Pregúntome con frecuencica, rodeados dos medios de persuasión dos que estamos, como é que aínda non comezaron as ringleiras de autobuses a transportar millares de persoas a dar grazas aos distintos santuarios que inzan a nosa xeografía. Tal e como deriva a situación, o lóxico non é que os devotos viaxen ao Corpiño, a Armenteira, Amil, San Mateo, non digamos o Apóstolo ou Santa Minia porque sexan avogosos para algún mal, senón única e exclusivamente para dar gracias polo ben que nos vai desde que, guiados pola fiabilidade da súa seriedade e das súas promesas cribles, votamos a D. Mariano Rajoy como presidente do goberno de España. Porque o asunto, coincidirán comigo, xa non se move no ámbito parlamentario, nas decisións económicas ou nas relacións exteriores; non, todo está xa moito máis achegado ao mundo da fe, a aquelo que se non o creo non o vexo. Porque en isto se está convertendo a clave das discusións e controversias neste país: só ver aquelo no que se cre. E así nos pasamos días lendo editoriais, escoitando parladoiros nas radios e nas televisións, nos que se martela sen piedade naquelas verdades de fe previamente aceptadas coas que se nos pretende facer ver o que non existe. Desde que este goberno chegou ao poder, dilixenciáronse dúas leis comunicativas á velocidade da luz que ninguén dá abolido. A primeira é que, dada a calamitosa herdanza aplicada a calquera ámbito que nos apeteza, aquí faise o que se pode; gustaría ou prometéronse outras accións, pero a herdanza é a que é, machiño, e debemos conformarnos con que nos dean, o que boamente se pode; gustaríame gobernar doutro xeito, pero... A segunda resulta aínda máis pezoñenta: todo canto se realizou (reforma bancaria, laboral, xudicial, pensións, educativa, etc.) ten o seu éxito asegurado segundo un razoamento indestrutible: se non se fixera, aínda estariamos peor. Os datos indican túzaros que o paro aumentou ata o milagre de agosto de crear 31 novos postos de traballo, que un número moi elevado de persoas ten que recorrer á beneficencia, que organismos internacionais avisan de que comeza a haber nenos mal alimentados, que algúns estudantes deben deixar os seus estudos porque non poden pagar as taxas, que as desigualdades son máis alarmantes, que os xubilados copagan polas medicinas, que se escatima en becas e se restrinxe canto se pode en saúde e servizos sociais, pero iso ten fácil explicación para este goberno: se non actuaramos como o estamos a facer, todo sería aínda moito peor. Como comprenderán, con esta metodoloxía podemos alcanzar contrastes científicos de resonancia internacional. Tomen como exemplo, para non meter o dedo na ferida dos amigos do goberno (o de Bárcenas verán como queda en auga de bacallau), o caso dos ERE en Andalucía. Que lles parecería se agora os avogados dos imputados saísen diante da xuíz coa desculpa máxica: é que, señoría, se o meu cliente non repartise de maneira arbitraria e caprichosa os cartos públicos para favorecer amigotes e sogras, se non creara unha rede de corrupción desta natureza (tal e como lle gustaba dicir a González, Felipe), sería moito peor; outros se encargarían de coller eses cartos e gastalos de maneiras aínda moito máis ruíns e rufianescas, porque se o meu cliente é certo que algo gastou tamén en vicios menores e coca, imaxine, señoría, e dispensando a súa cara, que lle parecería se caesen nas mans de outros desaprensivos sen escrúpulos dedicados a abrirlle a barriga cunha machada aos que puideran sospeitar algo ou encher o Guadalquivir de cadáveres de persoas que non lles resultasen gratas? Menos mal que o meu defendido actuou así, porque todo podería ser moito peor. E a xuíz Alaya, supoño, comprendería o razoamento pola súa poderosa lóxica e pecharía o caso. Pois no correr do tempo, así seguimos. Facendo o que se pode e todo aquelo que, de non facelo, nos deixaría aínda moito peor do que estamos. Por iso a miña proposta do comezo non é ningunha broma. Animo a que asociacións culturais, de veciños e de barrio, amigos dos amigos dos favorecidos por partidos varios e todos canto algo de fe lles quede, que inicien un proceso de peregrinación intensa e case interminable. En cada rexións saberán ben a onde ir. Cada quen que elixa ao máis milagreiro ou ao que máis xente reúna para alí xuntos dar grazas ao goberno. Se é de mal nacidos non ser agradecidos, que non se diga tal de nós. Somos conscientes de que se fai o que se pode e que todo podería ir moito peor. Non queda outra: ser agradecidos. Philip Roth, se non lembro mal, escribo de memoria, en “ Me casé con un comuista”, facíalle dicir a un personaxe: “Así son las cosas. Te joden y entonces te dicen: Tienes suerte de que sea yo quien te haya jodido”. Exacto. Peregrinemos porque todo podería estar moito peor e non vaia ser que nos caian enriba as soberbias. Tanto cuspir cara arriba non é bo costume. Porque no fondo os poderes que manexan os fíos e intencións últimas desta lenta desarticulación dun sistema que pretendía unha miga de igualdade e solidariedade social, saben que poden buscar a quen nos esprema aínda máis. Somos afortunados: esprémennos, pero temos a sorte de que o fagan estes.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.