sábado, 9 de junio de 2012

BUSCAR UN TRABALLO DE VERDADE

Quen mellor saben buscar traballo son as mulleres. As estatísticas poden dicir o que queiran, pero cando realmente estala a desgraza de quedar sen emprego, quen primeiro se agarra ao que sexa para seguir tirando da casa e manter aos fillos é a muller. Limpa escaleiras, coida vellos, fai horas en varias casas, préstase ao que apareza con tal de sachar euro a euro o indispensable para a subsistencia. Elas son as que nos peores tempos pelexan contra vento e marea, sen perda do corpo, descoñecendo todo orgullo e vergonza, a única vergonza é non poder dar de comer aos nenos. Pouco lles importa que o traballo pinte duro ou brando, que as exploten moito ou pouco, que o salario mereza a pena: se hai que ir, vaise; se toca partir o lombo, pártese. A maioría das mulleres, incluso nas peores condicións, será raro que se deixen vencer polo desánimo, a queixa ou a depresión. Sobre todo cando hai fillos aos que manter, vestir, levar á escola, ás veces incluso malcriar, elas non agardan chamada da oficina de emprego, nin se distraen nas prazas ou no bar a ver se cambian as circunstancias, nin miran que as condicións sexan malas o pésimas. Non hai escusa. Unha forza e sentido prácticos exclusivos dánlle alas para atopar os últimos cinascos de emprego que se ofreza. Por iso, claro, están máis expostas aos empregos máis precarios e máis veces das que se admite traballan por riba das súas forzas, aínda que consten como paradas Pero non é destas dignas buscadoras de traballo de quen lles quero escribir hoxe, senón duns expertos en manter permanentemente o seu emprego a costa de que diminúa entre a poboación. E digo emprego por dicir algo, porque do que se trata é de hábiles prestidixitadores que transforman o conto e a charlatanería nun modo substancioso de vivir. Refírome aos chupatintas, mediadores, comisionistas, tramposos, subornadores, falsificadores, amañadores e larpeiros que abundan tanto neste país e que souberon converterse en indispensables para establecer contactos, facilitar a apertura dun negocio, conseguir unha firma, recalificar un terreo, axilizar un prazo, vencer unha resistencia ou chantaxear a quen estorba. Son tantos e foron tan vivos, que, non contentos con instalarse na vida fácil, lograron a fazaña de convencer ao resto da poboación de que son importantes e admirables. Chegaron a ter prestixio e a ser envexados. Sen o máis mínimo pudor, calquera destes caralavadas alardea da súa facilidade para infrinxir a lei, machacar ao débil, estafar ao honrado ou tentar con subornos ao máis honesto. Esta tropa, tan abundante como imprescindible para a vida diaria, é en gran parte a causante de que moitos que si quere traballan non poidan facelo. Convertéronse nunha caste imprescindible para o funcionamento dun sistema podre, apañáronse para darse a valer, impuxeron incluso moda e estilo, gastan e fanfarronean , convencidos de que eles son os que moven a economía. Son estes mediadores da corrupción, empregados da toxicidade do sistema, os que primeiro critican aos que eles consideran lacazáns e pouco dinámicos. Téñense a si mesmos por laboriosos e benfeitores do ben común, cando só miran o seu ego mesquiño, o seu inconsciente baleiro vital. É en grande medida esta ralea estendida por tódolos niveis da administración a culpable de que tantos mozos e homes de mediana idade, mulleres, xente estudada e menos preparada, anden agora en malas horas ansiando un emprego ou matinando en emigrar por necesidade. Entender que son só eles a causa de tanto paro neste momento é dun reducionismo simple. Pero resulta inevitable a repulsión que produce esta canalla orgullosa e despectiva empoleirada no seu noxento modus operandi. A podremia que esta caste estendeu no enramado social é dunha forza inconmensurable. As institucións e as empresas permitiron que estes laboriosos roedores acabasen coas bases sólidas do traballo, o esforzo e a dignidade. Moitas series reflicten hoxe con mestría o tecido sociolóxico do momento coas artes do mellor cine. Non son eu só en dicilo. Nunha delas, The Wire, aparece unha escena na que se resume todo de maneira maxistral. Nun despacho de altas misións reúnense varios directores supremos da cidade de Baltimore: o alcalde, o xefe da policía, o fiscal e algún fino asesor. Atentos cada dun á loita desapiadada polo seu campo de interese, entran nunha defensa violenta. O alcalde pensa nos votos, o fiscal na reelección, o xefe da policía en manter o seu posto, todos, interesados máis que nada por manter o seu traballo, acusan e tratan de extraer do outro o que máis os pode favorecer. O alcalde quere que se reduzan os crimes antes de fin de ano, o xefe da policía pretende reducilos a costa de enviar aos máis incautos maleantes que pille á cadea, o fiscal acúsao de pretender saltar os máis elementais procesos xurídicos. O conflito medra en intensidade, acúsanse uns aos outros, ameázanse, parece que todo vai estalar en calquera momento ata que intervén o moderador do grupo, o hábil conciliador. Non ten máis ca dicir unha frase: señores, non quero que teñamos que buscar un traballo de verdade. Nese instante os sorrisos regresaron á cara de todos, as boas maneiras impuxéronse, a amabilidade e a cortesía hipócrita dominan o espírito da reunión. Aos paxaros dos que lles falaba, esa caste experta na corrupción e na arte de ganar sen producir nada, entre a que abunda bastante político e elevado funcionario mediocres e superfluos,ocórrelles outro tanto: ceden, amañan entre eles, renuncian, protéxense, deféndense, liman a lei ata que lles acae ben, modifican as regras de xogo, castigan, afunden a quen sexa. Todo con tal de no buscar un traballo de verdade. Iso que o fagan as mulleres que deben sacar adiante a familias completas sen un mínimo salario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.