
Sàndor Màrai
lunes, 19 de septiembre de 2011
domingo, 18 de septiembre de 2011
NO ENTIENDO, SEÑORITA
NON, o neno non se chamaba Gabriel e tampouco o nome da mestra era Rosa Elena Fergusson. O que si é certo é que aquela mestra inculcoulle a aquel neno "o gusto de ir á escola, só por vela". De tipo grácil, ollos con muxicas, nariz recto e proporcionado, pómulos ovalados, labios de corazón e riso claro coma a súa voz, talvez sería da idade da mamá pero nada tiña que ver con ela. Entraba na aula ergueita, elegante, segura do corpo e do que vestía. Case sempre discreta: saias varias, plisadas, de tubo, máis o menos axustadas, sempre tapando os xeonllos; blusas con flores, azuis, brancas, rosa, case todas de idéntico corte, axuntando na cintura, manga longa, aberta nun triángulo escaso, onde sempre bailaba algo dourado, unha medalla, un colgante, xusto ata onde se intúe que comeza a división entre os peitos, que sempre resaltaban, non importaba color nin feitura; por riba, case nunca posta, nin en inverno aínda que trouxese abrigo ou gabardina, unha chaqueta de la a xogo, deixándoa caer polos ombreiros sen que nunca lle caese. Subía á tarima pisando cos seus zapatos de taco medio, pousaba a carteira enriba da mesa da mestra e comezaba a clase.
Xa antes de que entrase na aula, ao neno petáballe o corazón dentro do seu peito cunha forza de poldros enredando. Contaba os pasos que tardaría en pasar ao seu carón e rezaba para que a partires de aí o seu camiñar se transformase nunha lentitude eterna, porque non se fartaba de mirar para a súa melena rubia, longa, ben estendida, tapándolle a caluga, as orellas, enmarcando o seu rostro que resplandecía cando se viraba, xa na tarima, pousaba a carteira e, sen deixar de se mover dun lado a outro, saudar a todos abrindo a súa boca de sorriso estrelado: "Buenos días. ¿Hay alguno de entre vosotros que no está dispuesto a aprender hoy nada?". Agardaba unha miguiña mirándonos, queda, e cando todos a coro contestaban: "No, señorita", volvía á mesa, abría un libro e comezaba a ler. O neno a penas podía centrarse no que lía, só sentía as pisadas dela pola tarima, miraba se a melena lle podía cubrir a visión dun ollo, se a chaqueta de la acabaría por esborrexer e caer algún día ao chan. Cousa que nunca pasou. Pero si que unha mañá, despois de que o alumno se distraese dentro dos ollos dela mentres explicaba algo sobre a concordancia, se atrevese, erguera a man e dixese: "Yo no entiendo, señorita". Dando un xiro á actividade, a mestra mandou memorizar unha páxina da enciclopedia, baixou polo corredor, parou a beira del, abaixouse, puxo a súa melena e o seu rostro e o seu ulido a herba con mel e o mundo enteiro de par das súas meixelas e preguntoulle: "¿Qué es lo que no entiendes, Miguelito?". Entre a emoción e o desconcerto, o neno rompeu a chorar.
martes, 13 de septiembre de 2011
NA VIDE
PASEABA á tardiña por camiños entre vides, cando me tiven que arredar para que coubese o coche. Aparcou ben pegado contra o muro e del saíron pai e nai, máis tarde, con cara de poucos amigos, un adolescente que non superaría os 15 anos. Enganchado ao automóbil tiñan un remolque, seguramente para transportar os apeiros de labranza. Pai e nai, dilixentes, despois de coller escasa ferramenta no remolque, quedaban entrando na finca da vide cando eu os perdín de vista. O rapaz, arrimado ao coche.
