NON cabe maior sorpresa nin asombro. Calquera noticia que saibamos a
partires de agora soará a coñecida. Nada nos pode alarmar, non somos xa
susceptibles de alarma social. O mar de podremia que se estende sobre a
clase dirixente é unha tona de detritos pestilente á que acabamos por
nos acostumar. Está demostrado que a capacidade de adaptación dos
humanos fixo posible a evolución, por iso o noso ulido recicla para que
poidamos soportar tal peste, ata o punto de que, por sobresaturación, xa
nin nos cheira. Oímos Bárcenas, ERE en Andalucía, Pujol, Rato, Trillo,
Martínez Pujalte, Barberá, Monedero, PP, PSOE, CiU, Podemos e parécenos
sentir cantar carros en corredoiras informatizadas, cantos planos e
reiterativos que só producen fastío, xa nin rebeldía. O cansazo e tal, a
confirmación diaria de que todo cheira a podre é tan evidente, que nos
defendemos coa indolente resignación de quen xa non quere escoitar máis,
admite que o mundo funciona así e nada poderá cambialo. Tanto ten que
sexan de esquerdas ou de dereitas, relixiosos ou ateos, do Opus ou
marxistas renegados: todos sucumben á tentación dos cartos e do poder.
Conclusión que leva á inacción e desespero indesexables.
Das últimas novas -isto cando escribo, cando me lean probablemente xa
se coñezan outras máis frescas-, a que máis me sorprende é a dos
asesores Trillo e Pujalte. Isto de asesorar -verbalmente- parece o
negocio máis rendible nas últimas décadas. O que valen unhas palabras
ben dadas... Que a sabedoría de Trillo chega aos pés da mesma raíña de
Inglaterra hai tempo que o sei. "Manda huevos" co embaixador. É capaz de
pillar máis de 450.000 euros por uns consellos ben dados no momento
oportuno. E Pujalte? Pois aprendendo, que el non realizou a tese sobre
Shakespeare coma o embaixador, pero pillando o que se pode, son moitos
anos de deputado e non convén perder oportunidade. Os dous pertencen ao
Opus, dato que non debera significar nada, pero que tampouco convén
ignorar. Agás nos tempos en que os consellos dos confesores de reis
valían as súas comas en ouro, non coñezo actividade tan ben pagada coma a
de asesor. Hoxe ser asesor para executar o mal (xurídico, económico,
político) parece a única actividade que respectan os reis do mambo, que
son, vaia casualidade, os que menos relocen nos escándalos. Asesores nos
dea o ceo para conseguir orientarnos neste mar de podremia.
martes, 28 de abril de 2015
COMPARACIÓN REPUGNANTE
Os que moito opinamos, por relaxación e preguiza,
tamén polo atrevemento propio da ignorancia, convertémonos demasiadas veces en
frívolos e superficiais. Dígoo coa experiencia de máis de vintecinco anos
escribindo sobre o divino e humano, que me coloca ás veces diante de escritos
propios sobre os que non imaxinaba puidese ter criterio fundado, polo que
deduzo que están máis guiados polo descaro que polo fundamentado. Por iso sei
que tanto os que opinan coma os que informan son ás veces lixeiros por non dicir
crueis diante de determinados feitos. E nada do dito ou escrito queda sen
consecuencias. Mínimas ou imperceptibles en moitos casos, sobre todo se quen as
di ou escribe representa unha voz insignificante, pero con repercusións á fin.
Existen
feitos do ámbito persoal e íntimo que nunca deberían formar parte da
“información” que fura a fronteira do morboso á saña. Agás naqueles medios que
se dedican aberta e declaradamente a comerciar coa vida de quen a expón a
mantenta con fins monetarios, non me parece materia de información rigorosa
escarvar nas desgrazas persoais dun político máis aló do indispensable. Que un
exministro de xustiza sexa denunciado por algo tan grave coma o maltrato, ata
que exista sentenza firme, datos obxectivos, non merecería as primeiras páxinas
de ningún diario durante case unha semana enredando con hipóteses, sospeitas,
aclaracións, desmentidos e rancores propios dunha ruptura matrimonial.
