O PROBLEMA non son os cartos. Será por cartos. Non podreceron nin se evaporaron. O malo é que foxen coma auga dun goxo. Non hai quen dea termado deles. Líquidos e áxiles buscan as regañas polas que filtrarse para desaparecer da terra erma. Buscan prados e vales nos que medrar, queren sol e auga fresca. Outras terras máis fértiles e os paraísos fiscais acollen sempre a estes cartos desencantados e inseguros. Nunca pousarán onde reine o temor e a inseguridade. España converteuse nun dos reinos máis inseguros de Europa. Pero a propia Europa vai toda camiño da incerteza. Unha mágoa, porque era (é) un proxecto posible. Complexo. Pesado. Un proxecto lento, revirado, freado por nacionalismos ruíns, paralizado por unha maquinaria burocrática inoperante. Pero talvez o proxecto máis atractivo da segunda metade do século XX. Mais por tanto peso e inoperancia, Europa estase atascando, tarda en decidirse, cae no trasacordo, dubida, obedece a amizades tramposas. As poleas de decisión moven con tanta dificultade a maquinaria que os cartos foxen, temen racharse no renxer de rozar ferro contra ferro. E engánanse os países que se consideren superiores e a salvo, aqueles que pensen que aproveitándose da quebra sacarán tallada. Se o proxecto rebenta, perderán todos, non sós os cinco que xa manifestan os síntomas da infección aguda.
O problema non son os cartos. Eles sós non teñen vida. O problema é claramente político: a falta de decisión e cohesión en Europa. Como que non é posible cambiar de rumbo? Cómpren líderes convencidos da necesidade de axilizar as institucións, que as convertan en verdadeiros motores lixeiros de decisión conxunta e eficaz. Exasperan catro anos de tan lentas reunións para repetir erros. Necesitamos repensar o proxecto, recortar burocracia inútil, podar organismos baleiros, alixeirar a maquinaria que paraliza e retarda toda medida eficaz. E non temer perder soberanía en favor da transparencia, a cohesión e a solidariedade. Repensar o proxecto significa establecer xerarquías, saber se é antes o home ou a ganancia, a educación e a saúde ou a falta de regulación para que imperen os sen escrúpulos. Porque Europa é o problema, está dito, pero non o é menos que tantos cartos estean en mans de ladróns desalmados, pois xa se sabe que non hai nada tan firme como a amizade entre ladróns. Europa debería facerlles front e.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.