Non tardei máis dunha hora en regresar por idéntico lugar. Oín xa de lonxe a voz do pai que lle dicía algo á muller: "As brancas, non; só as tintas". A medida que a vista xa mo permitiu, observei con que dedicación e atención, os anteollos na punta do nariz, o pai collía un acio de tinta nas mas e revisaba o grao de madurez. Víase ben que non era moito o que quedaba por realizar, o traballo de poda e sulfato e tódalas atencións xa se realizaran, agora cumpría analizar con mimo se había algunha podre, o ben maduriñas que estaban, calcular con precisión, sen esquecer o tempo, claro, as datas para se entregar á vendima. Unha tarefa delicada, aprendida, experimentada que lle garantirá o éxito no viño que coma cada ano procurará mellorar. A muller estaba máis ao fondo da leira, non podía vela, pero escoitaba algunha que outra consulta que lle realizaba ao marido. Sen perder a concentración, acariñando os acios, o home respondía con serenidade, a gusto, víase que gozaba co resultado do traballo realizado, coas expectativas da vendima, coa esperanza de que nos últimos días unha sarabia ou unha xeada non tirase co esforzo por terra. Ao pasar xusto por diante deles, decateime que o rapaz non seguía tombado enriba do coche en idéntica postura a como o deixara, pero case. Acomodara algo mellor o cu sobre o capó, aguantando o sol, sen nada nas mans, cunha mirada fuxida expresión do lamento da súa triste tarde: ter que agardar tan sufrida e amargamente a que os pais rematasen tarefa tan pesada e inútil. Nestas, a nai veuse achegando para a beira do camiño: "Ti non te cansas de estar aí sen facer nada, oh?", preguntoulle ao fillo. O rapaz escolleu por resposta un xiro corporal: deulle as costas máis abertamente e tinguiu a mirada de aburrimento cunha chisca de odio. O pai seguía concentrado cun acio nas mans coma se aloumiñara un paxaro enfermo. A nai perdeu a paciencia: "Non me oes ou que?". "Que queres?", retrucou o rapaz encirrado. "Hai que ter boa paciencia contigo, meu neno. Non che sería mellor vir aprender algo con teu pai en vez de estar aí perdendo o tempo coma un pasmón?". "Si, home...", deu por resposta o fillo. A vide daba xenio vela.
domingo, 4 de septiembre de 2011
OS INVISIBLES
En canto alguén lanza unha amago suave sobre a conveniencia de subir os impostos aos ricos, a indefinición instalase sen remedio na maioría dos cidadáns. Ata o punto de que un chega a pensar que en realidade ricos, o que se di ricos, non existen. Ou pode quedar algún despistado, pero xamais con obriga de contribuír ao ben común máis do que xa o fai, baixo pena rigorosa de te incluír entre os demagogos ignorantes que tanto proliferan. Deixemos as cousas claras desde o principio: a min os ricos non me estorban nada, pero en absoluto, xamais pretendín abolir a riqueza, o que me gustaría é abolir a pobreza, sobre todo esa pornográfica que impide ás persoas comer ou vivir cun mínimo de dignidade. Claro que afirmar isto e non dicir nada todo é un, porque con grande probabilidade a meirande parte dos mortais, empezando polos máis ricos dos ricos, se é que os hai, estean de acordo co dito: que vivan os ricos e que desaparezan os pobres miserables. Como? Velaí o miolo do problema. Pero regresemos ao punto de partida, a pregunta parece pertinente: hai ou non hai ricos? Diga vostede que pretende unha suba de impostos ás rendas de máis de 150.000 euros ao ano e podo garantirlle que aparecerán sabios a moreas de ata debaixo das pedras explicándolle que iso é unha simpleza monumental. Ricos por gañar dignamente máis de 150.000 euros ao ano? Pero isto que é? Ben. Ceda. Suba o límite e non se ande con nimiedades: aos que pasen de 400.000 (por poñer un exemplo coñecido dunha presidenta autonómica con programa moi aforrador e sensato, di ela e os seus seguidores, que por certo son moitos, os votos cantan). Que dis? Que demagoxia é esa de querer arranxar o problema castigando a eses esforzados e laboriosos cidadáns? Por favor, diranlle, déixese de demagoxia populista, arrede da súa proposta restos de resentimento e complexos varios. O problema non está aí. Supoñamos que é resistente á frustración e que persiste na súa teima. Pois ben, razoará, vaiamos aos ricos en plan escandaloso, eses que non se sabe nin os beneficios que obteñen ao final do ano, porque algún deses existirá, e non? Que dis, sacrílego paifoco, como te atreves a estrangular a esencia da creación de postos de traballo, de crear empresas, de manter o nivel e fluxo de capital para que a maquinaria siga funcionando? Non tes oído falar da curva de Laffer, a que explica que en canto os impostos ascenden ata un certo nivel, a presión fiscal deprime a actividade económica e, ao xerar menos riqueza, o Estado acaba ingresando menos? Coñecido é o argumento de moitos que ameazan con deixar de traballar xa que os seu esforzo non redundaría no seu beneficio senón no do Estado. E aquí lévalas todas. Unha manta de labazadas que te deixan sen sorriso de por vida, coma se o síndrome de Moebius te atacase en plena reflexión. Desanimado, sen argumentos, xa tanto che ten que existan coma que non, o que parece claro é que nunca é momento, nin aconsellable, nin razoable, nin conveniente subir os impostos aos ricos. Primeiro porque é difícil establecer o límite a partir do cal que pode considerar que se debe aplicar unha progresiva carga impositiva. E a continuación – sendo este o verdadeiramente perigoso- porque case todos cantos saben do asunto deciden que sería máis prexudicial que beneficioso. Eu estaba convencido, como lle lera nunha entrevista aos historiadores John Elliot e Manuel Lucena, que existen ricos, tan escandalosamente ricos, que son uns verdadeiros irresponsables. E que sería bo que comezasen a sentir vergonza da súa irresponsabilidade, que non contasen, ademais de coa súa riqueza, coa coartada dun pensamento que os agarime e os xustifique. Pero en vista de como está a situación, opto por convencerme do evidente: que non hai ricos, e se os hai , en canto a impostos, nin tocalos. Deixemos que sigan producindo riqueza, emprego, benestar e harmonía social como á vista está. Ao final terá razón Gore Vidal: os verdadeiramente poderosos acaban por facerse invisibles. E xa se sabe, contra o invisible, coma co misterio: respecto, veneración e nin tocalo. Menos, con impostos.
