sábado, 14 de abril de 2012

E SE INVITAMOS ÁS MAFIAS?

Invitalas? Que digo? Por que non lles imploramos que veñan para se quedar, para instalarse entre nós e non marchar nunca máis. Todas. Expertos en apostas e casinos, tratantes de mulleres, pederastas, traficantes de armas e drogas, negociantes con órganos para transplantes, secuestradores, asasinos a soldo, ladróns de xente honrada, defraudadores noutros países, estragadores a conciencia do medio ambiente, en fin, toda canta ralea se lles ocorra. Por que de maneira clara e sen eufemismos non lles pedimos de xeonllos que dunha vez nos elixan como pais residencial, cómodo, con tan bo clima como con facilidades legais para poder levar a cabo as súas actividades que, á fin, son, parece, as únicas que producen auténtica riqueza capaz de dar algo de traballo, ese ben tan escaso? Non se rían. Non andan as autoridades de Madrid e Barcelona competindo en lle facer a pelota a unha empresa que disque está disposta a crear un montón de postos de traballo a cambio de que lles consintan unha cidade sen lei para montar casas de xogo e putería ao grande, sen complexos, sen hipocrisías? Pois deixémonos de miramentos e actuemos abertamente, chamándolles ás cousas polo seu nome. Así comezaba o día o inxenuo razoador: non serán as mafias as únicas en tratar de igual a igual aos mercados, as que contan con métodos e medios para os calmar? Neste momento tan negro, continuaba matinando, dúas evidencias parecen indiscutibles para as cabezas pensantes: viviamos por enriba das nosas posibilidades e non hai alternativa: recortamos si ou si. Recortamos en salario, en benestar, en sanidade, en educación, en pensións, en calidade de vida ou diante de nós o cavorco máis infernal. Estas son as dúas verdades incontestables do momento. Mire a onde queira, calquera, ata o que nunca saíu do seu barrio nin soubo en que consistía a bonanza disque por moitos gozada en tempos pretéritos, é dicir un pobre dos de sempre, repite coma se lle inxectasen unha droga repetitiva que si, que hai que aforrar máis, que había demasiado vicio e fartura, que tanta chea non podía chegar lonxe, que é hora de privacións rigorosas e axustar o cinto. Pero que cinto? Iso entra na comparación do tópico admitido de que son os funcionarios uns dos culpables directos e principais da desfeita que padecemos, coma se durante a orxía do ladrillo e o casino financeiro participasen do máis mínimo beneficio, sendo o certo que levan dez anos sen recibir unha miserable esmola de actualización do seu salario. Tanto ten: a verdade que non se debe discutir é que viviamos (e aínda vivimos, por iso hai moito de que se privar) por enriba das nosas posibilidades. Todos? Sen distinción? Sen aclarar quen? Parece que si. Aquí, do primeiro ao último, á hora das culpas, todos somos iguais, con idéntica responsabilidade. Tanto ten un executivo que di merecer oito millóns ao ano pola súa capacitación e valía para dirixir e crear riqueza coma un empregado de catorce mil. Á hora de vivir por enriba das súas posibilidades, probablemente o mileurista se exceda máis, moito máis, é case seguro que tomou dúas cervexas por enriba das que lle corresponden ao mes, e por iso o mundo padece esta crise e debe sufrir as consecuencias da súa poderosa e incongruente irresponsabilidade. Non buscabas igualdade? Tómaa! Como saír desta?, pregúntase o inxenuo razoador. Só hai unha porta. Unha soa? Unha. Única. Invariable: sacrificio, aforro, vivir de acordo coas posibilidades de cada quen. Quen vivía por enriba das súas posibilidades? Os asalariados, os pensionistas, os funcionarios, os cidadáns que, moi mal acostumados, pensaban que ir ao médico ía ser para sempre gratis, aqueles que buscaban unha escola tamén gratuíta coa itención de ir detrás da igualdade de oportunidades, as persoas normais e correntes que procuraban co seu traballo unha cidade e un país limpo, ordenado, seguro, libre, creativo. Eses deben axustar o cinto porque estaban comportándose de xeito moi pícaro e nugallán: enganaban aos bancos obrigándoos a concederlles uns créditos que nunca tiñan pensado pagar, votaban aos seus representantes políticos para que convertesen a corrupción nunha maneira de gobernar, confundían a lexisladores e maxistrados para que as leis os favorecesen de maneira descarada, amedrentaban aos propietarios das grandes multinacionais esixindo e conseguindo salarios desproporcionados, ameazaban desherdar aos fillos estudados se aceptaban un traballo por menos de 3.000 euros ao mes, embarcáronse en guerras e negocios escuros de tan enormes proporcións que no podían dar máis ca no que deron. Consecuencia? Padecer os recortes e axustes que sexan necesarios. Non queda outra. Non se podería, suxire o inxenuo con timidez, pedir aos potentados unha miga de colaboración, por exemplo unha razoable reforma fiscal? Cala, estúpido, retrucaranlle, queres que todo vaia peor aínda, que se acaben de enfadar e nos castiguen coa pobreza máis absoluta? Silencio e a pasar polas privacións que sexan precisas! Incluso sanidade e educación, tamén pensións?, atrévese a preguntar de novo cun fío de voz. Sen dúbida, pois non outra cousa vén sendo vivir por enriba das nosas posibilidades: usar educación, sanidade e pensións que non nos podemos permitir. Entón, dirá o inxenuo razoador, apúntome á idea primeira: que veñan as mafias, que se instalen e gocen de toda vantaxe, que movan o diñeiro agora ao morno e dean algo de vida, se cadra ata caen unhas faragullas de traballo, ese ben tan desexado... Estás seguro do que dis, inxenuo razoador? Realmente queres que este remedo de democracia, de xustiza, de igualdade de oportunidades quede esnaquizado na ostentación pornográfica do badoco estilo mafioso? Non será mellor vivir nas sombras, resignarse e aceptar que non hai alternativa, deixar que sigan premendo en nós? Atrapado na indefinición, no medo, atrancado na indecisión e na covardía, o inxenuo razoador cae na conta da maior tristeza do momento: canto máis preme a evidencia da inxustiza sobre un, máis obrigado se ve á resignación, a quedar sen pulo para a rebelión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.