Mergullarse nas augas ferventes dun conflito tan íntimo, sen feitos claros aos
que se poder agarrar, equivale a sementar dúbidas de tal repercusión que na
maioría dos casos supoñen o afundimento definitivo dun personaxe público. No
caso de que todo quedase nun conflito sen tradución penal, ningunha sentenza,
nin rectificación, nin nota aclaratoria pasado o tempo poderá devolver a
dignidade e prestixio de quen foi derreado e humillado, tanto profesional coma
persoalmente. As sospeitas aniñaron entre os lectores, a desconfianza medrará
ou caerá coma case todo no esquecemento, pero en canto se remexa, algún dato
reavive as brasas da memoria, o xulgado regresará á condición de maltratador,
porque algo haber houbo...
Poucos
asuntos, pola súa delicadeza e fraxilidade, esixen maior cautela no seu
tratamento. De fondo berra con razón a incompresible vergonza dun número
insoportable de mulleres que morren cada ano a mans de homes incapaces de
entender que non son donos, nin amos, nin señores, nin gardiáns das súas
mulleres, ás que non queren, só pretenden dominar e controlar, froito dunha
mala educación velenosa inoculada por unha sociedade machista. Con tal pano de
fondo, tódalas medidas de prevención son poucas, enténdese que leis,
rexeitamento social, educación e concienciación diaria exerzan vixilancia
severa. Con razón, confirmados os feitos, para que sirva de exemplo e lección,
ningún infractor, sexa quen sexa, pode quedar oculto ou resgardado do rexeite
público. Pero precisamente pola gravidade que tal acusación alcanza, ningún
adobío informativo achegado ao color amarelo e á renda tan morbosa como fácil debería
permitirse un medio que se considere obxectivo e rigoroso.
E
se sutileza e prudencia se lle esixe a quen debe informar, que dicir das
artimañas utilizadas na confrontación política? No presente son ben coñecidas
as liortas por causa da corrupción, lastre que cobre de pezoña a actividade de
tódolos partidos e que desencanta ao cidadán. No cumio da putrefacción atopamos
repartida a porcallada en tres grandes partidos: os ERE de Andalucía para o
PSOE, Bárcenas e todo o que o rodea para o PP e o caso Pujol para CiU. Tres
picos de corrupción difíciles de superar. Como complemento, ao partido no
goberno estálalle a desvergonza de Rato. Compréndese que rodeados de tal grao
de podremia acudan a canta trapallada narrativa se lles ocorra: lanzarse
detritos uns aos outros; inventar escusas incribles; recorrer a desculpas
infantís; pretender facer bobo ao cidadán; desorientar con informacións
atravesadas; manipular e agochar datos; acollerse a que o tempo todo o esquece;
pedir perdón coa boca pequena; falsos actos de contrición; prometer para saír
do paso; mentir como só os cara lavadas saben mentir. Compréndese que no
reborde de tanta porcallada non saiban a que acudir e boten man de canto se
lles vai ocorrendo no día a día da resistencia para non afogar na cloaca. O
cidadán, sabio, curtido, vai calibrando cada escusa, cada mentira, cada
hipócrita arrepentimento con vistas a tomar as decisións menos malas – boa xa
sabe que non queda ningunha- cando chegue o momento, e ata entende que por
algún lado han de fuxir, polo que é moito máis benévolo do que se merecen.
Agora ben, existen raias que ningún político debería traspasar, territorios nos
que non está permitida a frivolidade, a ignorancia e moito menos a malicia
miserable. Que se vexan coa auga ao pescozo pola súa culpa, pola súa grandísima
culpa, non lles dá ningún dereito a establecer comparacións entre o caso Rato e
o do un exministro denunciado por algo tan grave como delicado, pero
estritamente persoal, que non resiste ningunha decente comparación. Levar a loita
política a estas comparacións extremas é simplemente repugnante.