jueves, 1 de septiembre de 2011
domingo, 28 de agosto de 2011
PARA QUE VEXAS O BO QUE EU SON
Cando sentei á mesa xa supuxen que non podería pasar sen oílo durante toda a comida. Estaba acompañado dunha moza sudamericana moito máis nova ca el. Falaba cun ton arrogante, pedante e pedagóxico, coma se a moza debera recibir información de canto lle ía explicando, que era todo: a paisaxe, as características dos Cantábrico, as diferencias co Atlántico e co Pacífico, a gastronomía da comarca, os costumes españois diferentes dos peruanos (aí souben que a moza era peruana), e todo canto ía acontecendo. Desde a selección do menú ata ao máis mínimo detalle era motivo para que o Pigmalión altivo lle endosase á silenciosa rapaza unha cascada de doutrina e alarde de saber de home curtido, experto e xeneroso. Mentres non se bebeu viño, as leccións do seductor andaron por niveis superficiais da realidade. Despois de elixir unha afamada marca de albariño (“tú vas a saber hoy lo que es un vino blanco excelente”, prognosticoulle antes de probalo), os temas de conversación xa entraron na zona da intimidade, ata tal punto que me sentía incómodo escoitando a tanto volume as confesións do seductor desinhibido. A moza, delgada e cuns ollos tan grandes coma tristes, comía pouco e delicadamente, sen ser capaz de erguer a mirada de tan avergonzada que se sentía. “¿No te gustan las andaricas, nunca las habías comido?”, preguntaba o lerchán para sacar outra materia na que se lucir antes de regresar á intimidade. Porque el non se cortaba en nos contar a todos os que estabamos cerca que fora home de moitas mulleres, non podía ocultar a súa experiencia, a todas as tratara con respecto e xenerosidade, pero con todas fora rematando pola natural inclinación do xénero feminino a enganar homes da súa calidade moral. A última, poñíalle por exemplo, marchara cun abrigo económico que xa moitas quixeran, a pesar de nunca casar con ela: levara automóbil, roupa e xoias que por discreción non quería valorar, pero que ascendían a unha cantidade moi elevada de cartos, iso pensando en España, xa non digamos se trasladaramos a situación a Perú. Neste instante non puiden resistir a curiosidade e mirei para a moza que de tan encarnada e coa mirada afundida non sabía onde se meter, pero algunha razón potente a mantiña sentada sen se mover da cadeira escoitando a personaxe tan badoco. Cando chegou o arroz de marisco, el mesmo, como home experimentado, se encargou de servir rexeitando o ofrecemento do camareiro. A rapaza aceptou submisa a cantidade por el decidida. O home continuou co seu soliloquio interminable relatándolle á acompañante as súas experiencias amorosas previas, todas con idéntico remate: as mulleres abusaban da súa inxenuidade e xenerosidade abandonándoo cando xa conseguían o que querían, algo que non estaba disposto a permitir que volvese a ocorrer. Xa na sobremesa, se cadra por esgotamento e necesitando unha miga de respiro, repochoulle a ela que fose tan calada, tan pouco expresiva, ningunha das moitas mulleres que tiña coñecido se comportara nunca de maneira tan calada e tímida. “Eres tímida realmente o es una estrategia propia de las peruana”, redobrou a pregunta cunha gargallada. Ela nin o mirou, removía coa culler nunha crema doce. E como para someternos á dúbida de se a súa estupidez superaba ao descaro engadiu: “ A mi con tácticas de mujer de países subdesarrolados amantes de la madre patria no me vas a conquistar mejor, eh, que yo he estado varias veces en Argentina, en Perú no, pero en Brasil y Argentina, no digamos en Cuba, he estado cantidad de veces y me conozco las técnicas a la perfección”. Como se me facía insoportable, nin café pedín. Erguinme e marchei. Pero como era o restaurante do hotel onde me hospedaba, á mañá seguinte, cando xa estaba para rematar o meu pequeno almorzo, vexo que entra de novo a parella e senta non moi arredados de min. Ela continuaba cos ollos grandes tristísimos e a mesma blusa gastada do día anterior. El vestía pantalón curto, náuticos e unha camiseta cinguida ao seu torso ancho. Sabendo o que me esperaba apurei o que me quedaba de café. Pero aínda tiven tempo para escoitar que el lle dicía: “Hoy te voy a llevar a comer a un sitio que te vas a relamer. Algo que non tendría obligación de hacer, pero para que veas lo bueno que yo soy...”