TEÑO A SEGURANZA de que o ministro Gallardón non precisa autorización e menos orde ningunha dun presidente de Pontevedra para converterse en protagonista principal deste Goberno, excepción feita, claro, dos ministros económicos. Aínda que puidera parecelo, porque o certo é que a Rajoy vénlle de perlas un personaxe ambicioso e brillante como o ministro de Xustiza, animado a facerse ver con asuntos que nos distraian " de lo que a la gente de verdad le preocupa" (lembran?). Comprobado que a pesar da maioría absoluta, do sentido común e de actuar como Deus manda (que debe ser, ao ditado dos mercados), os condenados mercados non confían en nós, o crédito non flúe por máis que todos insistamos en que a empresas e familias lles viría como á terra a auga, que non se poden rebaixar os impostos tal e como se prometera para inxectar alegría aos inversores, e advertidos de que a creación de emprego hai que pospoñela ad calendas graecas, resultaría crible que o presidente lle encargara ao hábil Gallardón que enredase unha miga con discusións que sempre excitan aos cidadáns. Pero eu penso que non, que non actúa ao mandado de ninguén, que é por vontade propia.
Estaba tan ansioso por actuar como ministro, que só nomealo estalou con varios lóstregos que prometían, pero ante a luz cegadora das competencias de Montoro e De Guindos, o pobre Gallardón estábase apagando. Incapaz de soportar tanta tebra, tirou de intelixencia e aí o temos embarcado nesta reflexión de filosofía natural á que nos arrastra coas súas brillantes manobras dialécticas: a autenticidade da muller. "La maternidad libre hace a las mujeres auténticamente mujeres". E como para argumentar non lle faltan estratexias, adobía o enunciado cunha frase previa de Azaña. Así se discute: cando pretendas acabar un argumento nun extremo, busca previamente unha cita de autoridade do extremo oposto, quen pretenda retrucar quedará inicialmente desconcertado. O caso é que, entre volta e reviravoltas, os parlamentarios enguedéllanse nunha discusión sobre se a muller é máis auténtica sendo nai ou sen selo. Por suposto que os homes quedamos fóra de tal filosófica pregunta, sabido é que sendo pais ou sen selo, case nunca somos auténticos. Pero debo recoñecer que a pregunta non carece de fondura. Liberdade, maternidade e ser muller auténtica poderían dar para unha tese tanto ou máis ca outras que teño visto. E a Gallardón mantéñeno nas primeiras dos informativos, o que lle serve para demostrar que non só é un chapón de oposicións á fiscalía, senón que domina a arte da argumentación e a dialéctica. O que dubido é que ao seu presidente, a pesar de que nos manteña distraídos, lle guste a discusión, el era, recordarano, acérrimo defensor de se dedicar sen perda de tempo a "lo que a la gente realmente le importa".
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.