Que tempo nos toca vivir, Señor! Mellor dito, padecer. Aquí seguimos dando paus de cego, desorientados e perdidos, agarrándonos por unha banda coma posesos á razón instrumental máis pura, a que nos situou onde estamos, e pola outra refuxiándonos nunha regresión ao máis tenebroso de modelos que parecían esquecidos. Parecían, porque non. Abonda con mirar ese prurito que lles entrou a algunhas empresas – das potentes, non pensen, as outras, xa se imaxinan, tiveron que pechar- con lles regalar aos empregados que aínda non despediron libros de aleutos especialistas da autoaxuda, deses que en trescentas páxinas saben cómo transformar a vida en optimismo, riqueza e felicidade. E non queda aí a cousa, que logo convocan a todos os executivos en fin de semana para, estudado o bestseller de quenda, “cargar as pilas” a base de psicólogos predicadores dalgunha nova teoría máxica e de actores que se dedican a interpretar modelos de comunicación diante dos sorprendidos traballadores, tratando de lles insuflar un potente espírito de conquista e confianza. Vamos, que as técnicas de motivación de San Ignacio de Loyola para os seus soldados da fe quedarían en ridículo diante das armas que hoxe utilizan estes cerebros da política empresarial. Saen destas sesións de activación coma auténticas feras da venda, da expansión e da conquista de novos mercados. Unidos todos na fe empresarial. Convencidos de que o triunfo está ao alcance de todos, todos líderes, todos creativos, todos donos de poderes máxicos cos que podemos comer ao cliente, ao mundo. Miren por onde, os vellos exercicios espirituais trasladados aos tempos de crise, co gallo de manter unidos aos necesitados fieis na fe do mercado.
Pero non contentes con esta regresión empresarial, institucións técnicas, formadas polas elites da formación mundial, frías, suponse, acóllense ao refuxio da culpa, recoñecida e expresada publicamente, ao máis puro estilo de arrepentimento e flaxelación cristiá. Velaí o informe do FMI no que se culpa, critica e recoñece que non deu unha. Que os seus directivos estaban na póla e non viron vir nada do que se aveciñaba, e se pregaron á ideoloxía dominante, tan ledos e felices, sen ulir nin de lonxe os aires da tempestade. E dan nomes, faltaría máis. Cae o peso da culpa sobre o equipo completo coas súas deficiencias organizativas, batallas internas, falta de comunicación, sesgos analíticos, presións políticas, autocensura e falta de supervisión e control por parte da dirección. Total, unha desfeita perfecta, ao fronte da que estaba o Sr. Rodrigo Rato, pero ben podería ser calquera outro, non fagamos agora leña da árbore dimitida. O curioso é que este xeito de se cubrir de cinza é un adianto do mércores que antecede á Semana Santa, época á que convido a todos os que formaron parte do equipo do FMI para que penen polas súas culpas, pois, que se saiba, outra penitencia non recibirán. Vexan, para mostra, cómo o Sr. Rato dirixe a Caixa Madrid ou como no futuro se chame, tanto ten caixa ou banco, o importante é a dirección que collen estas institucións financeiras. ¿Valentía, capacidade crítica?, poderiamos pensar. Si. Pero tamén se nos pode dar por, como dicía, invitar a todo o equipo que acompañou ao Sr. Rato para que pase a Semana Santa en España. Málaga, por exemplo, cidade na que o sr. Trillo, supoño que en boa sintonía con Rato – “manda huevos”-, demostra ano tras ano o seu apego á tradición de confrade e, a bo seguro, podería introducir a todos estes altos cargos para que penen, vestidos cos traxes pertinentes, a categoría nunca se debe perder, detrás dos magníficos pasos, polas rúas da cidade andaluza. E se Esperanza Aguirre ou Ana Botella queren lanzar desde unha ventá unha saeta, no viría mal. E así, recollidos e á vista de todos – por suposto a CNN debería mostrar imaxes a todos o mundo, para que aprendan os actuais directivos- , pagarían con dolor e bágoas polos seus moitos pecados cometidos. Tería a vantaxe de que, rematada a procesión , a zona está ben provista de ofertas tanto gastronómicas coma de danza e praceres varios, pois despois de tanta penitencia, convén algo de relax. Ofrezo esta posibilidade para os arrepentidos directivos do FMI, xa que, como coñecido é que todos continuarán ao fronte de altas e serias institucións financeiras, o lóxico sería que, polo menos, nunha liturxia tan emotiva coma bela, demostren que, así como saben esixir que se lles pague polo alto servizo que desempeñan, tamén aceptan recoñecer e penar polos seus pecados publicamente. Xa ven: a uns dáselles polos exercicios espirituais e a outros pola flaxelación pública. E quéixanse Rouco e Ratzinguer de que se están a perder os valores cristiás...
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.