domingo, 19 de abril de 2015
ASI FOI A BATALLA, EDUARDO
Sobre moitas cousas podería escribir esta semana,
pero, parafraseándoo, teño a Galeano atravesado nas pálpebras e non podo
durmir; quero dicir un cento de cousas, pero atráncase Galeano na gorxa, e nada podo dicir. Poida que non llo saiba
contar como el se merece, pero debo intentalo. Morreu Galeano, o do perfil
patricio, un césar dos da nada, dos indíxenas, da palabra cadenciosa, das veas
sangrando polos débiles e sen ninguén que por eles fale. Desaparece a voz azul,
rubia, elegante, clara e concisa daqueles que debían tragar humillación,
inxustiza e medo. Unha voz política, contraditoria, errada moitas veces, pero
valente e coa opción ben definida: a favor dos que non teñen voz. Mais non
insistirei no que xa nestes días despois do pasamento se leva dito. Só lle
quero contar un partido de fútbol, a el que tanto o amaba. Sei que agora terá
tempo para ver os partidos a conciencia, coa poesía que a el o fútbol lle
esixía, pero o que o martes xogaron en Madrid probablemente aínda non o puidese
ver, leva pouco onde queira que estea, non estará de todo aclimatado e afeito
e, con seguridade, non atoparía momento aínda para dedicarse á contemplación da batalla entre dous equipos de Madrid.
Poida que non llo saiba narrar como a el lle gustaría, os de Montevideo ven o
fútbol con ollos que nós non temos, pero debo intentalo.
Non
era noite pecha cando no estadio comezou a rodar a pelota polo pasto. A
expectación, máxima. Os xogadores do R. Madrid atacaron dende co inicio cunha
velocidade, soltura e naturalidade incontestable. Os do Atlético, sorprendidos,
deambulaban aloulados detrás da pelota e dos xogadores de branco. Nos palcos
principais políticos, homes de negocios e famosos miraban atentos e en
silencio; no resto das gradas, seareiros dun e outro equipo, ataviados coas
cores, bufandas e gorras propias da tribo, cantaban, berraban, insultaban e
lamentaban cada medo, esperanza, emoción sublime, como ti ben dixeches, xogar
sen seareiros e coma bailar sen música.
Non
tardaron os mercenarios do mundo concentrados no equipo branco (no fútbol non
hai patrias) en abrir polos flancos a defensa atormentada do Atlético. Dirixida
dende o centro por croata, colombiano e alemán a arma afiada dun de Gales,
axiña o arco dos do Atlético se viu bombardeado por zapatazos lanzados con
malicia velenosa. Pero por arqueiro contan os de Simeone, un arxentino vestido
de puro negro cargado de paixón, cun gato chegado do Olimpo esloveno, flexible
e de reflexos espirituais, capaz de interpoñer man, brazo, pé ou corpo todo
diante de calquera balón que pretenda entrar na súa rede. Medio deus este rubio
efebo frustrou cada intento dos mercenarios de Gales, Francia e Portugal
recrutados para as filas do R. Madrid. Nada puideron facer por máis que os
dianteiros de Francia e Gales (o portugués está tan pendente de si que se perde
en innumerables batallas) acosaron sen piedade a portería contraria. Áxil o de
Gales venceu pola súa banda cantas veces quixo ao que pretendía detelo; hábil o
francés, non se sabe se indeciso ou xeneroso, desperdiciou ocasións de fusilar
de morte . De calquera maneira, o semideus esloveno, porteiro a quen o mesmo
Camus estou seguro envexaría se puidese velo, agardaba frío e felino, atento e
seguro disposto a atrapar ou despexar calquera pelota que se achega ao arco.
Incluso o colombiano chamado James, con ese pé esquerdo preciso coma unha
máquina xermana, atopou o único oco polo que lanzar un disparo traidor, pero
tamén aí chegaron as alongadas mans do arqueiro Oblak, que así se chama este
esloveno de antepasados homéricos.
