domingo, 22 de abril de 2012

NON VOLVERÁ A OCORRER

A resposta infantil diante dunha falta cometida pode resumirse en tres estilos. O primeiro e máis frecuente corresponde ao da negación. Eu non fun. A resistencia a admitir o feito por evidente que este sexa. Negacións diante do constatado con tanta teimosía e persistencia que mesmo quen o está presenciando comeza dubidar. Equivocaríame cando o vin copiando, insultado ou pegando ao compañeiro, preguntámonos con frecuencia a pesar de ter probas inequívocas. Porque o infractor mantense seguro, firme, imperturbable na súa negativa: eu non fun. E non resulta doado sacalo de aí. O máximo que se pode conseguir del, se o interrogador é hábil, é que desprace a culpa fóra: eu estaba alí e rin, pero o que insultou e humillou foi outro. E dese círculo non saen. Negar e desprazar a culpa acaba nun círculo impenetrable que aburre o máis perspicaz e tenaz dos investigadores. Algúns políticos agora caladiños coma petos deron mostras desta conduta infantil no comezo da crise e así nos foi. Pensaron, coma nenos que negan a realidade, que con tapar a evidencia os feitos acabarían por morrer e que con achacar os males á situación internacional, a responsabilidade quedaba diluída. Eu no fun, a culpa que recae sobre os demais é resposta infantil moi utilizada por nenos inmaturos e con non demasiadas luces. Acaban sempre por ter que admitir a súa túzara negativa e avergoñados por tardar tanto en recoñecelo. Non é a máis beneficiosa das respostas diante dunha falta cometida. Outros, máis cínicos e con máis experiencia na arte de cometer falcatruadas, menten cun descaro frío que paraliza, desconcerta e engana a quen os ve. Cambian a versión as veces que faga falta, implican a quen lles conveña no seu discurso de engano, varían de estratexia no medio do interrogatorio segundo sexa mellor para os seus intereses e despistan cunha facilidade asombrosa a base de repetir sen descanso mentira tras mentira ata cansar e aburrir. Non deixan, por suposto, de desprazar a responsabilidade sobre os demais nin tampouco escapan da negación se lles convén, pero o seu discurso, máis elaborado e malicioso, persegue retardar as consecuencias ‘sine die’ ou ata cando as circunstancias lles sexan menos penosas ou incluso beneficiosas. Para iso lanzan sondas de proba, analizan a reacción diante de cada estratexia, ameazan, zigzaguean, canean e surfean sobre os feitos como magníficos domadores de ondas. Xa saben, traspasado ao mundo da política de adultos (adultos?) vén sendo iso de: ti baixas o salario aos funcionarios e aos pensionistas, eu xamais farei tan despropósito; a min non me queda outro remedio que actuar así por causa do que ti antes fixeches; non vai pagar igual Botín ca calquera outro cidadán na seguridade social; nunca subiremos impostos; a sanidade e a educación son intocables; colaborar no pago das menciñas é algo que, ademais de se levar a cabo en tódolos países do contorno, serve para evitar o pago por servizo médico; aquí todos temos que arrimar o ombro; amnistiar aos que enganan ao fisco é unha medida beneficiosa para todos; nós somos os que nos ocupamos de que os bancos acepten o pago por dación e os únicos que nos atrevemos a baixar os soldos dos seus executivos (600.000 euros/ano); isto non terá efecto inmediato, pero co tempo hase de ver o froito; os mercados seguen sen confiar, a bolsa regresa a posicións do ano 2009, pero iso continúa sendo un efecto do desprestixio ao que nos levou Zapatero; e, por nos deter na actualidade, Arxentina despide a unha firma potente española, pero iso non obedece á escasa capacidade diplomática do goberno actual, senón aos efectos alongados do executivo anterior e a que os arxentinos son moi burros e moi malos (o que estariamos escoitando sobre a debilidade, ineptitude e incapacidade para a defensa de España se isto ocorrese co goberno anterior...). En fin, estes nenos din os que lles cadre con tal de seguir mareando a perdiz e non admitir nada en contra. Ganan tempo e supoñen, posto que nunca choveu que non escampase, que a melloría algún día chegará, o caso será continuar en condicións de sacar tallada para cando o cambio de onda se produza. Por último, hai o neno ben intencionado, o débil de carácter, que acepta a súa culpa por pouco que lle aperten as caravillas. Si, fun eu, admiten dando mágoa. Non o quería facer. Perdón. Non o volvo facer nunca máis. Prométoo. Pero xa sabemos en que soen dar os resultados destas promesas: boa intención pero escasa vontade, a maioría non tardan nada en volver ás andadas e caer non mesmo erro. Iso si, se os volven cazar, outra vez se anican, piden perdón e insisten en que nunca máis volverá ocorrer. Xa ven, tres condutas infantís. Non sei cal das tres é máis prexudicial. O que non parece ofrecer dúbida é que a un gustaríalle que os seus gobernantes, dunha vez, deixasen de se comportar coma nenos e se convertesen en homes feitos e dereitos. E mulleres feitas e dereitas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.