domingo, 29 de septiembre de 2013

ARZÚA CONTRA ARZÚA


EN resolución do 9 de agosto de 2013, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, atendendo as indicacións do Comité Asesor do Camiño de Santiago, incoa o procedemento de delimitación do Camiño Norte, ruta da costa. Esta, ao igual que o Camiño Portugués, Ruta da Prata, Camiño de Fisterra, Camiño Inglés e Ruta do Mar de Arousa e Illa, compoñen o Camiño de Santiago, ademais, claro, do principal, o Camiño Francés. Ata este procedemento de delimitación, o Camiño do Norte, ao chegar a Boimorto, continuaba por Viladavil para unirse en Arzúa co Francés. Agora, atendendo á documentación do Comité Asesor, a Dirección Xeral propón que debe producirse a variación que segue a liña máis dereita: de Boimorto á Capela da Mota, na parroquia de San Estevo do Campo, continúe por San Martiño de Calvos e San Cosme de Oíns para empatar co Francés á altura do aeroporto. Esta resolución conta con dous meses de exposición e presentación de alegacións segundo ordena a lei.
Pois miren que curioso: a Asociación de Empresarios e Comerciantes de Arzúa e outras forzas vivas están premendo no alcalde para que presente alegacións, pois, ao parecer, esta desviación causaría graves prexuízos económicos á vila, ademais de que só ela conta coas condicións de ofrecer infraestruturas de calidade para o servizo que merecen os peregrinos. Descoñezo se o alcalde cederá a tales pretensións, pero sería baixeza que un dirixente dun Concello, por defender os intereses do centro da vila, tirase pedras contra tres parroquias das que tamén é o seu alcalde. Custa entender como se pode crer que o crecemento económico só é posible pola concentración. Quen lles di aos do centro urbán que a diversificación doutra ruta pola Mota, San Martiño e Oíns non repercutirá favorablemente na súa expansión? Desde cando o centralismo pailán é modelo de desenvolvemento? Calquera entende que o Camiño Francés dá vitalidade a Arzúa, e que medre e prospere desexámolo todos. Pero, que atrasada manía localista obriga a pensar que diversificar, potenciar e promocionar por tres parroquias do concello outra ruta vai en contra dos intereses do centro? Se ao final cedese o alcalde liderando Arzúa contra Arzúa, é así como entende o BNG a mellora do rural, non respectando o patrimonio e ignorando aquelas parroquias nas que só quedan vellos que van ao ambulatorio e á farmacia ao centro da vila?


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

domingo, 22 de septiembre de 2013

PORVENIR



CON MALOS RECUERDOS 

NO SE EDIFICA 

EL PORVENIR

MORREU UN CRÍTICO DA ALEGRÍA


MORREU Marcel Reich-Ranicki, o crítico literario de máis influencia e sona en Alemaña. Souben sobre el lendo a súa autobiografía ( Mi vida, Galaxia Gutenberg), que lles recomendo. É unha vida tan rica, chea de tanta experiencia e lecturas, narrada con tal fluidez e intelixencia, que, por forza, prende ao lector coma a mellor das novelas. Xudeu, marcado por un pai ao que non odiou nin nunca apreciou, só sentiu piedade por el, recoñece a importancia da Sinagoga coma club, o peso da tradición mosaica, pois "non hai no mundo outra relixión que sinta maior estima polas palabras e a escritura que a mosaica", non en van "as Sagradas Escrituras foron a patria portátil dos xudeus". Isto contribuiría a que as experiencias máis fondas, antes de vivilas xa as tivese analizadas e entendidas pola lectura. É curioso como todas esas emocións e sensacións que o neno ou adolescente pode ir descubrindo a tropezóns, el as interiorizase e debullase lendo a Shakespeare. Pero gracias ás palabras de Fausto: "Te lo aseguro: un joven que teoriza es como un animal que un mal espíritu hace girar en un seco brezal mientras en torno a él hay bellos pastos verdes", padeceu toda a súa vida co temor a se, por vivir só na literatura, quedaría excluído do humano, da auténtica vida.
Formado no esixente instituto Fichte, perdeulle o medo aos clásicos desde moi novo devorando teatro, poesía, novela, ensaio. E axiña descubriu que as cousas entretidas poden ser instrutivas e o instrutivo non ten por que ser pesado. Mais con ser un lector escritor que todo o debe á literatura, é curiosa a súa devoción pola música. Curtido entre Polonia e Alemaña nos momentos máis tráxicos do século XX, recoñece que era o amor o narcótico co que adormecer o temor aos alemáns e a música algo aínda máis forte e profundo que a poesía, pois removíao ata o máis fondo e arrebatábao nos momentos de maior tensión. Porque coa música provocouse o temor de Deus, espertouse o sentimento patriótico e apuxouse ás persoas á loita e á morte. Talvez, como admitiu Thomas Mann referíndose á súa obra, o que literatura e música buscan é a alegría. Idéntica á que Ranicki, o crítico temido, experimenta cando, poñéndose o sol, el escribindo xunta Tosia, a súa muller, que le á súa beira, lle adianta o final para a súa autobiografía: "Es un sueño; no puede ser verdad que los dos estemos juntos".