Pasaban
os minutos e os seguidores do Atlético só podían encomendarse ao seu porteiro,
pois ata o teu compatriota Godín, tan bravo e concentrado sempre, perdía
pelotas en zonas prohibidas. E nestas, outro atleta galo esvelto, case pluma,
irmán do dos pés lixeiros, voa por enriba do pasto, anxélico, o balón diante
del, os contrarios esgotados e caidos ao seu paso coma abrasados por unha
potencia divina, ata alcanzar o punto onde se debe centrar para que na área o
asasino remate o plan. Raphaël Varane , así se chama o galo irmán de Aquiles,
voou polo Vicente Calderón no só neste instante senón cantas veces quixo,
sixiloso, arteiro, anulado as escasas ocasións nas que os contrarios conseguían
parar a pelota. Pero nin así os do R. Madrid conseguiron traspasar a liña
defensiva de Oblak. E acabou a primeira parte da batalla.
Na
segunda, talvez desanimados os de branco por tanto fracaso, a batalla pasou de
veloz, leda e florida a cruel e sanguinaria. Un heroe chegado de Croacia, alto
e nobre, rudo, tenaz, infatigable, cargou sobre o seu lombo a responsabilidade
de entrar no corpo a corpo definitivo . Un turco aproveitou para demostrar que
non só en Arxentina e Uruguai saben coser a pelota ao pé. O sangue manou da
fronte do heroe Mandzukic como proba de que a batalla ía en serio e sen
posibilidade de negociación. Mais non houbo goles. Os deuses decidiron que
terán todos outra oportunidade, os dos pés alados e os do sangue na faciana, os
chegados do centro de Europa e de alén do mar, contarán con outra noite para dirimir
a vitoria. E nesa si, todos os uruguaios e os que non o somos, gritaremos gol.
UNHA CASA QUE SOA A GLORIA
SE estiveramos plenamente convencidos, as leis favorecerían a infancia e o que a rodea. As institucións, o traballo, a educación, os investimentos dirixirían o seu propósito para estimular a natalidade, conciliar a vida laboral coa crianza, potenciar as escolas infantís, gastar sen medo en actividades antes dos catro anos, sabendo que a longo prazo incluso economicamente é máis rendible. Estudos económicos garanten aforros considerables se os recursos empregados na adolescencia se adiantasen en políticas educativas preventivas nos primeiros anos. Neste país son malos os tempos para parir e criar. A paternidade a cada paso máis responsable (outros poden tamén ver indicios de egoísmo) non acepta ter fillos e educalos de calquera maneira. As mulleres pospoñen a decisión de ser nais. En tódalas épocas, por suposto que non é esta a peor, ter fillos e educalos esixiu valentía, pero nesta talvez doe máis constatar as dificultades ao saber que si existen países non tan arredados de nós que o xestionan de maneira máis racional e beneficiosa para as mulleres e o conxunto da sociedade. Gastar na boa crianza e na educación infantil será sempre un investimento rendible.
Entre os cometidos que procuraría unha racional política de familia e infancia estaría a de facer experimentar ao neno a grandeza de chegar a esta nova casa, ao mundo. A vida aniña nun ambiente idóneo, morno, perfecto de equilibrio. Nada medra máis seguro e confortable ca un feto dentro da nai. Pasar pola brusca entrada neste mundo inicialmente inhóspito esixe condicións compensatorias en coidados, estímulos, afecto e tenrura que serán determinantes para a vida adulta. A familia debe contar con cantos máis medios para proporcionar esa estabilidade, as condicións sociais han ser as máis adecuadas para realizar as funcións primeiras de adaptación. Garderías, flexibilidade laboral (a tan desexada flexibilidade), escolas infantís e especialistas capaces colaborarían co entorno familiar nesa dirección. Iso, e non só o PIB, é medrar, prosperar, ser ricos. Galeano, que nos deixou estes días, dicía que aos nenos préstalles escoitar a música de Mozart dende moi cativos porque experimentan a ledicia de chegar a unha casa que soa a gloria. Pero para iso ha de potenciarse unha política de axuda á familia que permita nacementos e unha boa crianza. Díxoo Sartre: decide a infancia.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
martes, 14 de abril de 2015
lunes, 13 de abril de 2015
Suscribirse a:
Entradas (Atom)