domingo, 29 de septiembre de 2013

ARZÚA CONTRA ARZÚA


EN resolución do 9 de agosto de 2013, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, atendendo as indicacións do Comité Asesor do Camiño de Santiago, incoa o procedemento de delimitación do Camiño Norte, ruta da costa. Esta, ao igual que o Camiño Portugués, Ruta da Prata, Camiño de Fisterra, Camiño Inglés e Ruta do Mar de Arousa e Illa, compoñen o Camiño de Santiago, ademais, claro, do principal, o Camiño Francés. Ata este procedemento de delimitación, o Camiño do Norte, ao chegar a Boimorto, continuaba por Viladavil para unirse en Arzúa co Francés. Agora, atendendo á documentación do Comité Asesor, a Dirección Xeral propón que debe producirse a variación que segue a liña máis dereita: de Boimorto á Capela da Mota, na parroquia de San Estevo do Campo, continúe por San Martiño de Calvos e San Cosme de Oíns para empatar co Francés á altura do aeroporto. Esta resolución conta con dous meses de exposición e presentación de alegacións segundo ordena a lei.
Pois miren que curioso: a Asociación de Empresarios e Comerciantes de Arzúa e outras forzas vivas están premendo no alcalde para que presente alegacións, pois, ao parecer, esta desviación causaría graves prexuízos económicos á vila, ademais de que só ela conta coas condicións de ofrecer infraestruturas de calidade para o servizo que merecen os peregrinos. Descoñezo se o alcalde cederá a tales pretensións, pero sería baixeza que un dirixente dun Concello, por defender os intereses do centro da vila, tirase pedras contra tres parroquias das que tamén é o seu alcalde. Custa entender como se pode crer que o crecemento económico só é posible pola concentración. Quen lles di aos do centro urbán que a diversificación doutra ruta pola Mota, San Martiño e Oíns non repercutirá favorablemente na súa expansión? Desde cando o centralismo pailán é modelo de desenvolvemento? Calquera entende que o Camiño Francés dá vitalidade a Arzúa, e que medre e prospere desexámolo todos. Pero, que atrasada manía localista obriga a pensar que diversificar, potenciar e promocionar por tres parroquias do concello outra ruta vai en contra dos intereses do centro? Se ao final cedese o alcalde liderando Arzúa contra Arzúa, é así como entende o BNG a mellora do rural, non respectando o patrimonio e ignorando aquelas parroquias nas que só quedan vellos que van ao ambulatorio e á farmacia ao centro da vila?


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.