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

TEMOS SORTE DE QUE NOS ESPREMAN ESTES

Pregúntome con frecuencica, rodeados dos medios de persuasión dos que estamos, como é que aínda non comezaron as ringleiras de autobuses a transportar millares de persoas a dar grazas aos distintos santuarios que inzan a nosa xeografía. Tal e como deriva a situación, o lóxico non é que os devotos viaxen ao Corpiño, a Armenteira, Amil, San Mateo, non digamos o Apóstolo ou Santa Minia porque sexan avogosos para algún mal, senón única e exclusivamente para dar gracias polo ben que nos vai desde que, guiados pola fiabilidade da súa seriedade e das súas promesas cribles, votamos a D. Mariano Rajoy como presidente do goberno de España. Porque o asunto, coincidirán comigo, xa non se move no ámbito parlamentario, nas decisións económicas ou nas relacións exteriores; non, todo está xa moito máis achegado ao mundo da fe, a aquelo que se non o creo non o vexo. Porque en isto se está convertendo a clave das discusións e controversias neste país: só ver aquelo no que se cre. E así nos pasamos días lendo editoriais, escoitando parladoiros nas radios e nas televisións, nos que se martela sen piedade naquelas verdades de fe previamente aceptadas coas que se nos pretende facer ver o que non existe. Desde que este goberno chegou ao poder, dilixenciáronse dúas leis comunicativas á velocidade da luz que ninguén dá abolido. A primeira é que, dada a calamitosa herdanza aplicada a calquera ámbito que nos apeteza, aquí faise o que se pode; gustaría ou prometéronse outras accións, pero a herdanza é a que é, machiño, e debemos conformarnos con que nos dean, o que boamente se pode; gustaríame gobernar doutro xeito, pero... A segunda resulta aínda máis pezoñenta: todo canto se realizou (reforma bancaria, laboral, xudicial, pensións, educativa, etc.) ten o seu éxito asegurado segundo un razoamento indestrutible: se non se fixera, aínda estariamos peor. Os datos indican túzaros que o paro aumentou ata o milagre de agosto de crear 31 novos postos de traballo, que un número moi elevado de persoas ten que recorrer á beneficencia, que organismos internacionais avisan de que comeza a haber nenos mal alimentados, que algúns estudantes deben deixar os seus estudos porque non poden pagar as taxas, que as desigualdades son máis alarmantes, que os xubilados copagan polas medicinas, que se escatima en becas e se restrinxe canto se pode en saúde e servizos sociais, pero iso ten fácil explicación para este goberno: se non actuaramos como o estamos a facer, todo sería aínda moito peor. Como comprenderán, con esta metodoloxía podemos alcanzar contrastes científicos de resonancia internacional. Tomen como exemplo, para non meter o dedo na ferida dos amigos do goberno (o de Bárcenas verán como queda en auga de bacallau), o caso dos ERE en Andalucía. Que lles parecería se agora os avogados dos imputados saísen diante da xuíz coa desculpa máxica: é que, señoría, se o meu cliente non repartise de maneira arbitraria e caprichosa os cartos públicos para favorecer amigotes e sogras, se non creara unha rede de corrupción desta natureza (tal e como lle gustaba dicir a González, Felipe), sería moito peor; outros se encargarían de coller eses cartos e gastalos de maneiras aínda moito máis ruíns e rufianescas, porque se o meu cliente é certo que algo gastou tamén en vicios menores e coca, imaxine, señoría, e dispensando a súa cara, que lle parecería se caesen nas mans de outros desaprensivos sen escrúpulos dedicados a abrirlle a barriga cunha machada aos que puideran sospeitar algo ou encher o Guadalquivir de cadáveres de persoas que non lles resultasen gratas? Menos mal que o meu defendido actuou así, porque todo podería ser moito peor. E a xuíz Alaya, supoño, comprendería o razoamento pola súa poderosa lóxica e pecharía o caso. Pois no correr do tempo, así seguimos. Facendo o que se pode e todo aquelo que, de non facelo, nos deixaría aínda moito peor do que estamos. Por iso a miña proposta do comezo non é ningunha broma. Animo a que asociacións culturais, de veciños e de barrio, amigos dos amigos dos favorecidos por partidos varios e todos canto algo de fe lles quede, que inicien un proceso de peregrinación intensa e case interminable. En cada rexións saberán ben a onde ir. Cada quen que elixa ao máis milagreiro ou ao que máis xente reúna para alí xuntos dar grazas ao goberno. Se é de mal nacidos non ser agradecidos, que non se diga tal de nós. Somos conscientes de que se fai o que se pode e que todo podería ir moito peor. Non queda outra: ser agradecidos. Philip Roth, se non lembro mal, escribo de memoria, en “ Me casé con un comuista”, facíalle dicir a un personaxe: “Así son las cosas. Te joden y entonces te dicen: Tienes suerte de que sea yo quien te haya jodido”. Exacto. Peregrinemos porque todo podería estar moito peor e non vaia ser que nos caian enriba as soberbias. Tanto cuspir cara arriba non é bo costume. Porque no fondo os poderes que manexan os fíos e intencións últimas desta lenta desarticulación dun sistema que pretendía unha miga de igualdade e solidariedade social, saben que poden buscar a quen nos esprema aínda máis. Somos afortunados: esprémennos, pero temos a sorte de que o fagan estes.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

