domingo, 24 de junio de 2012

DEUS CASTIGA SEN PAU NIN PEDRA

Tal e como está o país e o mundo, ata dá pena meterse co presidente do goberno. Eu, que fun educado en estrito colexio de curas, son moi mirado á hora de cargar contra quen pretende conciliar os intereses da maioría, como entendo que intentan todos os presidentes. Neste momento, no que vivimos unha agonía tortuosa, case se me quitan as ganas de petar contra un gobernante zapateado polas adversidades sen respiro. Pero, se me ven ao acordo o seu estilo partidista e desleal co país para conseguir o cargo, non teño máis remedio que recordarlle ao sr. Rajoy que pola súa propia culpa se lle acumulan moitos dos males que o desconcertan e que, como diría miña nai, Deus castiga sen pau nin pedra. Durante a súa etapa de conquista da presidencia, Rajoy demostrou dúas verdades incuestionables: que se pode ser presidente do goberno de España sendo galego e non dando nin unha triste palabra en galego, case con arrogancia, con estudada teimosía; e, tamén, que se aproveitamos as desgrazas complexas, excepcionais, extremas, en gran medida globais sobre un país centrando a culpa contra dun moneco expiatorio (Zapatero), o conxunto dos votantes pode chegar a crer que é certo, que todas as desgrazas sucedían única e exclusivamente por aquel inepto e desnortado presidente (o peor da democracia, dicíase con certeza científica), que non atinaba unha a dereitas nin a esquerdas e que nos levaba sen remedio ao pozo da ruína económica e moral. Esa foi a táctica de Rajoy e os seus asesores, pretendendo aínda agora estirala (a cada paso menos, non dá máis de si a falacia) amarrándose á herdanza pezoñenta recibida, esperando resistir ata que os ventos amainen internacionalmente. Na práctica, non en galego, xa sabemos que Rajoy non fala, viña dicindo: arredádevos, aí vou eu, un home preparado, cun equipo honrado e de excelencias, formal e serio, traballador, con palabra e capaz de gobernar con sentido común e para todos; que se arreden os que están afundindo o país, que aquí chega o salvador: mercados, políticos autonómicos e internacionais, empresarios, inversores, elites e clases medias daranse conta que nós si sabemos o que lle interesa á xente, somos rectos e firmes, non mentimos, nin andamos con trasacordos, somos de fiar. Isto sálvase en canto se convoquen eleccións, se arrede o mal e entre eu, o salvador. Nin seis meses fixeron falta para contrastar que nin verdade, nin confianza, nin mellora, nin trazas, sobre todo se temos en conta a conduta trapalleira, frouxa, atordada e case digna de mágoa do actual presidente. Queimados os folgos nas primeiras medidas agresivas que lles estalaron nos fociños coma foguetes sen pólvora (reforma laboral, suba de impostos, recortes en educación e sanidade, submisión absoluta a todo canto intuían lles gustaría aos poderes exteriores), entrou el co seu equipo en etapa de incredulidade. Coma boxeadores tocados manifestaban os seu desconcerto a través dos medios nacionais e internacionais clamando no deserto: fixemos cantos nos solicitastes, esprememos á poboación ao máximo, fomos contundentes, aí está a reforma laboral, velaí as promesas de que seremos serios e guiadiños... que máis esperades de nós, pregúntanse desorientados, valédenos, botádenos unha man. E nisto esboura Bankia. E despois chega o crédito salvífico que non é rescate. E aí temos ao pobre presidente dicindo hoxe unha verdade, mañá outra, sen enganar nunca, primeiro solucionando problemas a base de exercer presión coma un machote para ir ao fútbol contente, logo recoñecendo que o rescate financeiro non quedou de todo aclarado; ora arrimándose a Merkel a ver se lle caen unhas faragullas, ora implorando ante Obama (supoño que con el si falaría galego se fixera falla) que o salve desta cruz, sempre e en todo lugar, repetindo os cinco puntos ben aprendidos que o seu equipo lle ensinou e que por máis que os pregoa non convencen nin a Krugman de que ten un plan. A pesar do apuro e desconcerto, aínda lle quedan tics do pasado para lanzar de vez en cando a receita á que recorre como remedio falso: todo isto ocorre porque antes non se fixo o debido. Non tal. Todo isto ocorre porque nin o presidente anterior ni o actual abordaron o problema con amplitude de miras, con humildade e xenerosidade, antepoñendo o ben do país ao de partido e ao particular. Todo isto ocorre porque nunca chega o momento de aceptar que é de tal gravidade o problema, que para pesar algo en Europa, enfiar nun camiño de recuperación e dar confianza ao mundo de que somos un país fiable, os dous principais partidos deben acordar uns mínimos dispostos a defendelos con uñas e dentes. Todo isto ocorre porque temos políticos tan mediocres e curtos que se conforman con gobernar coa idea de que non goberne o contrario, non co fin de arrimarse en momentos excepcionais. Todo isto ocorre porque desgastando ao contrincante, desgastouse ás principais institucións do país e ao propio país no exterior. E así, tal e como el menosprezaba ao seu antecesor, estano desprezando a el agora na casa e fóra. Non as fagas, non as temas. Pero iso, á fin, é o de menos, o malo é que quen máis padece é a poboación sobre a que recaen os despropósitos destes enredadores de falsas solucións.




PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.