domingo, 15 de abril de 2012

MAMAR BÁGOAS E LEITE MORNO


SE con ollos de vello, de home canso, miramos a situación actual, sentimos a tentación de aceptar aquelas frías palabras de Shakespeare coas que anunciaba que os nenos de peito mamarán as bágoas dos ollos da súas nais. Se permitimos que os pensamentos se arremuíñen coma unha roda do oleiro, caeremos no desespero e na negrura da resignación. A noticia do suicidio dun xubilado grego ás portas do Parlamento en Atenas deu a volta ao mundo. Parece a exhibición máis tráxica das consecuencias deste andazo de penurias ás que nos conduciu o despropósito da cobiza, a corrupción, o producir por producir, gañar por gañar. Sen dúbida corren malos tempos, e a chantaxe insaciable á que nos vemos sometidos lévanos a un medo difuso que non permite albiscar ningunha alternativa á proposta de solución para as clases baixas e medias : ou recortas considerablemente o teu nivel de vida ou todo irá a peor; ou retrocedes en dereitos e aspiración de igualdade, aceptas claramente que deben medrar as desigualdades de xeito groseiro, ou os bebés que veñan (se veñen) mamarán bágoas dos ollos das súas nais. O ministro De Guindos lanzou sen complexos a ameza: se non lles gustan os axustes que nós propoñemos, esperen polos que lles aplicarán outros e saberán o que é bo.
Existe, sen embargo, un lóstrego de esperanza, un raiar o día contra o desespero e o medo que nos invade: a fortaleza que despiden e contaxian os mozos que se atreven nestes tempos a ter fillos. Mocidade decidida que non se deixa amedrentar polas ameazas, que confía nas súas forzas para enfrontarse ao futuro por triste que o pinten. E non por inxenuos nin irresponsables, senón, todo o contrario, por valentía meditada ausente de cálculos de curto alcance, por decisión apuntalada na enerxía que proporciona o desexo de vivir e dar vida. Están preparados, estudaron, coñecen o mundo, dominan linguas, viaxan, saben dos riscos, resisten a pesar de que experimentan cada día que non contan con eles en proporción a todo o que poderían aportar, pero confían en que o seu momento ha chegar. Son estes mozos os mellores opositores á resignación á que queren condenarnos, a evidencia de que dalgún xeito o rumbo virará e para mellor, ninguén aposta pola vida para logo renderse diante dela. É esta mocidade hoxe mal pagada, dando horas sen taxa e o mellor de si a empresas que na maioría dos casos non os valoran como se merecen, esta que se atreve a ter fillos a pesar de todo, a clara demostración de que, aínda que nalgún momento haxa que dar de mamar ao meniños bágoas de ollos de nai, chegará o momento no que tamén poderán mamar o leite máis morno e tenro, o que os encherá de folgos para vivir.

1 comentario:

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.