sábado, 2 de junio de 2012

POBRE MARIO CONDE




COMPROBADO que é máis difícil que un banqueiro acabe na cadea –aquí, en Alemaña ou en Singapur– ca que un camelo entre polo burato dunha agulla, supoño o que debe pasar pola cabeza de Mario Conde estes últimos meses, máxime agora que se recordan detalles da súa condena. Coa que está caendo, pensará, como eu, única alma expiatoria deste país, puiden caer no cárcere. Non me estraña que como mecanismo de equilibrio se acolla a canta hipótese de conspiración se lle ocorra. No seu lugar, a min non me contentaría a explicación de que varios presidentes do goberno arrimados a banqueiros rancios lla xurasen por envexa, temor, rancor ou o que fose. Non apreciaría razón convincente sen meter no complot a grupos pesados dos EEUU, presidentes de nacións poderosas e outros donos do mundo encargados de desfacerse dun mozo arrichado de Tui experto en facerse rico, ata o punto de se atrever a competir coa aristocracia intocable e inamovible dos cartos.
Non me digan que calquera de nós, no seu lugar, non estariamos con pesadelos cada noite nos que participarían Blesa, Rato, Pego, Méndez, Pages, Parra, Amorós, Moltó, MAFO, se esquecer aos Botín e outros clásicos aos que el debe coñecer en calzóns. Como, tirará dos seus cabelos mentres se cobre de borralla, puiden ser eu o único que paguei por uns débiles pecados veniais cando outros, afogados en podremia e cheirume fétido, corrosivo, tanto como para estar a punto de afundir un país, manteñen a serenidade, o silencio orgulloso, a defensa firme, convencidos de que a súa actuación respondeu ao momento, ás duras e variables circunstancias. Acordaralle, claro, o falecido presidente Rojo e innumerables personaxes que se confabularían para acabar con el. E recoñecerá, talvez, que igual que naceu co don da clarividencia para ver negocio onde outros no vían nada, tamén lle tocou o sino de que confluísen contra el todas as galernas de intereses cruzados encargados de liquidalo (é un dicir: unha vez no alto, por frío que vaia, non é doado caer esmendrellado). Líbreme a corte celestial de facerlles pensar que é isto unha defensa débil e a destempo de quen ningunha defensa precisa, nin se cadra merece. Pero o certo é que, volvendo ao inicio, certificado como está que antes morremos coa fame ou a coitelo a maioría da poboación ca permitir que un dono dos cartos acabe na cadea, mal se dá explicado que Mario Conde puidese pasar os anos que pasou á sombra sendo como era banqueiro de moda. Se cadra por iso: por se facer ver máis do debido. Demasiado peiteado e chulo, díxome nunha ocasión unha amiga. Estes paxaros de agora agóchanse coma teupas, malamente imos sabendo das súas trapalladas, e aínda despois de coñecelas, coma se nada, outra vez desaparecen, eles e os cartos, e aquí non pasou nada.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.