. E como a submisión ten os seus límites, a moza, sen dicir palabra, erguese serena e con elegancia, pousou o pano de mesa sobre o mantel e deixouno coa boca aberta. Como dentro da aparente serenidade ía atordada case tropeza comigo ao buscar a porta. Deixeina pasar diante. Doume unhas grazas suaves e docísimas.
martes, 23 de agosto de 2011
COMEMOS OU QUE?
A CASA de xantar ofrecía un menú por dez euros no que incluía sobremesa e viño. Un matrimonio novo senta á mesa acompañado de nena e neno. Ela chegando aos dez anos, el estreando os tres. O local está presidido por unha pantalla de plasma enorme na que se ve dar voltas a coches moi veloces segundo certifican primeiros planos nos que o contaquilómetros pasa de 130 a 280 en tempo de nada. O pai queda atrapado polas voltas dos coches e cústalle retirar a mirada da pantalla. A nai, sen poder disimular a ansiedade, trata de ordenar aos nenos. A nena quita do bolso unha máquina electrónica enredando con ela. "Só antes de que chegue a comida", advirte a nai. O neno, movendo o cu de estribor a babor no seu asento, garfo e culler en cada man, pretende facer música cravándoos na mesa. "Quieto. Iso non se fai", reprende a nai sen ningunha firmeza. O pai, ao seu, atento, un dos coches entra a repoñer combustible.
Elixir menú resulta complexo. A oferta non é ampla, pero a nena, centrada na maquiniña e o neno rexeitando canto se lle ofrece, someten a unha espera considerable ao paciente camareiro. Elixido, o neno érguese detrás do camareiro. "Vén aquí", esíxelle a nai sen que o neno lle obedeza. "Non ves o neno?", pregúntalle a nai ao pai. "Vén aquí ou zóupoche, eh", ameza o pai atento a unhas milésimas que disque na última volta lle papou o primeiro piloto ao segundo. O neno dá dúas voltas por entre a mesas, vai xunta da nai, que realiza xesto de desespero, pero non senta. A nena segue concentrada no enredo electrónico. Chega a comida. A nai consegue que o fillo sente, pide á filla que deixe o aparello. O neno senta, pero pon mala cara, non era o prato que el pensaba. "Por favor, acabouse a máquina", lémbralle a nai á filla. "Que si, pesada, xa vou", continúa xogando sen inmutarse. "Queres deixar a máquina e poñerte a comer?", eleva un pouco o ton a nai. De moi mala ganas, despois de dúas miradas, a filla mete o aparello no bolso e, estirando os morros coma se acabase de padecer unha desgracia sen nome, ponse a comer sen ganas. O pequecho érguese outra vez, non lle gusta a comida e declárase en folga. Un automóbil dos da pantalla salta polos aires e escachífase contra as vallas protectoras. A nai persegue cun garfo do que colga un anaco de chopiño fritido ao neno que se nega e non e non e non, momento que aproveita a enganchada ao xogo para volver coa máquina. Mentres o parvuliño percorre o circuíto do local varias veces, tempo no que aproveita para enzoufar as camisas dos comensais que atopa na súa viaxe, a nai intenta poñer cara de circunstancias entre avergonzada e desesperada. Por fin regresa á mesa arrastrando ao pequecho. A xogadora nin se decata do que sucede derredor. O pai, por fin, fala de novo con voz autoritaria: "Comemos ou que?".
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