jueves, 19 de septiembre de 2013

MARCEL REICH-RANICKI

¿QUÉ APRENDÍ DE MI CONVERSACIÓN ANNA SEGHERS? QUE LA MAYORÍA DE LOS ESCRITORES NO ENTIENDE DE LITERATURA MÁS DE LO QUE LAS AVES ENTIENDEN DE ORNITOLOGÍA. Y QUE SON LOS MENOS INDICADOS PARA JUZGAR SUS PROPIAS OBRAS, PUES, EN GENERAL, SABEN SIN DUDA LO QUE MÁS O MENOS HAN DESEADO MOSTRAR Y EXPLICAR, LOGRAR Y PROVOCAR. ESE CONOCIMIENTO ENTURBIA SU VISIÓN DE LO QUE REALMENTE HAN CONSEGUIDO Y CREADO. EL CRÍTICO DEBE ANALIZAR - CON LA MAYOR PROFUNDIDAD Y CUIDADO POSIBLES- LO QUE EL AUTOR HA ESCRITO. POR LO DEMÁS, NO DEBEMOS IGNORAR LO QUE ÉSTE TIENE QUE DECIR  SOBRE SU OBRA, AUNQUE SIN TOMARLO ESPECIALMENTE EN SERIO.


MARCEL REICH-RANICKI
MI VIDA



miércoles, 18 de septiembre de 2013